O BLOG – Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Entrevistas a profesionais do Traballo Social con impacto na comunidade galega

ColexiaciónTraballo Social Sanitario

Falamos con María José Lozano: cando a alta médica non abonda

Falamos con María José Lozano Lorenzo, traballadora social do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e colexiada número 331. A súa traxectoria une a intervención sanitaria, o Traballo Social Clínico, a investigación e a escritura, cunha atención constante ás dimensións sociais da enfermidade e aos dilemas que xorden arredor dos coidados.

En setembro de 2026 escribiu a carta Alerta: O virus da violencia burocrática ameaza os nosos hospitais, na que relata a situación dun paciente con alta médica que permanece hospitalizado mentres agarda un recurso residencial. A través deste caso, advirte do risco de que os requirimentos, as demoras e a falta de coordinación rematen afectando a dignidade e os dereitos das persoas.

Esta reflexión dialoga coa súa novela Yo no te cuido (2024), inspirada en feitos reais atendidos desde o Traballo Social hospitalario. A obra aborda o dilema dunha persoa maior, enferma e dependente que exerceu violencia de xénero, e das fillas e fillos que, tras conviviren co dano causado, deciden non asumir os seus coidados.

«Ás veces tócanos ser voz dos que non importan, pero teñen dignidade. Mirámolos nós, as traballadoras sociais».

Unha traxectoria entre o acompañamento e a investigación

01. Para comezar, gustaríanos coñecerte un pouco mellor. Quen é María José e que camiño te levou a desenvolver a túa carreira entre o Traballo Social sanitario e clínico, a investigación e a escritura?

Son alguén que intenta ser coherente cos meus valores e co que máis me gusta, por iso elixín a profesión de traballadora social. A propia vida levoume por ese itinerario que sinalas: primeiro, o Traballo Social sanitario nun centro de saúde, onde descubrín que me gustaba, aínda máis, acompañar as persoas desde a abordaxe psicosocial. Entón formeime con John McWhirter para poder exercer a parte clínica do Traballo Social. Amaya Ituarte, sempre como referencia en Traballo Social Clínico, acompañábame a min.

O ámbito médico proporcionoume as bases para a investigación. Aprendín que o que non se publica non existe e, desde entón, publico todo o que considero que debe saír á luz, incluída a miña creatividade e, a través dela, o que sinto que ten que facerse visible.

02. A carta nace dunha situación profesional concreta, pero formula un problema moito máis amplo. Que te levou a facer pública esta reflexión e que che gustaría provocar no debate profesional e institucional?

Como dicía antes, é unha cuestión de coherencia persoal. A Administración deixárame sen capacidade de acción e o problema ía encamiñado a non resolverse. Sentinme atrapada, igual que o estaba o paciente no hospital. Os dous eramos vítimas da violencia burocrática. Cinco meses agardando pareceume excesivo (a miña compañeira Mar Gómez xa realizara dúas solicitudes de emerxencia e eu a última. As tres desestimadas); só me quedaba facelo público. De forma case inmediata, en dous días, xa había residencia para o paciente. Resolveron unicamente cando quedou en evidencia pública. Este é o debate: como é que visibilizar na prensa unha inxustiza mobiliza máis axiña a Administración que unha situación de vulnerabilidade cidadá?

Como é que, sendo coñecedores de que este paciente levaba cinco meses de alta médica, non axilizaran o procedemento? Quen mira o paciente? Aquí atopamos o sentido da nosa profesión: ás veces tócanos ser voz dos que non importan, pero teñen dignidade. Mirámolos nós, as traballadoras sociais.

Cando a burocracia se converte nunha gaiola

03. Empregas a expresión «violencia burocrática» para describir o que está a suceder. Que significa para ti este concepto e que sinais indican que un procedemento administrativo está a cruzar a liña da vulneración de dereitos?

