O BLOG – Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Entrevistas a profesionais do Traballo Social con impacto na comunidade galega

Exercicio LibrePersoas invitadasTraballo Social Comunitario

Falamos con Maitane Vicente Mariño: unha libraría social para facer comunidade no rural

Entrevista e edición: Blanca Bretal Enríquez

Falamos con Maitane Vicente Mariño, traballadora social, libreira social, formadora e investigadora. Desde A Serra de Outes deu forma a ULA Libraría Social: un proxecto que une libros, artesanía, programación sociocultural e intervención comunitaria para crear un espazo accesible, acolledor e aberto á participación.

ULA articúlase arredor de tres piares: a tenda física e en liña, a actividade cultural e a intervención social a través da lectura. Detrás desta proposta está unha profesional formada en migracións, dereitos humanos, igualdade e intervención con mulleres en contextos de exclusión, que entende a cultura como ferramenta de pensamento crítico, encontro e transformación.

En setembro de 2026, o seu proxecto De dentro cara a fóra: mulleres migrantes presas no centro penitenciario de Teixeiro foi recoñecido no VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña. Nesta conversa coñecemos a orixe de ULA, o vínculo entre Traballo Social, cultura e ruralidade e os novos camiños que Maitane abre desde a lectura e a intervención social.

«O único xeito de manter algo vivo é habitándoo e facendo del un espazo digno de dinamicidade.»

Dos libros ao Traballo Social comunitario

01. Para comezar, gustaríanos coñecerte un pouco mellor. Quen é Maitane e que camiño profesional e persoal te levou a unir nun mesmo proxecto o Traballo Social, os libros e o rural?

O primeiro, mil grazas por contar comigo para esta conversa, é un pracer xigante poder amosar o que fago porque realmente me fai moi feliz! E ver o interese externo é moi reconfortante. Pois todo comeza, por suposto, no momento no que decido estudar traballo social, a miña profesión, da cal estou moi orgullosa e atravesa todas as decisións que tomo e desde onde as tomo e as executo. Aínda así, o traballo de campo no traballo social pode ser moi esgotador, a falta de ferramentas e o ter que andar a tapar buracos do sistema continuamente, por necesario que sexa, fíxome replantexarme de que xeito quería facer traballo social. De aí, e vindo xa de utilizar os libros como ferramenta de traballo, decidín que o traballo social que eu quería executar era aquel que actuaba na base e na prevención dos dereitos humanos, e que menos que o traballo social comunitario para poder facelo? Tendo en conta o poder da literatura, a representación das realidades e a xeración de referentes a través desta, pensei que montar unha libraría no espazo no que vivo era a decisión máis lóxica a nivel tanto profesional como persoal.

02. ULA nace na Serra de Outes coa vontade de demostrar que «no rural tamén é posible». Que realidade ou necesidade do territorio che fixo dar o paso de abrir unha libraría social e rural?

A realidade que me fixo dar o paso foi unha mestura entre unha necesidade persoal e colectiva. A colectiva non tanto centrada na libraría senón no xeito de vivir e habitar o rural de xeito activo, dando e recollendo del. O único xeito de manter algo vivo é habitándoo e facendo del un espazo digno de dinamicidade. Por suposto, un proxecto que dinamiza a cultura nun espazo pequeno ten un impacto positivo nese, ou iso é o que estou a ver despois de ter aberto. Aínda así, o habitar o rural e o poder ser coherente coa vida que levo creo que foi o impulso máis grande de todos, e era imposible desenvolvelo non tendo tempo de estar nel, nin ao tempo e ritmo que a vida en Outes establece.

ULA como praza cultural no rural

03. ULA sostense sobre tres piares: a tenda, a actividade cultural e a intervención social a través da lectura. Como se relacionan no día a día e que fai que ULA sexa algo máis ca unha libraría convencional?

A interrelación entre estes piares creo que é algo que era imposible que non acontecese. Unha libraría como concepto xa é un espazo cultural moi potente, que garda miles de historias e dalgún xeito visibiliza as diferentes narrativas. Aínda así, os espazos de encontro fan que a cultura e a intervención social comunitaria sexan unha mesma peza e os libros se volvan unha desculpa a través da que coñecerse, partillar e xerar ligazóns.

Diría que a clave está na identidade social do espazo. Non sabería moi ben como explicalo, pero xurden cousas como que as nenas se xunten a facer un grupo de teatro autoxestionado ou a xogar a xogos de mesa, se partillen saberes de labores ou simplemente xurdan conversas sobre as catástrofes que nos rodean. Tal vez ULA agora sexa un tipo de praza cultural, onde a xente entra a partillar, comer a merenda e viaxar por historias coa intención de pintar este mundo un anaco máis bonito, e niso eu só poño o espazo, o resto é a propia comunidade quen o xera.

