O BLOG – Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Entrevistas a profesionais do Traballo Social con impacto na comunidade galega

ColexiaciónPersoas invitadasPremios Día Mundial do Traballo SocialTraballo Social Comunitario

Falamos con Sandra Lorenzo e Ánxela Pichel: tecer comunidade desde o territorio

Entrevista e edición: Blanca Bretal Enríquez

Falamos con Sandra Lorenzo e Ánxela Pichel, traballadoras sociais colexiadas e gañadoras do Premio do Día Mundial do Traballo Social 2026, na modalidade de Investigación, polo seu traballo Mapeo de boas prácticas no traballo social comunitario: unha mirada desde e para o territorio galego.

A súa investigación nace dunha conversa, dunha inquietude compartida e da vontade de facer visibles as iniciativas que xa están a construír comunidade en Galicia. Nesta entrevista achegámonos ao traballo que hai detrás do mapa, ao que aprenderon durante o proceso e á súa maneira de entender un Traballo Social conectado co territorio, cos vínculos e coa acción colectiva.

«O comunitario dáse na rúa, dáse no territorio, dáse a través dunha acción e dun contexto concreto».

Quen son Sandra e Ánxela

01. Quen son Sandra e Ánxela e que camiño vos levou a interesarvos polo traballo social comunitario?

Ánxela:

Moi boas! Grazas por darnos esta oportunidade de abrirnos ao mundo a través desta entrevista que, en realidade, quixemos que fose unha conversa entre colegas e amigas de profesión. Moitas grazas por adicar unha parte da vosa vida a ler estas liñas.

En relación á pregunta, son unha persoa moi vinculada ao comunitario, ligada aos movementos asociativos e veciñais, que creo que tamén son unha maneira de posicionarse, incluso de xeito político, e que tamén acompañan ás miñas vivencias e perspectivas que podo chegar a construir.

O que me levou ao traballo social foi un pouco a vida e o azar. Chegou á miña vida de forma algo inesperada, pero acabou converténdose nunha parte de min. Con isto non quero dicir que o traballo social o sexa todo para min, pero si que define, en certo modo, como son como persoa.

Sandra:

Eu, pola miña parte, un pouco similar. Son unha persoa moi sociable; encántame estar con outras persoas e estar con elas recárgame. Entón, quen é Sandra? Pois son unha persoa apaixonada pola terra, pola natureza, polo contacto con outros seres, sexan humanos ou non humanos e, sobre todo, moi apaixonada polo desfrute e por desfrutar.

Desde pequena sempre me gustou crear contornas de desfrute, espazos nos que compartir, rir, gozar e simplemente estar xuntas. E creo que esa maneira de entender a vida tamén atravesa a miña maneira de entender o traballo social: non quero que o acompañamento social estea construído unicamente arredor do sufrimento, da carencia ou da resposta ás situacións de emerxencia. Tamén creo que todas as persoas temos dereito ao desfrute, ao encontro e a unha vida que poida ser vivida con dignidade e alegría.

Así que non sei moi ben como cheguei ao traballo social. Creo que foi un pouco o activismo o que me levou ata el, e quizais especialmente o feminismo, porque desde a adolescencia me interesou moitísimo. Comecei a participar en plataformas feministas e, á hora de escoller os meus estudos, enfoquei o camiño cara ao traballo social porque era o que máis relación tiña con todo aquilo que me movía.

E a verdade é que o traballo social foi unha ferramenta moi boa para coñecer máis de preto as realidades sociais e estruturais que nos atravesan e, desde aí, achegarme tamén á dimensión comunitaria.

Sinto que o comunitario é algo que levo dentro e que está moi presente na miña maneira de relacionarme coa cidadanía, coas miñas amizades, coa miña familia e cos diferentes grupos de activismo dos que formei parte. Creo que está na miña vida desde hai moito tempo e que, en certa maneira, dálle sentido.

Ánxela:

Totalmente. E creo que en Galiza temos moitas posibilidades para traballar desde aí porque temos un elemento común: estamos moi vinculadas, moi arraigadas á terra. E non son só os costumes que compartimos; creo que hai tamén un sentir, unha música, unha tradición.

Ao final, vaias onde vaias de Galiza, sempre hai algo en común: pode ser un movemento social, a migración, unha tradición… Sempre hai algo que nos une. E creo que iso tamén nos pode conectar coas persoas que habitamos e compartimos territorio.

O comunitario nace no territorio

02. Cando falamos do comunitario, o territorio está sempre presente?

Sandra:

Eu creo que si. Cando falamos do comunitario, o territorio sempre está de por medio. Non existe un comunitario no baleiro: sempre hai un espazo no que se dá. Cando penso no comunitario, penso en min tomando un café de sobremesa na casa da miña avoa despois da comida, ou quedando coas amizades para tomar un café. É dicir, o comunitario dáse na rúa, dáse no territorio, dáse a través dunha acción e dun contexto concreto, situado nun lugar. Porque se non temos un territorio no que nos poidamos reunir e un espazo que poidamos ocupar, é moi difícil falar de comunidade.

E aí entra tamén moito a natureza. Neste contexto de privatización no que vivimos, a natureza, o monte e o territorio son dos poucos espazos que aínda non están completamente privatizados e mercantilizados. Estabamos pensando precisamente niso: por que, cando falamos de comunitario, moitas veces parece que sempre ten que haber diñeiro polo medio? Entón, creo que a investigación tamén nos serviu para deixar claro que estamos falando dunha perspectiva do comunitario evidentemente non mercantilizada e que facemos unha crítica bastante forte a esa cuestión.

Ánxela:

Para min está claro que o comunitario ten que ver co territorio e coas persoas que habitan e son parte dese lugar. Penso que é necesario tamén que se vaia introducindo unha perspectiva

feminista, ecosocial, decolonial e, dalgún xeito, cunha mirada anticapitalista cando falamos do comunitario. É difícil, porque vivimos nun mundo patriarcal e capitalista, pero creo que esta investigación tamén pretende dar visibilidade a aquilo que non é puramente mercantilista e que incorpora estas perspectivas.

Poñer no centro todo aquilo que sostén a vida. E non só a nivel material, senón tamén a nivel simbólico: os afectos, os sentimentos, os coidados, os vínculos e todas estas cuestións máis inmateriais que tamén forman parte da vida e son unha parte esencial da mesma.

Da conversa á investigación

03. Como naceu a idea de crear este mapa de boas prácticas? Houbo algunha experiencia ou inquietude que vos fixese pensar que era un traballo necesario?

Sandra:

Pois temos que volver ás orixes do que estabamos falando hai uns minutos: un café polo medio. Como o persoal é político, resulta que estabamos falando das nosas situacións persoais, dos nosos sentimentos e tamén do noso traballo, porque exercemos de traballadoras sociais e desenvolvemos os nosos propios proxectos máis alá desta investigación. E tiñamos unha queixa común: o pouco valor que se lle dá ao comunitario. Ademais, nun contexto no que constantemente as traballadoras sociais estamos queimadas, queixándonos do sistema, do mal funcionamento dos servizos públicos e do sistema de benestar, sentiamos que estabamos revalorizando moi pouco o que faciamos nós mesmas e tódalas cousas bonitas que estaban acontecendo ao noso redor.

Non é que non houbese boas prácticas comunitarias. É que non as recoñeciamos. E, conversa tras conversa, aquilo foi moi esperanzador. Porque, a medida que iamos falando, aparecían iniciativas: «Está esta cooperativa facendo unha labor de dinamización nun territorio moi turistificado», «Está esta outra organización levando a cabo accións ecosociais en Vigo», «Está este outro movemento na Coruña…».

A medida que falabamos de iniciativas que xa estaban existindo e que eran realmente interesantes, iamos recuperando tamén a esperanza. A idea foi xurdindo coa finalidade de que todas as persoas puidesen acceder ao coñecemento destas boas prácticas que se están levando a cabo e que consideramos, porque as observamos e as vivimos no noso día a día. Moitas delas son prácticas informais e, precisamente por iso, moitas veces non se recoñecen.

Nun contexto sociopolítico no que o pesimismo e o discurso do medo teñen moito peso, cremos que tamén é necesario facer visibles as alternativas. Non desde unha idea de esperanza inxenua, de pensar que todo vai ir ben, senón desde a constatación de que xa están pasando cousas e xa hai persoas construíndo outras posibilidades. E, para nós, iso tamén é político: coñecer o que existe permítenos imaxinar o que podería existir. Porque precisamos de horizontes posibles que nos orienten, e non quedar paralizadas na queixa estrutural —que segue sendo fundamental—, senón acompañala dunha toma de conciencia e dunha toma de

acción. Ao final, o mapa nace un pouco diso: de pasar da queixa á mirada, da mirada á esperanza e da esperanza á acción colectiva.

