“As persoas usuarias do Traballo Social en áreas rurais teñen necesidades distintas ás das áreas urbanas”

A Traballadora Social Rosana Baleirón Baamonde acadou recentemente, na categoría de investigación, o Premio Día Mundial do Traballo Social que entrega anualmente o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Fíxoo cun estudo titulado Necesidades sociais da poboación da zona rural norte. Visión desde o Traballo Social, onde estudou a situación concreta, en materia social, da veciñanza da zona norte do concello de Santiago. Unha área caracterizada polo seu carácter rural fronte á Compostela urbana e por experimentar un déficit comparativo de servizos respecto ao centro da cidade. Falamos con ela sobre esta realidade compostelá non sempre tida en cont.

-Cales son as principais conclusións da túa investigación?
Pois que o concello de Santiago, aínda que é maioritariamente urbano, ten áreas coma esta zona norte que reúnen todas as características dunha poboación rural. Pero esta realidade non se atende, ao entenderse como un municipio urbano. Falamos de case a metade do territorio. Concíbese Santiago como se todo o municipio fose urbano, cando non é así. Esta área ten características específicas do rural. Entre estas podemos citar a falta de recursos. Teñen que desprazarse ao centro urbano, por exemplo, ante a falta de farmacias. O centro de saúde está lonxe e hai poucas frecuencias de autobús para que a xente maior poida desprazarse, entre outros problemas. Teñen, pois, unhas necesidades específicas do rural fóra da dinámica das do centro urbano.

-Que áreas do municipio estudaches?
Zonas e parroquias como a Barciela, Grixoa, Santa Cristina de Fecha… Desde Vite, sen incluílo, ata a Sionlla.

“As necesidades sociais son moi distintas no rural e na zona urbana compostelá”.

-Que se pode facer desde Traballo Social para atender as necesidades das persoas destas áreas?O primeiro de todo, detectar as necesidades existentes. Para iso hai que involucrarse coa poboación. A miña investigación divídese en dúas partes. A primeira, unha revisión dos expedientes abertos na unidade de traballo social que corresponde a esa zona para saber que necesidades chegan aos servizos sociais. Ademais, fixen nove entrevistas a persoas implicadas na zona (un párroco, xente das asociacións, traballadores sociais, persoal de colexios e centros socioculturais…). Así puiden coñecer tanto as necesidades que se detectan nos servizos sociais como as que hai a maiores. Moitas veces, estas non chegan. É preciso implicarse, ir directamente aos sitios, para coñecer as necesidades antes de que cheguen aos servizos sociais. E sobre esa realidade hai que intervir, con recursos. As e os traballadores sociais non temos a capacidade de mellorar, por exemplo, as liñas de transporte, pero dentro das nosas capacidades temos que actuar.

-A solución aos problemas existentes vai máis alá do traballo social, entón? Ten moito que ver a planificación urbana e de servizos…
Claro. Nós dende o traballo social non podemos enviar un autobús por todas as parroquias ou mellorar a frecuencia. Hai zonas nas que pasa unha liña de bus ao día. Vale de algo? Unha persoa maior non pode depender diso. Hai moitas persoas maiores que viven soas nestas zonas. Que fan sen coche propio? Como chega unha persoa dependente aos recursos que hai na cidade? É moi complicado. Vai máis alá do traballo social.  Implica a varias administracións pero tamén ás empresas privadas que ofertan servizos coma o do transporte.

-O perfil de persoa usuaria de servizos sociais nesta zona é moi distinto ao do resto do concello? Unha persoa de máis idade?
Na zona urbana de Santiago, o perfil é sobre todo de familias de poucos recursos. Tramítanselles a RISGA e axudas municipais, prestacións de alimentos, etc… Pola contra, na área rural norte apenas hai trámites de RISGA. A maior parte son de dependencia e discapacidade: axuda a domicilio, coidados… Un perfil habitual no rural é o de familias que coidan de persoas maiores. Moi diferente ao do resto.

“Ten que haber igualdade de oportunidades entre quen viva na aldea e quen o faga na praza de Galicia”

Hai algo que penses que debe salientarse da túa investigación?
Creo que se debe ter en conta o rural. Galicia é rural. A maior parte da poboación vive en áreas urbanas, pero dentro do que se considera urbano, como Santiago, hai moitas áreas que realmente son rurais. Xa que sempre se fala de todo o bo do rural, haino que dotar de recursos para que a xente non marche. A pandemia deixou á vista as diferenzas entre o rural e o urbano e as necesidades que hai no primeiro. Se tes que teletraballar, non tes unha boa conexión en todo o rural galego. Prevíase nos plans da Xunta que todos os núcleos rurais de Galicia debían contar cunha conexión de polo menos 30 megas, pero non se fixo. Xa non falamos de fibra óptica nin de conexións mellores. Pero fai falta un mínimo de servizos. Eu vivo nun concello rural e a conexión da miña casa depende entre outras cousas do tempo que faga. É necesario dotar o rural de recursos se de verdade se quere fixar e recuperar poboación, incluso que veña vivir xente nova e poida teletraballar como faría no medio da cidade. Ten que haber unha igualdade de condicións independentemente de onde se viva: na aldea ou na praza de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *