O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

“A cuestión clave é que as traballadoras e os traballadores sociais sexan recoñecidos polas administracións educativas e valorados pola comunidade escolar como figura de referencia do benestar e de protección do alumnado”

Entrevista a Mª Dolores Soler,.

Dolores Soler é traballadora social e posúe unha extensa experiencia no ámbito educativo e social.  Exerce a súa labor profesional na Unidad Especializada de Orientación de Alicante da Consellaría de Educación de la Generalitat Valenciana. Aproveitamos que estivo en Galicia, onde participou na I Xornada de Traballo Social Educativo: A peza que falta! o 27 de abril para que nos contara algo máis da presenza da nosa profesión no sistema educativo.

  1. O Traballo Social no sistema educativo é pouco coñecido, incluso dentro da nosa profesión, con todo non é unha actividade profesional nova. De feito fai unhas décadas estaba máis presente nos centros escolares. Que cres que sucedeu para que se producirá esta regresión?

A incorporación de traballadores e traballadoras sociais ó sistema educativo ten sido un custoso  proceso que se remonta ós anos sesenta do século pasado, no que o incremento do número destes profesionais foi simultáneo á creación dos servizos de apoio escolar en anos posteriores e á posta en funcionamento das equipas multiprofesionais dos servizos psicopedagóxicos e gabinetes municipais. A promulgación das diferentes leis educativas dende entón e o seu posterior desenvolvemento nas comunidades autónomas obviou en moitos casos ó Traballo Social como especialidade dentro da configuración das equipas de orientación educativa, dos centros de educación especial e dos centros con necesidades singulares.

De feito,  foi unha figura profesional pouco coñecida e pouco recoñecida, tanto dende o propio sistema educativo como pola sociedade. As causas desta regresión atopámolas en que non houbo por parte das administracións educativas un plan definido, nin unha consideración do valor estratéxico que ten o Traballo Social na Educación como recurso para asegurar o dereito á educación dos que teñen necesidades educativas, familiares ou sociais e están expostos a riscos e vulnerabilidades. Tamén podemos  sinalar como causa a falla de renovación de vacantes de traballadoras e traballadores sociais tras a súa xubilación e, ao mesmo tempo, a incorporación ó sistema educativo doutros perfís profesionais de atención á comunidade do ámbito social. 

2 .¿Que funcións básicas compoñen dende o teu punto de vista o  Traballo Social en Educación?

As funcións que desempeñan as e os profesionais do Traballo Social en Educación son complexas e diversas, engloban múltiples aspectos como a prevención, a valoración diagnóstica, a intervención directa, o seguimento e a derivación do alumnado con necesidades educativas e sociais ou en situacións de risco. En canto ás familias, ó profesorado e ós centros educativos, realizan labores de asesoramento, mediación e acompañamento ante as problemáticas sociais. Tamén se coordinan cos diferentes axentes educativos e cos recursos sociocomunitarios.

Todo o que realizan as traballadoras  e os traballadores sociais do sistema educativo ten por finalidade asegurar o dereito á educación para todo o alumnado, independentemente das súas singularidades, circunstancias e necesidades individuais, no marco da xustiza social, a equidade, a igualdade de oportunidades e a inclusión.

3. ¿En que comunidades autónomas existe unha base normativa que garanta a atención social ó alumnado dende o sistema educativo?

Un dos déficits que vimos arrastrando no sector é precisamente non contar cun marco normativo que clarifique e limite ó Traballo Social en Educación. As leis educativas estatais precedentes e as que están en vigor na actualidade, Lei Orgánica 2/2006 (LOE) y Lei Orgánica 3/2020 (LOMLOE), no fan mención algunha ó Traballo Social, aínda que poñen énfase na equidade, na igualdade de oportunidades, na non discriminación e na inclusión, establecendo as coordenadas que serviron a determinadas comunidades autónomas para incorporar ás súas leis educativas referencias concretas ao persoal do traballo social no sistema educativo dentro das equipas de orientación. Así atopamos ordes ou resolucións autonómicas específicas en Andalucía, Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, País Vasco, Murcia, e a Cidade Autónoma de Ceuta. O resto de comunidades autónomas non contan con disposicións normativas ó respecto do Traballo Social no ámbito educativo, incorporando outros perfís profesionais de servizos á comunidade, de atención social ou mediante a cobertura que se da dende os servizos sociais municipais.