De feito, cando miro cara atrás, penso en todas as persoas e espazos que nos inspiraron antes mesmo de que existise este proxecto. Compañeiras como Andrea Alfaya ou Marta Pernas, o Ecolectivo, o círculo de mulleres da miña avoa… espazos dos que nós mesmas formamos parte, que habitamos e nos que aprendemos o valor que teñen os lugares de encontro, de coidado, de apoio mutuo e de construción colectiva. Moitas desas mulleres foron tamén a nosa inspiración para preguntarnos que papel teñen estes espazos na maneira en que sostemos a vida. E despois, ao longo do propio camiño da investigación, fomos atopando outras persoas que nos deron a man. Moitas delas hoxe son amigas e compañeiras. Tivemos o privilexio de coñecer iniciativas e persoas que nos abriron as portas dos seus espazos e compartiron con nós os seus saberes, as súas experiencias e tamén as súas dificultades.

Tamén fomos tecendo colaboracións con entidades como Enxeñería Sen Fronteiras, con quen estamos desenvolvendo MICELIO, o mapa dixital que nace da vontade de dar continuidade e outra dimensión ao mapeo; ou con iniciativas como a cooperativa Árbore e o Ecolectivo, que colaboraron connosco na realización dos encontros e nas visitas aos seus espazos comunitarios.

Ánxela:

Efectivamente. Eu creo que todo isto naceu tamén da necesidade de poñer enriba da mesa o que xa existe e de revalorizar esas prácticas, porque o que non se nomea parece que non existe. Esa inquietude persoal e individual que tivemos nese momento, a través daquela conversa cun café, creo que sabemos agora que é compartida por moita máis xente.

Nos encontros e nas conversas con outras persoas escoitabamos moitas veces: «Que interesante o que estades a facer. Eu non coñecía absolutamente nada disto». E, en realidade, eran iniciativas que estaban e están aí, ao alcance de moitas persoas: asociacións, cooperativas, comunidades de montes, colectivos… Pero moitas veces sen o valor que merecen, especialmente a nivel institucional.

Son iniciativas que fan unha labor moi importante de dinamización, de achegarse á terra e de baixar esa mirada tan vertical para colocala nunha perspectiva máis horizontal que facilita que tódalas persoas poidamos ser parte, que permiten acceder a actividades, a formacións ou a dinámicas desde economías alternativas nas que o diñeiro non é necesariamente o centro.

A idea inicial, polo menos para min, mudou moito ao longo da investigación. A medida que fomos conectando con persoas, coñecendo experiencias e facendo propostas, fómonos dando conta de tódalas posibilidades que podía e pode seguir tendo. A idea mudou, pero a esencia segue sendo a mesma: ilusión, ganas de medrar e de redescubrir cousas que incluso nós non coñecemos. Porque isto tamén foi, e continua a ser, un proceso de aprendizaxe.

«De pasar da queixa á mirada, da mirada á esperanza e da esperanza á acción colectiva»

04. Como foi o proceso de sacar adiante unha investigación desta dimensión? Que fase vos deu máis traballo?

Ánxela:

Compatibilizar os nosos traballos con esta investigación, sendo dúas mulleres novas e precarias que estamos comezando a vida, non foi nada fácil. Pero creo que foi —e está sendo— moi satisfactorio. Tamén é importante ver que existen espazos que nos permiten investigar de maneira alternativa e ocupar espazos académicos, que van máis alá da educación formal, con vinte e poucos anos. Para min é importante e sinto moito orgullo de nós de saber que, de maneira autónoma, puidemos sacar isto para adiante. Ás veces un pouco ás cegas, probando e petando nalgunhas portas que non se abriron pero que tamén nos deron unha lección. Hai un dito que di que cando se pecha unha porta, ábrense mil xanelas e creo que iso nos aconteceu, así que máis que agradecidas.

Por sorte atopamos moita xente disposta a participar. Teño a sensación de que as persoas temos moitas ganas de conectar con outras, de atopar unha escusa para socializar, facer algo en común e repensar a realidade na que vivimos. E para nós tamén foi unha oportunidade de reflexión.

Sandra:

Si, totalmente. Para nós isto acabou sendo case un segundo traballo. Tiñamos as nosas xornadas laborais e, ademais, reunións, cuestionarios, encontros, análise… E ás veces aparecía esa pregunta: «Estou dedicando tanto tempo, enerxía e esforzo a isto… a cambio de que?». Creo que esa pregunta tamén ten moito que ver coa sociedade na que vivimos, na que parece que todo ten que producir un resultado, unha utilidade ou unha remuneración inmediata. E esta investigación obrigounos, en certa maneira, a cuestionar iso: que valor lle damos ao coñecemento, aos vínculos ou á participación cando non hai un beneficio económico directo?