04. Na web de ULA preséntaste como unha profesional que confía nas persoas e no cambio social. Que ferramentas e valores do Traballo Social están presentes na forma de seleccionar, programar, acoller e relacionarte coa comunidade?

Buf, como contaba nun inicio, diría que a miña profesión atravesa todo o que fago. Se non confiamos no cambio social e, por suposto, nas persoas, que sentido ten?

As ferramentas de traballo social principais que uso son as do traballo social grupal e comunitario, a facilitación social e, por suposto, unha das cousas máis importantes da nosa profesión: a escoita activa e o pensamento crítico. É incrible ver o que se xera nun espazo de debate, o que se aprende mutuamente e a importancia de reunirnos, coñecernos e incluso discutir de cando en vez.

Nos clubs saen ao tinteiro temas de moita relevancia como o xénero, a identidade, a discriminación, as dores, a saúde mental… No club de calceta xurden conversas destas de mudar o mundo, que que mal vai, que que ben fixeches o xersei, que se morreu a nai de tal… Nos café-conversa de mulleres saen cousas da maternidade, do patriarcado, da violencia, da ecoloxía, da realidade LGTBIQ+… E un longo etcétera! Ademais, son espazos non só interxeracionais, tamén son interculturais: xuntámonos xente do Xapón, de Canadá, de Venezuela, de Alemaña, doutros territorios do Estado… É unha fermosura.

05. O espazo físico está pensado para ler, conversar, tomar café ou té e sentirse como na casa. Como se constrúe ese clima de confianza? Que persoas se achegaron a ULA e como participou a comunidade na evolución do proxecto?

Pois a comunidade foi xerando o espazo, a verdade! O espazo vai mudando, cada vez ten máis puntos de encontro, máis libros e máis experiencias ás costas! A acollida desde un inicio foi fabulosa; eu non son de Outes, polo que realmente non tiña rede antes de montar a libraría, e aínda así a inauguración foi un éxito total! Non sei cal é a clave, pero cada día merece a pena… Outes é un espazo sumamente acolledor, coidan o espazo e coídanme a min, e entran e participan deste proxecto! As persoas tamén ofrecen propostas, dan ideas… É un espazo aberto a calquera actividade, e ao fin e ao cabo este proxecto non sería nada sen todas as persoas que son parte del, tanto as persoas que executan como aquelas que participan destas como asistentes.

Aínda así, e sei que parece que son unha romántica, o máis comunitario do meu traballo son os ocos onde a xente vén falar, pasar a tarde ou simplemente estar. Se escoitarades as conversas que xurden de xeito natural! Desde como acabar co problema da vivenda ata Cervantes! A xente é incrible, e a pesar do ruído externo ninguén me vai convencer do contrario.

«Aínda así, e sei que parece que son unha romántica, o máis comunitario do meu traballo son os ocos onde a xente vén falar, pasar a tarde ou simplemente estar.»

Emprender e abrir conversacións

06. Emprender no rural tamén implica retos de sostibilidade, visibilidade e acceso á cultura. Que foi o máis difícil e que che confirmou que merecía a pena? Que aprendizaxe lle trasladarías a outra traballadora social que queira impulsar unha iniciativa propia no seu territorio?

A parte máis complexa diría que é a económica; ao final, os espazos pequenos digamos que teñen un “tope” e tes que atopar o xeito de que o que fas realmente sirva para vivir. Aínda así, isto tamén promove a creatividade, xa que o bonito do traballo social son as súas ramificacións, a oportunidade de poder chegar con el a calquera parte. No meu caso, o traballo principal é a venda de libros na libraría, pero tamén dou facilitacións e estou de alta como perito social.

Ás profesionais diríalles que se animen, que o intenten, que dá igual se é para sempre ou non, o importante é o transformado polo camiño, o conseguido nese tempo e a sensación de mudar o mundo desde a perspectiva que ti consideras que é a axeitada. Hai proxectos fermosos e miles de formas de facelos, en cooperativas, en asociacións, en empresas… No rural, na cidade, nas montañas ou no mar…

O bonito disto é que mentres non teñas medo á caída, podes soñar con voar todo o alto que consideres!

07. Ademais da programación cultural, desenvolves formacións, intervención comunitaria e iniciativas como o club dixital Tinta e equidade. Que capacidade teñen os libros e a lectura compartida para abrir conversas sobre igualdade, diversidade e dereitos humanos?

