O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ColexiaciónPersoas invitadas

Carballiza: Colectivo de acción rural

Fany Vázquez, Traballadora Social e profesional do lecer educativo e Paula Buján, Profesora de educación primaria e profesional do lecer educativo presentan o proxecto: Carballiza, Colectivo de acción rural.

En que consiste o voso proxecto?
Creación dun centro de formación ocupacional para a repoboación estratéxica sostible.

A que eivas pretende facer fronte?
Algunhas eivas detectadas son:

  • Ausencia dun lugar para a formación/capacitación práctica para as persoas neopoboadoras que queiran vivir no rural de xeito sostible.
  • Falta de acompañamento para as persoas que queiran emprender no rural.
  • Escaseza de oportunidades (formativo-laborais) alineadas aos obxectivos da axenda 2030.
  • Dificultade para o apoio á formación e mellora das condiciones sociolaborais das persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos.
  • Escasa dinamización e posta en valor do rural galego.
  • Falta de centros de formación agraria e/ou de ocio educativo (tipo granxas-escola) que promovan o benestar animal e a conciencia crítica.

De onde vén a vosa inquietude polo mundo sostible ligada ao rural galego? Nace na facultade (mentres estudabades), ou dunha experiencia persoal ou profesional?
Esta iniciativa xorde a partir dun voluntariado para a rehabilitación dun pobo rural galego, e foi evolucionando ata o que hoxe presentamos.

Que eivas detectastes no momento de comezar para decidir emprender neste ámbito?
As comentadas anteriormente, así como a necesidade de dispor dun espazo de “probas” no que implementar prácticas innovadoras que repercutan no benestar das persoas (locais e neopoboadoras) e na mellora da contorna.

Canto tempo se leva artellando?
A idea surxiu polo ano 2015. Agora que xa temos a semente, estamos buscando un territorio no que plantala e coidala, para vela medrar.

Que papel ten o traballo social neste proxecto?
Fany: Teno todo, xa que para min, o traballo social debe ser comunitario; é dicir, traballo a nivel local, centrado no benestar das persoas e na posta en valor da contorna (a nivel patrimonial, medioambiental, etc).

Que formación precisastes ou precisades para levalo a cabo?
Máis que formación para nós, precisamos persoas que teñan inquedanzas afins, xa que nos gustaría que fose un proxecto colectivo, no que cada quen desenvolva a parte do proxecto no que se sinta máis comoda.

En que punto se encontra o proxecto actualmente?
Como comentamos, aínda é unha semente, esperando a que se den as condicións idóneas para xerminar.

De cara ao futuro, cales son os seguintes pasos a dar?
Crear redes sociais para a difusión do proxecto.
Tecer redes e coñecer outras persoas con ideas afíns ao proxecto.
Convocar alguna acción formativa puntual para testar a acollida.
Facer unha proba piloto a pequena escala.

As e aos lectores, xa sabedes, se este proxecto vos chama a atención, non dubidedes en tecer rede con Fany e máis Paula!

Un comentario en «Carballiza: Colectivo de acción rural»

  • Estou interesada en participar no voso proxecto .son de arnoia Ourense

Comentarios pechados.