Tamén foi un proceso moi importante para aprender a traballar en equipo. Vivimos nunha sociedade bastante individualista e, no meu caso, decateime de que ás veces intento cargar con todo: «Veña, fágoo eu». E tamén vin como iso está relacionado coa nosa socialización como mulleres e con esa tendencia a facernos cargo das responsabilidades e dos coidados.

Traballar con Ánxela obrigoume a soltar un pouco ese control, confiar na outra persoa e aceptar que non tiña que facelo todo eu. E tamén aprendín algo moi persoal: as outras persoas funcionan moitas veces como espellos. Aquilo que me molestaba, que me confrontaba ou que me custaba doutra persoa tamén me facía preguntarme que había aí de min. E creo que iso foi parte da riqueza da investigación: non só investigamos unha realidade exterior, senón que tamén nos fomos transformando nós no propio proceso.

05. Como vos organizastes e que credes que achegou cada unha ao proceso e ao resultado final?

Sandra:

Creo que nos complementamos moitísimo. Se tivese que dicir que achegou Ánxela, destacaría a súa capacidade para baixar as ideas á terra, darlles estrutura e levalas á práctica. Eu son bastante caótica, moi idealista e reflexiva, e ás veces podo quedar un pouco no mundo das ideas. Ánxela axudábame a dicir: «Veña, facemos isto, tal día isto outro…». Pero tamén achegou moito coidado, atención ás persoas e unha mirada moi territorial. A través dela aprendín a mirar doutra maneira a relación coa terra: desde a música, o territorio material e simbólico, o goce da nosa propia cultura e tamén o papel das organizacións folclóricas na creación de comunidade. Son cousas que ela non só coñece desde a teoría, senón que forman parte da súa propia experiencia. E creo que esa complementariedade tamén se reflectiu no propio resultado. Viñamos de dúas experiencias territoriais diferentes —no caso de Ánxela dun contexto rural, e no meu doutro urbano—, de formas distintas de relacionarnos co territorio e co asociacionismo, e tamén de ámbitos profesionais diferentes dentro do traballo social. Así que, ao final, máis que sumar dúas perspectivas, creo que as nosas diferenzas permitíronnos ampliar a mirada.

Ánxela:

E que podo dicir de Sandra que non lle diga tódolos días? Para min é unha crack. Sempre me aporta moitísimo: creatividade, coñecemento e, obviamente, moitísimas ideas. Sempre tiña propostas chulísimas para ver como expoñer as cousas e como facer que o proxecto fose máis alá. Moitas iniciativas, persoas e organizacións que nos botaron unha man chegaron tamén grazas a ela. E creo que esa capacidade de ter ideas ás veces un pouco aloucadas —que nos encantan— tamén nos permitiu avanzar e buscar alternativas cando se nos pechaban as portas. «Se aquí non nos botan unha man, non pasa nada: seguimos adiante. Hai que probar, tocar, petar, presentarnos e ver que pasa». Tamén destacaría a forma de coidar. Creo que tódalas persoas que participaron nos encontros nos fixeron chegar que lles gustou moito como coidamos os espazos e como os entendemos. Para min foi un auténtico privilexio compartir esta investigación contigo e todo o que trouxo: non só a investigación, senón compartir a vida, os espazos de ocio, ir de festival, compartir loitas, saberes, etc.

Escoitar, mapear e facer visible

06. Que vos achegou a escoita directa? Houbo algunha reflexión que vos marcase especialmente?

Sandra:

A min houbo algo que me marcou moito: esta investigación fíxome valorar enormemente os espazos informais. Moitas das achegas á investigación xurdiron de cafés con organizacións, de encontros, de festivais, de coincidir con persoas que che falaban das súas iniciativas comunitarias, de observar como sosteñen unha comunidade ou como xestionan un grupo. Ao

principio preocupábanos moito facer unha investigación «científica», académica e rigorosa: ter unha mostra adecuada, combinar metodoloxía cuantitativa e cualitativa, contar cunha parte empírica e outra teórica… E tentamos cumprir todo iso na medida do posible.

