O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Grupos de Traballo

A comunidade educativa e a covid19 : a importancia do traballo social

Por Laura Zapata, Traballadora Social, integrante do Grupo de Traballo social en educación do COTSG.

Coma nai de dous cativos, este ano estivo plagado de incertidumes, tensións e preocupacións. Se levalos ou non á escola, se facer uso do comedor ou pedir redución de xornada, se deixalos ir ou non no bus escolar… toda decisión acababa resultando pesada e difícil de tomar, pola falta de información que se tiña no seu momento da envergadura real da pandemia.

Coma profesional do traballo social que atendeu o teléfono social nos meses de confinamento, atopeime inmersa nun remuíño de traballo sen precedentes, que en certa medida impedía realizar unha intervención profunda, xa que a situación así o demandaba e a urxencia por cubrir as necesidades máis básicas da poboación era prioritaria. Foron moitos os casos que tiñan relación directa con menores escolarizados, que non tiñan a onde dirixirse para solicitar orientación e apoio, encerrados nos domicilios familiares, moitos deles con poucos recursos económicos e que dalgún xeito acabou colapsando os servizos sociais municipais.

Co paso dos meses, continúase a observar como algunha das situacións vividas seguen a producirse, superando así a idea de inxustiza, e configurándose como un despropósito enquistado a nivel de protección social.  

Situacións como a da nena de 3 anos, contacto directo da súa mestra positiva en COVID,  que ten que pasar a cuarentena na casa e que segundo indica o persoal de rastrexo: a familia pode facer vida normal ( os seus pais e o seu irmán de 2 anos que asiste á escola infantil municipal) agás ela que quedaría na casa, non optando de xeito protocolizado ningún dos pais a un xustificante que respalde a algún deles ante o seu  traballo.

O chaval de 14 anos que dá positivo e ten que facer a cuarentena nunha casa de dous dormitorios con cinco familiares, entre eles unha avoa asmática.

Quén valora estás situacións?

Tal vez o meu rol profesional fai que me revolva ante circunstancias tan inxustas como éstas, ao ver a necesidade dunha valoración sociofamiliar urxente, a través da que poder acompañar e guiar ás familias.

E qué sucedeu cando estiveron meses na casa, por confinamento e se valorou unha educación a distancia?, qué sucedeu nos casos de familias sen wifi no fogar ou sen un espazo apropiado para que o alumnado puidera facer as actividades escolares?. Cando os pais non puideron por falta de tempo ou de coñecemento, axudarlles coas tarefas?. E nas familias monomarentais ou monoparentais nas que o/a proxenitor/a tiña que saír a traballar para poder traer un soldo ao final do mes?….

E se volvemos a atoparnos nesa situación? Teríamos recursos diferentes para superala?.

Co paso dos meses comezaron as vacinas e toda a poboación ilusionámonos  co final desta pandemia desgarradora, desexosos de retornar á normalidade.

Pero e eses menores que levan meses en distanciamento social, vivindo en continua alerta por unha enfermidade invisible, moitas veces letal, sufrindo pesadelos e ansiedade, moitos deles.

Retomamos o que coñecíamos como normalidade así, sen máis?.

Menores bloqueados na entrada dun parque dicindo ás nais que son moitos os nenos que están xogando. Estudantes que deixan de ir á escola por medo e falta de motivación logo de meses sen un seguimento do seu estado de absentismo escolar, que xa viña de antes da situación de crise sanitaria.

É o momento de facer análise do sucedido e de procurar unha mellora, de adiantarnos ao que sabemos que vai suceder nesta crise de saúde mental e social que está a comezar.

En cada un destes casos é preciso o acompañamento de profesionais do social que podan apoiar e guiar aos profesionais educativos na nova realidade que estamos a vivir e que nos tocará vivir nos vindeiros meses. Dende o traballo social somos conscientes da labor que queda por facer, traballamos dende unha visión de prevención, diagnóstico, intervención e seguimento de situacións de desprotección, absentismo e desigualdade educativa, sempre en coordinación cos servizos sociais tanto comunitarios como especializados.

A escola é o eido ideal no que poder observar situacións de vulnerabilidade, de desigualdade, de abuso… onde poder realizar actuacións a nivel de prevención co alumnado e coa familia. 

Precísase reforzar o sistema de protección social dende os servizos sociais a nivel educativo, de cara a afrontar o novo comezo escolar con ferramentas e profesionais preparados para esta, xa non tan nova, realidade.