O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

O Traballo Social na protección internacional: Carlos Míguez, traballador social de Movemento pola Paz

Podemos atopar a profesionais do Traballo Social en multitude de sectores. Por iso, malia que habitualmente se asocie a nosa profesión co sector público, o Traballo Social xoga un papel fundamental en organizacións do terceiro sector.  

Fai dúas semanas, retomábamos ‘o blog do COTSG’ cunha reportaxe na que participaba Susana Fernández, delegada en Galicia da ONGD ‘Movemento pola Paz’. Xa ela nos adiantaba sobre a importancia do Traballo Social neste tipo de organizacións. Nas súas verbas, estes profesionais “son quen marcan o itinerario das persoas que atendemos, se precisan asesoramento legal, laboral ou doutro tipo, xa que son capaces de detectar as necesidades e casalas cos recursos”.   

Carlos Míguez na sede de Movemento pola Paz

Dámoslle continuidade a este tema falando con Carlos Míguez, traballador social en Movemento pola Paz. Con el, abordamos o proceso de protección internacional e a implicación do Traballo Social neste procedemento.

Pregunta: Cando se inicia o procedemento de protección internacional? 

Carlos: O procedemento divídese en tres fases: 0, 1 e 2. O trámite inicial realízase na fase 0, cando as persoas solicitan a protección internacional. Esta fase 0 realízana unha serie de entidades acreditadas, nós, en Movemento pola Paz, entramos nas fases 1 e 2, cando as persoas son derivadas a un dispositivo de acollida.  

(P) Polo tanto, o proceso está xestionado por distintas entidades en cada fase? 

(C) Si. Movemento pola Paz é unha desas entidades, pero existen outras organizacións, cada unha delas acreditada para intervir nunha parte do procedemento. Por exemplo, en Cáritas podes realizar a fase 0, que sería esta de primeira acollida, pero logo deberás continuar noutra entidade para as seguintes fases, 1 e 2.  

(P) Con que información contades cando vos chega unha persoa solicitante de asilo? 

(C) Nós entramos na fase 1, é dicir, cando a persoa xa manifestou previamente na fase 0 o seu compromiso de incorporarse ao programa. Nese momento, a nós o expediente xa nos chega cun informe social, polo que nun primeiro momento nós confirmamos a información previa, realizando outro informe deste tipo, contrastando e ampliando a información. A iso súmase o informe xurídico, realizado polo departamento correspondente, que é vital nun procedemento de protección internacional.  

(P) A fase 1 inclúe este cruce de información e a primeira acollida do solicitante entón? 

(C) Ademais dos trámites administrativos, nesta primeira fase organizamos obradoiros para que evolucionen cara a unha autonomía persoal. Incluímos formación sobre asuntos como o contexto, onde están e como funciona, obradoiros sobre servizos públicos, explicación sobre os procedementos sanitarios, o padrón ou trámites educativos. En resumo, deben aprender a situarse e saber como se teñen que mover a nivel administrativo, sanitario, educativo…  

(P) É obrigatoria a asistencia, non?  

(C) Claro. Comprométense a cumprir con este programa. Esta fase é imprescindible ademais porque na fase 2 deberán contar cunha certa autonomía, que se basea no aprendido nesta fase 1 e que dura sobre 6 meses.  

(P) Como é ese apoio? 

(C) Temos clases de español para aquelas persoas que non o falan, para eliminar a barreira idiomática. A iso súmase unha área psicolóxica, área social, na que estamos os traballadores sociais e os educadores sociais; área de orientación laboral… Todo o mundo recibe asesoramento en función das súas necesidades. 

(P) Nesta fase 1, facilítase algún tipo de axuda económica? 

(C) Nós, como entidade xestora deste procedemento por parte do Ministerio, garantimos a vivenda e as necesidades básicas, como alimentación ou vestimenta, das persoas do programa.  