Pero despois da experiencia decatámonos de que, se queres coñecer realmente estes entramados comunitarios, tamén tes que achegarte desde a vivencia. A maioría dos contactos que fixemos xurdiron desde un ámbito persoal e acabaron converténdose tamén en relacións profesionais. Moitas destas persoas son hoxe compañeiras e mesmo amigas. E creo que, ao final, cando queres conectar co comunitario, tes que conectar tamén co sentir, coa propia humanidade compartida. Quizais esa sexa unha das maiores aprendizaxes: investigar tamén pode ser unha forma de coidar e de crear comunidade.

Non se trata só de extraer información das persoas, senón de xerar espazos nos que o coñecemento circule en varias direccións e nos que todas as partes poidan saír transformadas. Para nós foi tamén unha maneira de demostrar que existen outras formas de facer investigación: máis participativas, máis horizontais, máis encarnadas e máis conectadas coa vida cotiá.

Ánxela:

Está moi ben manter o rigor da investigación, pero se queres xerar un espazo horizontal, de participación activa por todas as partes, no que non exista unha estrutura de poder, é importantísimo deixar a un lado a xerarquía que se da no coñecemento teórico e revalorizar aquilo que facemos día a día. Por iso agradecemos moito que desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza tamén se recoñezan estas maneiras “alternativas” de investigar. Creo que é imprescindible darlles espazo.

Si. A escoita directa tróuxonos coñecemento en bruto. Tiñamos ganas de escoitar e a xente moitas ganas de falar. Os encontros tiñan unha duración que intentabamos respectar, pero moitas veces as conversas e os debates continuaban moito máis alá do horario que tiñamos marcado. Foi súper enriquecedor. E creo que moita xente quedou con ganas de máis. Tamén estamos pendentes de seguir organizando encontros, porque unha cousa foi levando a outra. O problema é que, volvendo ao que comentabamos antes, compatibilizar traballos, vida persoal e investigación é complicado. E creo que tamén é importante darnos o recoñecemento a nós mesmas polo traballo que facemos de maneira altruísta, fóra dos nosos horarios laborais, no noso tempo libre, no noso tempo de desconexión e de goce.

«Investigar tamén pode ser unha forma de coidar e de crear comunidade»
Xuntanza comunitaria durante o proceso de investigación de Sandra Lorenzo e Ánxela Pichel
Unha das Xuntanzas Comunitarias da investigación, celebrada nas instalacións do COTSG.

07. Identificastes 225 iniciativas comunitarias desenvolvidas en Galiza e seleccionastes 20 para analizalas en profundidade. Que vos revelou este proceso sobre a riqueza e diversidade do tecido comunitario galego?

Sandra:

O primeiro que nos revelou foi que en Galiza hai unha riqueza e unha diversidade enorme de iniciativas comunitarias, moitas delas moi próximas e, ao mesmo tempo, pouco visibles. En cada recuncho hai persoas organizándose, creando redes e facendo cousas xuntas.

Pero a investigación tamén nos fixo ampliar a nosa propia mirada sobre o que entendemos por comunitario. Ao principio preguntabámonos se tiñamos que considerar comunitaria unha asociación, un proxecto máis institucionalizado ou algo completamente autoxestionado. E fomos vendo que o comunitario non depende tanto da forma xurídica como da maneira de relacionarse: de que as persoas participen, tomen parte e constrúan horizontalmente algo en común. O fío condutor que aparecía en moitas das conversas era precisamente unha actividade, un malestar ou unha temática de interese compartido: desde mulleres que quedan para tecer ata persoas que traballan no monte e participan na xestión forestal dos incendios; ou persoas que, de maneira autoxestionada, organizan en Vigo un festival feminista ou un San Xoán colaborativo nun barrio.

Son actividades e redes que se crean arredor de algo que facer, dunha preocupación ou dun interese común: unha actividade deportiva, ambiental, artística, de lecer… E para min foi moi interesante ampliar a mirada e non limitar o comunitario aos ámbitos máis profesionais nin aos proxectos xestionados por traballadoras sociais. Porque, segundo os nosos criterios, falamos de comunitario cando son as propias persoas implicadas as que participan e constrúen a rede desde relacións horizontais e desde o propio territorio.

Ánxela:

Creo que ás veces custa conectar coa propia xente porque as persoas están en situacións precarias, con pouco tempo e poucos recursos. Percibimos que en determinadas zonas rurais están chegando persoas ou empresas cun poder adquisitivo elevado, xerando dinámicas que fan que as persoas que forman parte deses territorios queden apartadas de determinadas oportunidades porque non teñen os medios ou as posibilidades para participar. Mais tamén cabe recoñecer que as iniciativas que chegan a eses territorios menos dinamizados crean e activan á veciñanza: os lazos entre as persoas fortalécense, as persoas síntense máis acompañadas, etc.

