“Os tres principios básicos do Código Deontolóxico: Dignidade, igualdade e liberdade da persoa, son para min fundamentais na práctica diaria”

Hoxe conversamos con Emma Seoane, especializada en familia e infancia e con case 20 anos de experiencia como Traballadora Social, actualmente exerce a súa actividade laboral nos Servizos Comunitarios básicos no  Concello de Carral.  Asemade, dedica  parte  do  seu tempo á docencia, e como  mostra disto está o curso que  confeccionou para o  COTSG: “Intelixencia Emocional e  Deontoloxía Profesional aplicada  ao  Traballo Social. Con esta entrevista pretende achegarnos a unha  ferramenta esencial para o  Traballo Social, o Código Deontolóxico, así como a súa relación coa intelixencia emocional na práctica cotiá da  profesión.

¿Como se relacionan a teoría e a práctica en Traballo Social?

Está claro que a teoría  é importante, pero  tamén  é  verdade que bebe da práctica.  Nesa dinámica cotiá de  traballar con  persoas é cada día  unha  novidade.  Dispós dunha formación,  dun Código  Deontolóxico que che acompaña, sen embargo, cada  persoa que entra no  teu despacho está  nunha situación totalmente distinta,  polo que aí  é preciso encaixar todo o aprendido xunto  coa  lexislación  vixente para que todo en  conxunción se  axuste a esa  persoa e a súa situación.  Ademais aquí entran os  nosos propios  prexuízos, que seguen aí, e  hai que  pelexar con  eles para que  non afecten a intervención social. O meu  mantra  é: “se  non conectas  coa persoa usuaria  ou  non  che cae en graza,  dobre  esforzo sempre”.

¿Que importancia ten a intelixencia emocional na intervención social?

Vivimos atafegados  pola  tecnoloxía,  expandíndose de tal  xeito que a  persoa, en  moitas  ocasións, queda  illada das vinculacións afectivas e  das  emocións, polo que precisamos  poñelas enriba mesa  máis que nunca. Para  min, a  intelixencia emocional significa adaptarse ao mundo actual pero sen  deixar de lado  as  relacións e  as  emocións. Ás veces algo tan básico como a comunicación é esquecida, de  feito,  ocorre  moito que a demanda das  persoas que  veñen  ao  teu despacho é simplemente a de falar, a de comunicarse.

¿Que achega a  intelixencia emocional  ao  Traballo Social?

Se  tes  unha  boa  intelixencia emocional e es consciente  desas  emocións, podes  manexar  moito  mellor o  teu día,  previndo, por  exemplo, o Síndrome de  Burnout.  Ademais, saberemos  facer  unha  mellor lectura das emocións  da persoa usuaria, por exemplo, “hoxe está  máis receptivo,  vou probar a afondar  naquel tema sensible…”.  Poderemos ser mais asertivas,  cunha  mellor  escoita activa e unha  mellor comunicación  transmitindo o que precisamos. É  un xeito de explorar os nosos límites,  aprendendo  tamén a  dicir  non,  sendo conscientes de que somos seres humanos e que  ás veces  non  temos  resposta para todo, mesmo detectar a  nosa sobrecarga.

Para ti, ¿Cal é a importancia actual do código deontolóxico no día a día?

Serviume  sempre como a base que  teño encima da mesa cada día, sobre a que  traballar e sobre a que  construír  as  intervencións. Os seus tres principios básicos:  Dignidade,  liberdade e  igualdade da  persoa, son para  min  fundamentais  na práctica diaria e  ninguén deberiamos esquecelos,  é o  noso mínimo  na intervención.  Despois,  é  verdade que temas como a coordinación que  tamén articula o código, debemos relelo cada  pouco tempo porque nos costa  máis. Ás veces esquecemos o que  é a coordinación  para ir en conxunto na  mesma dirección con esa  persoa, e entre todas e todos pensar, ¿cal  é a vía? Sempre esa  persoa  é  o centro  do  nosa intervención.

 ¿Que nos falta para integrar a  intelixencia emocional e o código  deontolóxico de  xeito  máis efectiva no  noso día a día?

Por unha banda nos falta Formación en intelixencia emocional. Tanto nas crianzas como  na propia  carreira universitaria  hai  unha desconexión entre a teoría e a  praxe, e sen embargo, a  intelixencia emocional e as habilidades para  intervir adquírense con esta última. Por  outra banda, falta afastarnos deste perfil de  traballador/a social tramitador/a,  máis  burocratizado, porque ao final a tramitación ocupa a  maioría  do tempo e non queda  marxe para a intervención real, sendo aí onde está o  noso valor como  profesionais.

¿Como se entrelaza o código  deontolóxico  coa  intelixencia emocional?

Se  collemos e lemos o código  deontolóxico, en cada un dos  dereitos e deberes sacamos  unha lectura  dende a  intelixencia emocional: o  dereito da  persoa a autodeterminación relacionase directamente  coa  escoita activa, por  exemplo. O código  deontolóxico ten  moito de  intelixencia emocional, dado que o debemos de poñer encima da mesa cada día  nas  intervencións.  Temos un documento magnífico que forma parte  do sentido común das e dos profesionais do Traballo Social, e  ás veces,  perdémolo de vista. A  nosa parte común como  profesionais debería ser o Código  Deontolóxico, dado que cada  persoa  é diferente e  temos personalidades diferentes, pero o noso prototipo de profesional márcao este código.  

Como podes observar o Código Deontolóxico é unha ferramenta esencial e actual a que debemos acudir cada día, da man da intelixencia emocional faran que as nosas intervencións sexan mellores e máis humanas. Se queres obter máis coñecementos acerca destas dúas ferramentas clave para o Traballo Social, recorda que as inscricións o curso que impartirá Emma Seoane, están abertas, podes acceder aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *