O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

A importancia da perspectiva social na educación: Marcos Pérez, traballador social, docente e membro do programa RAOGAL

A incorporación plena da perspectiva social na educación representa un obxectivo sólido e fundamental para o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG). Neste sentido, o COTSG insiste na crucial relevancia de sumar a profesionais do Traballo Social ao contexto escolar. Para exemplificar os beneficios deste tipo de iniciativas, no blog do COTSG entrevistamos a Marcos Pérez, traballador social de formación e cunha longa traxectoria na docencia de graos de formación profesional. 

Marcos está actualmente vinculado ao programa RAOGAL, a Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galicia, un proxecto piloto relacionado con esta necesidade social no ámbito educativo. Neste proxecto inclúense docentes galegos, con e sen formación no ámbito social, para acompañar e orientar ao alumnado dos centros que poida estar en situación de vulnerabilidade. 

Pregunta: A túa traxectoria profesional é ampla, poderías resumila?

Marcos Pérez: Son traballador social de formación, posteriormente tiven outras relacións relacionadas co traballo social. Pero, nos últimos 14 anos, adícome á docencia nos graos de formación profesional en Galicia. E dende hai 3 anos, cambiei a docencia para formar parte do programa RAOGAL, que é a rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia

Pregunta: Poderías contarnos en que consiste este programa RAOGAL?

Marcos Pérez: RAOGAL é un proxecto piloto financiado pola Unión Europea a través dos fondos de Next Generation. Ten unha duración de 3 anos, sendo este é o último ano de implementación. Anualmente, ábrese unha convocatoria para que os centros educativos que desexen formar parte desta rede se unan, propoñendo a un profesional do centro, neste caso o meu centro propúxome a min. Este profesional constitúe a UACO, que sería a Unidade de Acompañamento de Orientación Persoal e Familiar.

O obxectivo principal é evitar que os mozos abandonen prematuramente o sistema educativo, implementando as medidas necesarias para que o alumnado non abandone. As nosas funcións están dirixidas a traballar coas familias, brindar acompañamento ao alumnado e ao profesorado, e crear as condicións adecuadas para que se cumpran estes obxectivos. Tamén colaboramos co tecido asociativo, como asociacións deportivas e culturais. En resumo, o noso traballo está tanto dentro como fóra dos centros educativos. 

P: Cales son as situacións habituais coas que vos atopades?

Marcos Pérez: Son habituais as situacións de absentismo, onde os mozos non asisten regularmente á escola, o que pode estar ligado a familias en situación de vulnerabilidade social. Tamén vemos situacións de adiccións nos proxenitores, que teñen un efecto na asistencia do rapaz(a) á aula. E por suposto, abordamos tamén temas de saúde mental e prevención do suicidio.

P: Existe un perfil clásico de persoas nesta situación?

Marcos Pérez: O perfil clásico adoita ser o de mozos/as de determinados barrios ou zonas con dificultades, familias con problemas económicos, empregos precarios e falta de formación. Estes mozos adoitan estar vinculados aos servizos sociais dos concellos. Pero, contrariamente aos estereotipos, non é un perfil exclusivo. Tamén nos atopamos con rapaces que non están necesariamente nunha situación de vulnerabilidade, pero que presentan problemas de saúde mental e outras dificultades.

P: Como é o voso proceso de intervención?

Marcos Pérez: Traballamos coas necesidades dos usuarios que nos derivan os orientadores dos centros educativos. Cando chegamos a un centro educativo, analizamos todo o que se fixo previamente. Somos un recurso específico que se utiliza cando se aplicaron certas medidas sen éxito. A nosa misión é buscar recursos e, na maioría dos casos, logramos que os mozos non abandonen prematuramente o sistema educativo. O noso labor implica un acompañamento continuo e unha intervención conxunta co estudante. Ata agora, a experiencia foi positiva en termos de resultados.

P: Segundo a túa experiencia neste programa, que tipo de formación e calificación consideras necesaria para abordar as demandas que tedes?

Marcos Pérez: Un perfil óptimo sería o de profesionais con coñecementos en traballo social, xa que é esencial para manexar os recursos e traballar en colaboración cos servizos sociais nos casos que enfrontamos. E son necesarios máis perfís sociais porque actualmente temos un problema de saturación nos orientadores dos centros, que son o paso previo á intervención do noso programa. 

Tamén é importante que se teña unha perspectiva máis social no sistema educativo, especialmente para atender á diversidade crecente de estudantes. As consecuencias de non atender a este punto poden ser a desigualdade no acceso á educación e o abandono prematuro. É crucial ter unha figura profesional que se enfoque nas necesidades sociais dos estudantes.

P: Por último, cando termine o programa RAOGAL, como programa experimental que é, que pensas que ocorrerá cos nenos e nenas que están a ser atendidos a través del?

Marcos Pérez: Cando o programa RAOGAL chegue ao seu fin, será necesario realizar unha avaliación para determinar o seu impacto e decidir se debe continuar. Espero que as aprendizaxes e enfoques innovadores que se desenvolveron se integren na estrutura educativa galega e que se siga traballando na prevención do abandono escolar e na atención ás necesidades dos estudantes. O programa foi un paso importante nesta dirección, pero debemos enfocarnos en buscar unha figura profesional cunha perspectiva social maior para este tipo de cometidos. 

3 comentarios en «A importancia da perspectiva social na educación: Marcos Pérez, traballador social, docente e membro do programa RAOGAL»

  • As persoas que traballan no RAOGAL como foi a súa inscripción, e dicir onde saíu a convocatoria para formar parte de dito programa?
    Que requisitos se pediron?
    Os ss.ss comunitarios se lles informou do programa?

    • Ola, bos días. Desculpa pola tardanza na contestación pero este comentario quedou traspapelado. Os traballadores de raogal son docentes, e non lle pediron ningún requisito a maiores. A coordiación cos ss.ss. comunitarios non é estructural, é persoal. Dito de outro xeito depende das persoas e non ten un procedemento oficial. Este tema é obxecto de traballo dende COTSG e foi tratado en distintas ocasións coa consellería de educación.

      Un saúdo e desculpa polo erro.

  • Hola gustariame saber:
    1. como se estableceron os criterios para acceder a dito programa
    2. se houbo coordinación cos SS.SS Comunitarios, se estes estaban informacdos de dito programma..

Comentarios pechados.