En xeral, creo que tamén é importante dar voz a todos os movementos que existen, incluso aos que funcionan en silencio, sen grandes repercusións, que moitas veces son os que sustentan a vida en determinado territorio.

Estamos totalmente abertas a que nos fagan chegar novas propostas e dispostas a coñecelas. Non estamos en toda Galiza e o noso coñecemento é limitado. Queremos que este mapa sexa un recurso de todxs, aberto, participativo e horizontal. Así que, por favor: ti que estás lendo isto, se coñeces algunha iniciativa que creas que pode ser parte, por favor, fáinolo saber: tecendoredegz@gmail.com.

08. Cal diríades que é a principal conclusión da investigación?

Sandra:

Eu diría que o comunitario se fai desde o encarnado, desde a vivencia e desde o propio sentir, sempre situado no espazo e no contexto que habitamos. Para que exista unha rede comunitaria ten que haber algo que nos conecte con outras persoas: unha actividade, unha preocupación, unha necesidade ou unha experiencia compartida. Pode ser quedar para facer calceta ou un grupo de persoas afectadas polo aumento dos prezos do alugueiro que se xuntan para falar do que están vivindo e reivindicar os seus dereitos.

E hai outra dimensión que para min é fundamental: o conflito. Cando falamos do comunitario, o conflito sempre vai estar presente. A cuestión non é evitalo, senón como o xestionamos. Desde unha perspectiva participativa, na que se escoiten as diferentes voces e se poida abordar o conflito desde o coidado, o respecto e a reparación, en lugar de utilizalo para excluír ou expulsar persoas. Non estamos falando de crear espazos perfectos, seguros ou en harmonía permanente. O conflito tamén forma parte da vida colectiva, e aprender a habitálo e transformálo forma parte de construír comunidade.

Ánxela:

E tamén é importante que existan espazos realmente participativos, nos que todas as persoas poidan sentirse parte. O comunitario non é sinónimo dun mundo happy flower nin dun mundo de yupi. Os procesos comunitarios forman parte da vida e a vida mesma ten conflitos. A clave está en saber xestionalos e acompañalos para poder vivir e habitar os espazos de maneira máis amable. E gustaríame que unha persoa que lea esta investigación quede coa idea de que seguramente forma parte —ou formou parte— dalgún proceso comunitario participativo. E creo que é importante animar a todo o mundo a participar na vida e a construír redes, porque ser parte de algo, e compartilo, ten un valor difícil de describir. Creo que se abre unha dimensión moito máis emocional: conectas con persoas, compartes as túas inquedanzas, sintes que coas túas accións poderían mellorar a túa situación mais a das outras persoas tamén, etc.

Do facer para ao facer con

09. Como se traduce esta maneira de entender o traballo social no día a día dunha traballadora social?

Ánxela:

Creo que é importante que nos repensemos non só a nivel individual, senón tamén profesionalmente. Temos que preguntarnos se os espazos que habitamos, os lugares nos que desenvolvemos o noso traballo e os lugares nos que interactuamos con outras persoas incorporan estas perspectivas. Creo que é importante para facer deste mundo un lugar máis amable, porque xa é bastante hostil, e tamén para transformar os nosos traballos e os proxectos nos que participamos.

Sandra:

Para min, isto implica mudar o lugar desde o que miramos e nos relacionamos coas persoas: pasar do facer para ao facer con. Non partir da carencia ou do victimismo, senón das capacidades, dos saberes, das historias de vida e das redes que xa existen. Saír da mesa e achegarnos á rúa, aos espazos cotiáns e aos lugares onde as persoas se encontran e constrúen vínculos.

E tamén significa estar antes. O traballo social non debería aparecer só cando chega a urxencia, senón coñecer os territorios, detectar desigualdades, fortalecer redes e crear espazos de encontro. Porque bailar, tocar a pandeireta, comer xuntas, a túa veciña recolléndoche os nenos do cole cando estás enferma; a xente do barrio decatándose de que levas varios días sen saír; tamén pode ser traballo comunitario. É neses espazos onde se constrúen confianza, pertenza e capacidade colectiva para soster a vida. Pero mirar o comunitario non significa esquecernos das estruturas. Ao contrario: temos que preguntarnos que condicións materiais permiten ou dificultan que as persoas participen, se coiden e se organicen. A comunidade non pode substituír os dereitos nin os servizos públicos; o traballo social tamén ten que actuar sobre as estruturas que producen desigualdade.