Crúzase a liña cando, a pesar de que é imposible cumprir a norma, se segue esixindo o requisito do mesmo xeito, sen ter en conta a propia idiosincrasia do paciente, negándolle, desta maneira, o recurso ao que ten dereito. O procedemento administrativo é necesario, pero se non se flexibiliza en casos excepcionais, vólvese unha «gaiola de ferro», como acuñou en 1905 o sociólogo Max Weber. Permitir calquera tipo de «gaiola» (tanto na burocracia, na parella, na familia, nos ambientes laborais ou onde queira que se dea) é violencia.

04. No hospital, a alta médica non sempre significa que unha persoa poida marchar con seguridade. Que consecuencias ten esa distancia entre a situación clínica e a realidade social para o paciente, as familias, as profesionais e o propio sistema?

Efectivamente. A alta médica indica que a patoloxía aguda pola que ingresou o paciente está resolta e pode ser atendido fóra do hospital co tratamento prescrito e os coidados axeitados. Se non hai apoio no ámbito para procuralos, non se pode dar a alta hospitalaria. Se se dilata moito a distancia entre as altas, médica e hospitalaria, o paciente queda exposto a riscos vitais innecesarios, pois nun ambiente hospitalario hai virus e bacterias letais. E está a ser privado de recursos psicosociais e culturais que non lle pode ofrecer un hospital. Tamén para os familiares e amigos que visitan o paciente con alta médica.

Así mesmo, reséntese o sistema sanitario, xa que Enfermaría debe cumprir o protocolo de atención polo feito de estar ingresado e xérase moita carga asistencial para este colectivo. Por outra banda, a poboación vese afectada directamente no momento en que un cidadán necesita ser tratado pola súa patoloxía aguda e non pode porque «o seu lugar» está ocupado por alguén á espera dun recurso social.

05. Estas situacións requiren coordinación entre sanidade, dependencia, servizos sociais, recursos residenciais e, en ocasións, xustiza. Onde consideras que se producen as principais fendas e que cambios concretos permitirían reducir as esperas?

A fenda principal, ao meu modo de ver, é que as consellerías funcionan como compartimentos estancos. A Política Social non lle importa o gasto que supón para Sanidade manter, durante o tempo que sexa, un paciente con alta médica agardando por un recurso social e Sanidade, pola súa parte, adáptase a estas longas esperas e perde sensibilidade para crear centros sociosanitarios, que serían o recurso idóneo para prestar coidados intermedios mentres o paciente non se recupere de todo e poida regresar ao seu domicilio ou non se lle adxudique unha praza residencial.

Outra das fendas é a falta de prazas públicas en residencias.

Tamén axudaría que traballasen conxuntamente, xunto coa Xustiza, en consenso e coordinación, para unificar criterios en aras da efectividade dos recursos, da súa eficacia e eficiencia.

06. Cando a resposta depende de decisións alleas ao alcance da profesional, como se sostén a responsabilidade ética sen asumir como propio o que o sistema non resolve? Que apoio necesitan as traballadoras sociais que acompañan estes procesos?

A responsabilidade ética pasa por recoñecer os límites profesionais. O Traballo Social chega ata un punto. Como toda profesión de axuda, hai unha tendencia a implicarse máis da conta, xa que, ao estar en contacto directo coas persoas que sofren, facémonos cómplices do seu sufrimento e todo nos parece pouco para alivialo. Ao chegar aquí, necesitamos dunha supervisión profesional para posicionarnos de novo e ver con obxectividade a situación e contemplar todo o escenario, porque hai moitos actores implicados, o Traballo Social é só un máis e facemos ata onde nos é permitido; o resto compete a outros. Aí soltamos a carga porque xa chegamos ao límite.

O apoio que necesitamos é a través do Colexio de Traballo Social, desde onde nos facilitan asesoramento técnico, xurídico e un coidado emocional para non caer no burnout e nas súas consecuencias nefastas para a saúde.