Os libros son unha ferramenta moi útil no traballo social e na intervención sociocomunitaria por varias razóns. A primeira é que nos achegan realidades que moitas veces non podemos coñecer por outros medios ou, polo menos, non dun xeito tan diverso. Podes entender, por exemplo, a problemática do racismo desde unha autobiografía ata unha novela de ciencia ficción; non importa o xeito, o importante é o contido. Se a isto lle sumas o partillalo despois con outra xente, o libro vólvese unha figura facilitadora, xa que é a través del como se dinamiza o debate, se poñen as problemáticas sobre a mesa e incluso se atopan as solucións. Outra razón pola que os libros son unha ferramenta indispensable é pola posibilidade de chegar a voces ás que por outros medios nunca chegarías. Publícanse libros ao longo de todo o mundo, existen editoriais moi interesantes e críticas, e moitísimas persoas contando a súa historia ou inventando paralelismos literarios que serven de canle para chegar a esas realidades. Podemos entender desde a violencia que sufriu a túa veciña nos anos de posguerra ata ler unha poesía dunha muller indíxena que habita no Amazonas. O límite literario é infinito, inexistente, e temos que aproveitalo.

De dentro cara a fóra

08. O recente Premio Luísa Villalta permitirache desenvolver De dentro cara a fóra: mulleres migrantes presas no centro penitenciario de Teixeiro. Como naceu esta proposta e que experiencias profesionais ou persoais che fixeron poñer a mirada nas mulleres migrantes privadas de liberdade?

Que alegría que me preguntes sobre isto! Todo xorde a partir de facer o Máster en Dereitos Humanos, especializándome en estranxería e inmigración. Daquela eu estaba traballando como traballadora social no terceiro sector con poboación migrante, e as violencias que podía observar eran xigantes. Aquilo espertoume a curiosidade por saber como a propia Lei de Estranxería participaba negativamente nos procesos penais, como o castigo cara ás persoas migrantes é maior que cara ás persoas nadas aquí, xa que polo mesmo delito cumpren non só unha pena senón tamén un castigo administrativo que pode deixalas vulnerabilizadas por moito tempo. Non me enrolo en explicar isto, pero considero que cando queremos mudar o mundo temos que conseguir que a persoa que está no elo menos privilexiado estea ben.

Hai tres anos fixen un voluntariado con APES no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, no módulo de mulleres. Alí puiden observar como a realidade carceraria se interrelaciona coa violencia de xénero, o consumo, a orixe… E quixen afondar máis. Son moi crítica co sistema penal e co sistema carcerario, e creo que as persoas presas non só sofren un estigma xigante que promove a reincidencia, senón que son voces moi difíciles de sacar á rúa. Ademais, detrás de cada persoa presa hai un sistema e un conxunto de realidades que fan que unha persoa acabe aí, e desde a miña perspectiva, o noso traballo como sociedade é mudar e acabar con esas problemáticas que fan que as celas estean cheas de xente. No caso das mulleres migrantes, é un grupo social moi concreto e que ten as súas propias especificacións, pero para saber máis sobre iso… Teredes que ler o traballo que se publicará ao finalizar este premio!

09. O proxecto quere visibilizar discriminacións que se cruzan: ser muller, migrante e estar privada de liberdade. Como pensas abordar esta realidade para que as protagonistas poidan construír e expresar o seu propio relato, evitando falar por elas?

Tiña moi claro desde o principio que non quería ser extractivista, que se ía propor algo tiña que ser o máis horizontal posible. Por iso, a proposta que se fará dentro do centro en Teixeiro serán seis sesións de facilitación onde eu simplemente dinamizo sobre tres piares: xénero, migración e cárcere. A idea é xerar un espazo de enriquecemento mutuo, fomentar as ferramentas destas mulleres e, o máis importante, que sintan que son escoitadas e que tamén son importantes.

Novos espazos para o Traballo Social

10. Para rematar, ULA e o proxecto premiado mostran un Traballo Social que tamén se fai desde a cultura, a investigación e o emprendemento. Cara a onde che gustaría levar ambos os proxectos e que mensaxe lle trasladarías á profesión sobre a necesidade de crear novos espazos de intervención?

O traballo social grupal e comunitario é o tipo de traballo social que menos se emprega, pero que diría que ten máis poder de transformación. O traballo social individual é necesario para soster a vida, para asegurar e preservar o benestar no día a día das persoas, pero isto tense que sustentar nunha base transformadora, que promova oportunidades e que mude a realidade social. Polo que a miña mensaxe cara á profesión é esa: xuntémonos, debatamos, transformemos e sigamos mantendo a utopía, porque sen esta última, nada do resto ten sentido. Hai que soñar con horizontes posibles, sosternos no que si podemos conseguir, confiar na mobilización social e no poder das persoas en colectivo, perder o medo ao conflito, conflituar cando sexa preciso desde a confrontación e, cando sexa posible, desde a tenrura.

«Polo que a miña mensaxe cara á profesión é esa: xuntémonos, debatamos, transformemos e sigamos mantendo a utopía, porque sen esta última, nada do resto ten sentido.»

Moitas grazas, Maitane, por compartir a túa experiencia e por amosar que o Traballo Social tamén pode crear comunidade a través dos libros, da cultura e do rural.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x