(P) Logo entraríamos na fase 2, non? 

(C) Si. Nese momento mantense a axuda para garantir a vivenda e as necesidades básicas, pero limitamos a nosa atención xa que son máis autónomos. Na fase 1 realizamos varios acompañamentos, axudámoslle directamente con distintos procedementos; na fase 2, que dura 12 meses, limitamos esta atención, aínda que obviamente estamos á súa disposición para trámites ou situacións complexas.  

(P) Que papel xoga o Traballo Social en ambas fases?

(C) A nivel documentativo é fundamental. Nós xustificamos todos os pasos, como pode ser presentar o informe no padrón para xustificar que esta persoa está no programa. E polo tanto somos nós quen resolve as subsanacións. No Traballo Social temos unha carga máis relevante a nivel documentativo. Evidentemente, tamén realizamos os informes das distintas fases, recompilando a información que nos facilitan os nosos compañeiros. Estes informes permítennos detectar distintas necesidades das persoas solicitantes.

(P) E isto engloba xestións de todo tipo, non? 

(C) Claro, a miúdo falamos de xestións moi fortes, como poden ser a asistencia sanitaria ou as necesidades básicas, pero tamén xestionamos outros asuntos que poden parecer menos relevantes, pero que son esenciais. Como, por exemplo, xestionar a gratuidade dos campamentos nas familias con rapaces.  

(P) A iso súmase o apoio informativo e emocional 

(C) Por suposto, a xente que está con nós teñen necesidade de compartir, teñen dúbidas, medos… Precisan información de nós. Os profesionais do Traballo Social temos un rol moi activo, somos os que máis falamos coas persoas nesta situación, malia que ás veces non se vexa o noso traballo de campo.  

(P) Nese traballo de campo está a detección de necesidades, non? 

(C) Nós contamos con pouco tempo para detectar esas necesidades dunha persoa, se quizais precisa premura na atención psicolóxica, se necesita atención médica por unha doenza crónica que xa ten…E non é sinxelo detectar estas necesidades, xa que as cousas bonitas todo o mundo as conta rápido, pero temos que gañar a súa confianza para orientalo ben detectando as necesidades.   

(P) Existe unha colaboración constante con outros profesionais do Tranallo Social?

(C) Ás veces somos nós quen derivamos os casos ao servizo público, mentres que noutras ocasións xa contan con coñecemento sobre o caso. Por iso, traballamos en conxunto en certos casos, porque son xestións que comezan por un lado e rematan por outro. Traballamos con moitas áreas do Traballo Social, xa que fóra dos servizos sociais tamén temos unha gran colaboración con traballadores/as sociais de centros sanitarios ou doutras entidades que xa os atenderon. 

(P) Por descoñecemento, unha parte da sociedade pensa que as persoas solicitantes de protección internacional inician os trámites nos seus países de orixe.  

(C) En absoluto. A gran maioría dos casos de protección internacional solicítanse en España, cando as persoas xa están no territorio nacional. En realidade, o último que queren estas persoas é ter que solicitar o asilo. Saen dos seus países buscando unha vida normalizada, na que ter unha estrutura laboral e social, sen depender de entidades coma nós. Pero sucede que a miúdo chegan con pouca información, con situacións de trata laboral, estafas ou falsas promesas, polo que están nunha situación de vulnerabilidade, rematando así neste programa.  

(P) Cal é un dos peores momentos? 

(C) Dunha banda, é unha situación na que temos que xustificar todo, pero, pola situacións das persoas, é difícil lograr xustificación máis alá das palabras. A iso súmase que existe a posibilidade de que se lles denegue continuar no programa, por iso cómpre realizar un traballo en equipo para asegurar a súa permanencia.  

(P) Que é esencial para as persoas que están nesta situación? 

(C) Aínda que pareza un tópico, a xente. É moi importante contar cunha rede de apoio na cidade ou a nivel nacional nestes momentos.