E, aínda que non sempre poidamos escoller o contexto no que traballamos, si podemos escoller desde onde traballamos. Podemos escoitar, dar capacidade de decisión, favorecer vínculos e organización e preguntarnos continuamente se estamos facendo para as persoas ou con elas. Ao final, para min, trátase de pasar dunha intervención centrada só en resolver problemas individuais a unha práctica que tamén busca fortalecer persoas, vínculos, comunidade e capacidade colectiva para transformar as condicións de vida.

Ánxela:

E a min a investigación reforzoume aínda máis unha idea: o traballo social non pode ser asistencialista. Temos que ir moito máis alá. Temos que estar antes, acompañar os procesos e formar parte deles. E aquí aparece tamén a prevención: cando existe unha rede comunitaria de sostén, moitas situacións de exclusión e precariedade social poden non chegar a producirse da mesma maneira.

Para min, formar parte e ser parte da comunidade vai moito máis alá de ser traballadora social. Participar, vivir e ser parte é algo que forma parte da vida. E iso é o que intento aplicar tamén coas persoas coas que traballo. Eu son Ánxela moito máis alá da profesión. O primeiro que intento facer é coñecer as persoas e crear un clima de confianza, porque creo que iso é fundamental para poder coñecer de verdade a súa realidade. A partir de aí nace de maneira bastante natural o coñecemento mutuo. Facerlles sentir que o lugar que ocupan tamén é seu, que se sintan escoitadas e que se sintan coa liberdade de habitar, preguntar, conversar, etc. en igualdade de conducións, sen sentir que hai unha barreira ou algo de por medio que distancia por completo as relacións. Creo que iso é o primeiro paso para construír relacións de confianza e relacións que poidan ser realmente comunitarias. Procuro aplicar o meu sentir,

traballar desde o «ti a ti», dándolle moita importancia aos coidados, aos pequenos detalles que poden marcar, dalgunha maneira, a diferenza.

«A comunidade non pode substituír os dereitos nin os servizos públicos»

10. Que pode achegar esta investigación ao conxunto da profesión? Como vos gustaría que se utilizasen o mapa e os criterios?

Ánxela:

Unha compañeira comentábanos que con este mapeo podemos poñer de manifesto e reflexionar sobre o papel que teñen aquí as institucións públicas, preguntarnos canto se aposta realmente polo movemento comunitario, polo movemento asociativo, canto respaldo existe, canto apoio se ofrece para que estas iniciativas existan, medren, se desenvolvan e estean presentes. Como diciamos, esta é unha investigación e un mapa aínda pequeno. Esperamos que siga medrando e que no futuro poidamos ter un mapa moi diverso, completo e actualizado que sexa unha ferramenta para coñecer, para descubrir, para reflexionar e tamén para conectar.

Sandra:

E gustaríanos que o coñecemento non quedase só na academia, senón que chegase á rúa. Que a veciñanza poida acceder a el e coñecer as redes comunitarias que existen máis preto do seu territorio. Que o que investigamos poida volver ás persoas das que parte.

Un recoñecemento e un mapa vivo

11. Que significou para vós recibir o premio do Día Mundial do Traballo Social e saber que o artigo sería publicado na revista do Colexio?

Ánxela:

Para min recibir este premio significou revalorizar a nosa forma de investigar e darnos o recoñecemento que creo que merecemos e que moitas veces nós mesmas non nos damos.

Tamén significou poñer en valor que se pode investigar de maneira diferente e que é posible facelo. Independentemente da curta experiencia ou da pouca experiencia e da idade que temos, podemos chegar realmente ata onde queiramos. Ás veces a academia pode ser un espazo moi pouco amable para persoas que non estamos acostumadas a ocupar estes lugares que habitualmente tamén seguen lóxcias e patróns onde se perpetúan as estruturas de poder. Facelo foi todo un logro e tamén un recoñecemento ás novas formas de facer e ás alternativas de investigar. Queremos aproveitar para agradecer ao Colexio a oportunidade de publicar o artigo e polo recoñecemento. Creo que isto tamén demostra que mudar o mundo comeza en nós.

