O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

Pablo Veiga: Traballo Social e Narrativa

En que consiste o proxecto Em creativo?

            Un proxecto literario desenvolvido desde ALUCEM -Asociación Lucense de Esclerose Múltiple-, capitaneado polo traballador social de dita entidade, Alejandro Robledillo, quen é editor e escritor. A raíz da participación en Em Creativo, varios dos membros que participamos -incluído o propio profesor, Alejandro- publicamos diversas obras e relatos, sendo merecedores dalgúns premios, literarios e xornalísticos.

            Destacar a realización conxunta por todos nós do conto infantil “As visitas de Escle a mamá”, escrita en galego e castelán,  traballo que recibiu un importante galardón, como é o Premio Velero do proxecto Embárcate, promovido pola farmacéutica Sanofy,  e que está a ter un impresionante éxito nos centros de ensino galegos.

Cal foi a necesidade ou necesidades iniciais que impulsaron este proxecto?

            A relación do propio Robledillo coa creación literaria, así como a presenza de persoas socias de ALUCEN, algunhas afectadas pola enfermidade, e outros achegados con interese por escribir e publicar, derivou no desenvolvemento da iniciativa. A consecuencia delo, viron a luz catro novelas, un traballo-investigación (escrito por Fernanda Arrojo, muller cunha discapacidade e traballadora social) e varios relatos breves, algúns dos cales, como sinalaba, premiados en diversos concursos. E por suposto, “As visitas de Escle a mamá”, onde se pretende visualizar a enfermidade da esclerose múltiple narrada desde a perspectiva dun meniño de cinco anos que ten a súa nai afectada pola patoloxía.

Segue activo a día de hoxe?

            A irrupción da pandemia condicionou a continuidade presencial do proxecto. No entanto, durante o dous mil vinte desenvolvéronse as clases online para rematar o curso comezado,  agardando podelas levar a cabo de forma presencial cando a situación se estabilice por completo.

Cal é a relación entre narrativa e Traballo Social?

            Os e as profesionais que nos dedicamos aos servizos sociais, especialmente os traballadores e traballadoras sociais, temos un contacto coa realidade e coas persoas que están implicadas na mesa. O traballo diario fainos adquirir unhas experiencias e dispor dunha relación directa con multitude de personaxes e situacións, que nos facilita material de abondo para concretalo en proxectos tanto literarios como de investigación e outros. A profesión acredita un debe importante e debemos perder o medo a escribir e publicar.

Sería aplicable noutras entidades ou noutras comunidades autónomas?

            Sen ningunha dúbida. Em Creativo é unha iniciativa brillante e innovadora, que pode desenvolverse noutras asociacións e noutras comunidades autónomas. Existe moito talento oculto, sendo unha mágoa que non vexa a luz.

Contas cunha novela, tamén se xestou dentro deste proxecto?

            Si. A miña participación en Em Creativo supuxo dar un gran salto, cualitativo e cuantitativo, pasando de colaborar con distintas revistas e xornais como articulista a ser quen de desenvolver unha historia en formato de novela curta.

De que fala a túa novela “A Marcha de Anxo”?

            Anxo, un neno de nove anos, que vive nas aforas dunha vila galega, na tarde do último domingo de agosto sae dar unha volta en bicicleta arredor da súa casa, no entorno onde desenvolveu a súa vida. Mañá, el e a súa familia marchan. O pequeno, nese paseo, lembra personaxes, historias e situacións que a partir de mañá deixará atrás.

A novela narra desde a óptica dun neno desa idade o que significa deixar o conocido polo desconocido e o desacougo que iso supón, tanto para os que marchan como para os que quedan.

Cal é futuro do proxecto Em Creativo?

            Os últimos dous anos foron difíciles polo acontecemento extraordinario que nos envolveu. A iniciativa Em Creativo, dun xeito ou doutro, supoño que seguirá funcionando. As bases son sólidas e os resultados acadados anímannos a seguir escribindo. Seguro que o futuro deparará máis historias para contar e publicar.