4. Máis que a coordinación, a planificación conxunta entre sistemas de atención social é básica na intervención sobre persoas, familias e grupos. ¿Pódese chegar a facer dende o Traballo Social no sistema educativo da Comunidade Valenciana?   

Aínda que se mantén a coordinación continua cos distintos sistemas de atención social, principalmente con servizos sociais e co sistema de saúde para establecer intervencións conxuntas e compartir pautas de intervención, non é posible chegar a unha planificación e intervención coordinada debido os elevados ratios que soportan os profesionais.

Na Comunidade Valenciana estanse elaborando protocolos para intervir ante determinadas problemáticas como son o acoso escolar, o maltrato infantil, as conductas auto lesivas, etc., e tamén se conta con guías para a intervención dende os centros educativos. Os traballadores e as traballadoras sociais podemos apoiar a  posta en marcha destes protocolos e facer un seguimento das actuacións en cada caso. Avanzouse moito no procedemento de coordinación entre os distintos dispositivos de atención social, pero é necesario seguir mellorando os procedementos de actuación e a coordinación para contar cun Traballo Social en rede verdadeiramente eficaz ó servizo das persoas, das familias e da poboación escolar.

5. Segundo a  túa experiencia e coñecemento dos distintos modelos organizativos, ¿como xulgas máis eficaz o Traballo Social en Educación, como soporte externo o como soporte interno? 

A miña experiencia profesional sempre foi como soporte externo en equipas multiprofesionais de apoio ós centros educativos. Considero que sendo un soporte externo resulta mais efectiva a intervención profesional, ó  non verse comprometida polos intereses propios do centro; sempre que exista un número de centros por profesional que permita unha intervención adecuada. Pero engadiría que non é unha cuestión de modelo externo vs modelo interno, senón de realidades e de necesidades socioeducativas concretas. Cada centro ten as  súas particularidades e o importante é ofrecer unha resposta que dea cobertura ás problemáticas do alumnado e das familias. En todo caso, o importante é que o traballador ou a traballadora social coñezan as singularidades da poboación escolar, as dinámicas de relación internas do centro e a idiosincrasia das familias e o contexto socioeducativo.

6. En Galicia, a atención social dos problemas sociais no ámbito educativo recae nos servizos sociais municipais. ¿Cales son os límites na intervención dos sistemas cando hai atención social no sistema educativo?

A primeira atención ós problemas sociais no ámbito educativo débese dar dende os propios traballadores e traballadoras sociais de Educación, que son coñecedores da realidade do alumnado no centro, podendo articular unha resposta máis especializada en coordinación co profesorado, as equipas directivas e os demais profesionais. Unha vez realizada a valoración diagnóstica, de consideralo necesario, realizase a derivación ós servizos sociais  comunitarios ou outros servizos idóneos.

O límite de competencias e de actuacións respecto da intervención por parte dos servizos sociais comunitarios ou dos traballadores e traballadoras sociais do ámbito educativo ten que establecerse en función dos factores de risco e da problemática concreta a abordar. Os dous sistemas deben ser compatibles e complementarios en favor da resposta idónea ante as necesidades do alumno ou alumna e da súa familia. Delimitar responsabilidades e evitar duplicidades é unha contribución necesaria para unha atención social que lle dea prioridade ás persoas e non provoque disfuncións que a interfiran.

7. ¿Que tarefas concretas realizades os e as profesionais do Traballo Social no sistema educativo, que de non estar vós quedarían desatendidas?

Os coñecementos e as competencias profesionais do traballado social na Educación ofrecen respostas e accións especializadas ante as vulnerabilidades, os factores de risco e as barreiras educativas e sociais que limitan o acceso á educación e ó desenvolvemento integral do alumnado. Hai multitude de aspectos que poden quedar desatendidos dende a perspectiva social si non se conta coa intervención destas e destes especialistas, como son as situacións de carencia de recursos, pobreza, violencia, ciberacoso, bullying, desprotección, maltrato, identidade de xénero, abandono e absentismo escolar, problemas de saúde mental, adiccións, conductas autolesivas, poboación mígrante, necesidades educativas e sociais.

No escenario educativo existen moitas problemáticas que requiren de actuacións específicas de carácter social e da activación do recurso do traballador ou da traballadora social como garante de dereitos e de protección, e tamén para identificar e valorar riscos, xestionar apoios, asesorar e acompañar ó alumnado, ás familias, ó profesorado e á comunidade educativa. Estes profesionais son a ponte mediadora imprescindible entre os recursos educativos e os dispositivos de saúde, xustiza, servizos sociais, entidades e asociacións, sen os que a coordinación e o  adecuado seguimento non son posibles.