Literatura, memoria e coidados

07. Levas anos unindo Traballo Social, investigación e escritura. Que che permite expresar a literatura que ás veces non cabe nun informe social, nun artigo científico ou nun expediente administrativo?

A literatura, como expresión creativa (no meu caso é esta, pero noutros casos dáse a poesía, fotografía, teatro, baile, canto, etc.), conecta coa dimensión máis sutil que temos, máis alá da razón, polo tanto, máis alá da utilización de ferramentas de traballo. Eu chámolle a quinta Intelixencia. Poñela ao servizo das realidades sociais, para facelas chegar ao público, hónrame.

A miña novela está axudando a moitas mulleres vítimas da violencia de xénero a denunciar. Tamén a están utilizando nalgúns institutos para xerar debates no estudantado sobre o machismo.

Animo a todas as traballadoras sociais a descubrir os seus dons e talentos artísticos e a que expresen o seu cotián. Así gañamos todas. A arte tamén forma parte do Traballo Social.

«A arte tamén forma parte do Traballo Social».

08. En Yo no te cuido, unha persoa maior e enferma que exerceu violencia de xénero queda sen o coidado das súas fillas e fillos. Como naceu esta historia e que dilemas profesionais e morais querías poñer sobre a mesa?

Esta historia novelada puiden relatala grazas ao permiso da filla dun paciente, á que lle pedín poder contala despois de levar todo o proceso de planificación da alta hospitalaria do seu pai. Díxome: «Se cres que pode axudar, adiante». Sobrecolléronme a súa capacidade de superación e a súa humanidade. Vina como un exemplo gráfico de como a violencia de xénero se dá en todas as clases sociais, como as vítimas quedan atrapadas na dor, etc. Poño sobre a mesa moitos temas máis: o aborto, os fillos das nais asasinadas polos perpetradores da violencia de xénero, enfermidades como o alcoholismo, o alzhéimer, temas como o amor, a vida, a morte…

09. Cando a negativa dunha familia a coidar nace dunha historia de violencia, é xusto falar de abandono? Corremos o risco de trasladar novamente ás vítimas unha responsabilidade que debería asumir o sistema público?

Se houbo violencia, non se pode esixir coidar o perpetrador nin sequera prestarlle alimentos.

A lei exime os fillos nestes casos. Este debate sempre xorde nas presentacións de Yo no te cuido. A última vez foi na Coruña e veu o fiscal Santiago Miguel, que o deixou ben claro.

Outra cousa é a obriga moral que a sociedade impón ás fillas de facerse cargo.

O sistema público, se o paciente non ten recursos, ou o sistema privado, se os ten, son a solución.

Desde o Traballo Social debemos liberar as fillas dos perpetradores dese coidado imposto, para ir desfacendo do inconsciente colectivo a crenza de que «como é muller e filla, ten que asumilo».

Unha mensaxe á profesión

10. Para rematar, tanto a carta como a novela sitúan o Traballo Social alí onde remata a resposta clínica e a realidade social segue sen resolverse. Que deberían aprender as institucións destas situacións e que mensaxe lle trasladarías á profesión?

As situacións difíciles son o reto máis ambicioso para o Traballo Social, son a razón e o propósito, o porqué e o para que da nosa profesión. A miña mensaxe é de confianza no esencial do ser humano, na súa dignidade, nos seus dereitos e coidados. Se se me permite un consello, sería non mercar eses discursos catastróficos sobre o futuro que invaden as redes sociais. Non fan máis que encher de medo a poboación e paralizar a acción, e nós, traballadoras sociais, necesitamos gozar de boa saúde para continuar facendo camiño. Moitas grazas.

«As situacións difíciles son a razón e o propósito, o porqué e o para que da nosa profesión».

Moitas grazas, María José, por compartir a túa mirada e por contribuír a facer visible o papel do Traballo Social sanitario na defensa da dignidade, dos dereitos e dos coidados.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x