Sandra:

Para nós, recibir este premio significou recoñecer e poñer en valor unha maneira diferente de investigar e de facer traballo social. Unha investigación que nace da vivencia, da escoita e do

territorio, e que non parte exclusivamente da teoría ou da academia. E tamén significou ocupar un espazo que ás veces parece difícil de habitar para as persoas novas, especialmente sendo dúas mulleres novas dentro dunha profesión na que existen estruturas bastante adultocéntricas. Para nós foi unha oportunidade para reivindicar que a mocidade tamén ten coñecementos, experiencias e capacidade para liderar procesos de investigación e transformación social. Creo que o importante é que este recoñecemento non quede só en nós dúas, senón que sirva para abrir espazos a outras formas de producir coñecemento e a outras voces dentro do traballo social: persoas novas, persoas do rural, persoas disidentes de xénero e, en definitiva, toda a diversidade que forma parte da nosa profesión e das nosas comunidades. Pero hai algo que para min é fundamental: este premio non é só de Sandra e Ánxela. Nós simplemente demos forma, nomeamos e sistematizamos un coñecemento colectivo que xa existía.

12. Cal vos gustaría que fose o seguinte paso?

Ánxela:

Creo que podo falar en nome das dúas: obviamente queremos seguir investigando. Queremos continuar facendo medrar esta investigación e quizais no futuro ir cara a outras direccións e outras ramas, pero queremos que a investigación nos acompañe sempre que se poida. Sentimos que isto é unha semente que plantamos e que queremos mirala crecer, ao mesmo tempo que tamén o facemos nós. Traballamos moito para conseguir isto e queremos continuar.

O seguinte paso agora, que pode estar na nosa man, é seguir estando presentes en espazos que nos permitan crecer, conectar con outras persoas, etc.; publicar e seguir traballando na dixitalización do mapa xunto con Enxeñería Sen Fronteiras. Aínda así, seguimos estando abertas a novas propostas, ideas, colaboracións, etc.

Sandra:

Ao mesmo tempo, gustaríanos chegar ás persoas que máis barreiras teñen á hora de acceder aos contidos dixitais, persoas maiores, persoas con discapacidade…

Introducindo unha parte máis espirtual, revalorizar os saberes que xa existen e facer memoria. Moitas destas prácticas comunitarias están sostidas por mulleres e por saberes que veñen de xeracións anteriores: formas de coidarnos, de organizarnos, de relacionarnos coa terra, de resolver colectivamente as necesidades da vida… Saberes que moitas veces non foron considerados coñecemento porque estaban fóra dos espazos académicos ou institucionais. Por iso, cando cartografiamos e damos valor a estas prácticas, tamén estamos recoñecendo o traballo de moitas mulleres e, dalgunha maneira, das nosas propias ancestras. Para min hai algo moi bonito en pensar que, cando recuperamos e nomeamos eses saberes, tamén estamos facendo visible unha parte da historia que durante moito tempo permaneceu na sombra. E,

simbolicamente, as nosas ancestras agradecen que volvamos nomear eses saberes, como ben di a miña querida Isabel Arcos.

13. E que lle diriades a unha compañeira que quere impulsar un proxecto comunitario pero aínda non sabe como comezar?

Ánxela:

Eu diríalle simplemente: que o faga, que se atreva. E, sobre todo, que non teña medo a pedir axuda. As persoas que xa están impulsando proxectos comunitarios adoitan estar moi dispostas a compartir, acompañar e tender pontes. Creo que unha das cousas máis bonitas que descubrimos facendo este mapa é precisamente esa vontade de axudarnos entre nós.

Sandra:

Si. E creo que unha das cousas que descubrimos facendo este mapa é que non temos por que inventalo todo desde cero. Hai persoas e iniciativas que xa están facendo cousas moi interesantes e que poden compartir o aprendido. De feito, esa é tamén unha das finalidades do mapa: conectar redes e prácticas comunitarias. Vímolo nos encontros que fomos facendo: persoas e proxectos que non se coñecían comezaron a compartir experiencias, a recoñecerse e mesmo a crear novas colaboracións.

Así que eu diríalle: non busques facelo soa. Busca a túa manada. Déixate acompañar polas redes que xa existen. Porque, ao final, unha comunidade tamén se constrúe cando nos atrevemos a dar o primeiro paso e descubrimos que xa había outras persoas camiñando na mesma dirección.

«Non busques facelo soa. Busca a túa manada. Déixate acompañar polas redes que xa existen»

Moitas grazas, Sandra e Ánxela, por compartir o voso traballo, a vosa mirada e unha investigación que nos convida a recoñecer, conectar e fortalecer as comunidades que xa existen nos nosos territorios.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x