8. ¿Que valoración che merece a figura do coordinador de benestar, recollida na Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e  á adolescencia fronte á violencia?

A aprobación da Lei de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia ten sido un paso adiante moi importante en canto á garantía de dereitos e  a protección da poboación infantil e adolescente. Dende o punto de vista do Traballo Social é unha norma que aporta medidas substanciais de protección, detección precoz, asistencia, reintegración de dereitos vulnerados e recuperación das vítimas. Combater a violencia dende todas as frontes é unha obriga ética avalada por esta disposición legal que compromete e responsabiliza a cantos axentes sociais e educativos inciden nas persoas menores.  

Todas e cada unha das funcións que se establecen nesta norma poden ser desenvoltas polos traballadores e traballadoras sociais de Educación; de feito, son funcións que se veñen realizando dende moito antes de que se promulgara esta Lei. A cuestión clave é que as traballadoras e os traballadores sociais sexan recoñecidos polas administracións educativas e valorados pola comunidade escolar como figura de referencia do benestar e de protección do alumnado. Neste sentido tomouse unha posición clara e reivindicativa dende os colexios profesionais e dende o Consello Xeral do Traballo Social.

9. ¿Con que sistemas de benestar social, ademais dos servizos sociais, se coordinan as traballadoras e os traballadores sociais de Educación?

Existe una nutrida rede de recursos cos que se coordinan tanto dende dentro do sistema educativo como cos dispositivos externos, prioritariamente cos servizos sociais comunitarios. Ademais, coordínanse con todos os axentes educativos, equipas directivas, asociacións de nais e pais, unidades especializadas de orientación, inspección educativa, con recursos de saúde de atención primaria, unidades pediátricas, servizos de neuropediatría, unidades hospitalarias, con estamentos da xustiza, fiscalía, defensor de menores, policía. Tamén se coordinan con servizos e entidades da zona como Cruz vermella, asociacións de axuda ás persoas, equipas de atención social, servizos externos públicos e privados, con programas comunitarios de prevención sanitaria, de igualdade, xestión do ocio, adiccións, acoso escolar. En definitiva, con todos os axentes que inciden na protección dos dereitos da poboación escolar, da súa protección e benestar, e da súa  inclusión educativa e social.

10. Os déficits de convivencia nos centros escolares son un dos grandes problemas actuais da infancia e da adolescencia. Os efectos que producen son dramáticos e persistentes, ¿Os traballadores e traballadoras sociais interveñen  en estas problemáticas; e si o fan, con que tipo de abordaxe?

A realidade educativa é cada vez máis complexa con problemáticas emerxentes e multifactoriais que requiren de respostas áxiles e eficaces. Nos últimos anos véñense incrementando as demandas de intervención que recibimos relacionadas coa conflitividade na convivencia e as derivadas inherentes a ela. O acoso, as agresións, as actitudes racistas, as ameazas, a violencia verbal ou física, determinados usos das novas tecnoloxías, redes sociais ou intelixencia artificial, entre outras problemáticas, fan que moitos alumnos e alumnas, e o propio profesorado, padezan situacións moi difíciles e incluso insostibles.

A abordaxe que realizamos dende o Traballo Social en Educación depende de cada circunstancia, polo xeral comprende uns pasos básicos como son avaliar e obxectivar o ocorrido e, en base á natureza e gravidade dos feitos, considerar a necesidade de cumprimentar a folla de notificación para a atención socioeducativa e a protección de menores, para iniciar un procedemento de intervención que implique a outros profesionais dos plans de prevención da violencia escolar ou a instancias policiais o xudiciais.

Tamén analizamos as causas e os factores que provocan estas situacións para seguir un proceso de intervención e mediación entre as partes implicadas. Incidimos na mellora das relacións entre a familia  e o centro educativo. Apoiamos e asesoramos a acción titorial do profesorado. Establecemos a coordinación con outros profesionais. Facemos o seguimento destes casos e todo canto estea na nosa man para previr que non se produzan estas situacións, para mellorar o clima de convivencia, a comunicación e a resolución de conflitos nos centros e para o reforzo dos valores de tolerancia e respecto.

Deixa unha resposta