O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ColexiaciónGrupos de Traballo

Menores de idade en situación de acollemento familiar noutros países. Reflexión da Comisión de Infancia e familia do COTSG.

O 24 febreiro o conflito de Rusia – Ucrania, que xa dende o 2014 viña medrando, estalou nunha invasión e guerra que está sendo terrorifica e producíndose como consecuencias a importante saída de persoas e familias, 2.8 millóns persoas, para outros lugares lonxe do conflito.

Afectando principalmente a anciáns, mulleres e nenos/as. Europa atópase ca importante labor de dar acollida a estas persoas que foxen da barbarie do conflito bélico.

Como resposta moitas persoas en España e Galicia deron a voz e queren presentarse voluntarios para acoller a familias, nenos e nenas, solicitando información de como facer este proceso.

Dende o COTSG, vendo a necesidade que se está producindo e que a poboación se está ofrecendo a acoller os/as menores que o precisen, e sendo conscientes do inmenso esforzo que se está facendo dende os diferentes organismos internacionais, nacionais, autonómicos e locais para regularizar o proceso para facelo da mellor maneira posible: dende a acollida, a situación legal na que se atoparán (asilo), atender as necesidades básicas, a non separación dos núcleos familiares, etc.. e tendo en conta que a experiencia noutros conflitos, xa mostrou a necesidade de atender a menores que veñen sen acompañamentos dos adultos que ostentan a súa tutela,  queremos reflexionar e dar unhas pautas básicas a ter en conta, con fin de proceder da mellor forma posible, e que a axuda non se converta noutro mal maior, para estas persoas que xa teñen sufrido dabondo.

A boa vontade non é o único que fai falta para a acoller. Detéctase ante a situación de guerra que levou os/as nenos/as e as súas familias a fuxir de Ucrania, unha primeira onda de persoas que están interesadas en acoller a estas/os cativas/os pero isto non vai ser tan doado, porque en primeiro lugar teranse en conta a familiares ou coñecidos que teñan nos países máis próximos ou alóxalos o menos posible da contorna que coñezan.

É un paso inmensamente xeneroso e de valorar positivamente como está reaccionando a sociedade española e galega ante este chamamento, pero dende o  COTSG, desexamos destacar que é  tamén dunha alta responsabilidade, porque todo tipo de atención a persoas en situación de vulnerabilidade ten claro-escuros que é preciso ter en conta. 

Non todo vai ser marabilloso. Os nenos non se teñen que amosar agradecidos-algúns o farán e outros non-, non todos responderán igual -algúns amosaran comportamentos máis aberto e receptivos e outros máis apáticos e con actitudes máis internas-. Non os imos a querer dende o primeiro minuto, e as veces as cousas poñeránse complicadas, e ao final de todo, sen embargo, si se fai ben, tera valido a pena.

A toda persoa ou familia que queira acoller recomendariámoslle  e queremos transmitir a importancia das directrices para facelo dunha forma axeitada. 

  • Existen moitas formas de axudar, elixe a que mellor se adapte a túa situación, todas son boas nestes momentos: doar cartos, participar na recollidas de alimentos ou materiais que se vaian precisando, acoller, ….
  • Ter en conta os organismos responsables que levarán o proxecto e os números de contas abertos para estas situacións, para evitar timos e fraudes.
  • Se tes pensado acoller, prepárate para que poidan darse múltiples casuísticas (irmáns, discapacidade, situacións médicas que requiran maior atención, dificultades de adaptación…)

En caso de querer acoller a menores, dende o COTSG entendemos que ten que producirse un proceso máis simple que o ordinario pero que deben terse en conta certas pautas que aseguren a eficacia do mesmo, pero sobre todo dos/as menores e adolescentes que se van a coidar.

  • Idoneidade das familias: Documentación básica esixida. Penales, certificados de delitos de natureza sexual. Non ter nenos/as en situación de risco ou desamparo.
  • Formación básica: Recoñecer as circuntancias nas que pode chegar un neno/a dunha situación de guerra: separación dos proxenitores, viaxe marcado polo estrés e a inseguridade, a adaptación.
  • Proceso de adaptación: non coñecemento do idioma, o que supón unha nova contorna (clima, alimentación, …) e cultura (ideoloxías, relixión, ….). Pesadelos por ter abandonado o seu país ou non estar con persoas de referencia.
  • Seguimento por parte de profesionais.
  •  Apoios para as familias.
  • Ter en conta que non coñecemos a temporalidade, pero isto ten un fin, e haberá unha despedida.

Moitas familias que están chamando para informarse pola situación dos/as nenos de Ucrania, cando se lles informa da necesidade de familias de acollida para menores nacionais, autonómicos están rexeitando esta opción, polo que é importante facer unha reflexión de cales son os motivos que levan a facelo e canto estou disposto/a a ofrecer, sendo conscientes de que son situacións complexas que non sempre son doadas, aínda que moitas das historias de acollida sexan satisfactorias e proporcionen aspectos positivos a ambas partes.

Desta situación extraemos outra lectura a ter en conta e que ven a indicarnos como se nos ofrece a información polos medios dunha maneira na que o USO DA LINGUAXE cambia tamén os nosos preceptos de axuda, destes/as pequenos/as que veñen da guerra vémolos pequenos/as e vulnerables, pero moitas veces cando veñen doutros países, sobre todo africanos, o nomealos como MENAS perdemos esa visión das necesidades para eses cativos, cando son as mesmas.

Entendemos a solidariedade que nos remove coas imaxes que estamos vendo, pero estamos tratando con persoas, polo que cando aceptamos este tipo de programas temos que ser moi consecuentes, e non cansarse ás primeiras, non vale renderse diante as primeiras dificultades porque os máis prexudicados serían os que estamos tratando de axudar,  os nenos e nenas  que veñen xa de sufrir o suficiente como para darlle máis motivos de inquedanza e inseguridade.

Moito ánimo se vos animades, e se non, tede en conta que hai moitas formas de colaborar e axudar e tamén moitas persoas pasando pola mesma situación, non só neste conflito, porque recorda que nestas situación todas as acción de axuda son ondas expansivas que producen, sempre, cambios e benestar. 

Un comentario en «Menores de idade en situación de acollemento familiar noutros países. Reflexión da Comisión de Infancia e familia do COTSG.»

  • Moi boa reflexión. Destacando que fan falta familias para todo tipo de menores, independientemente de onde veñan, a súa inade e que características teñnan.
    Antes de dar un paso adiante, debemos valorar de qué maneira podemos axudar.

Comentarios pechados.