O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

O Traballo Social e a saúde mental: Rosabel Rodríguez Ku, traballadora social en Avelaíña

Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra este martes 10 de outubro, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) quere reivindicar o papel da profesión neste sector. Nesta entrevista, a traballadora social Rosabel Rodríguez Ku explica a súa rutina profesional na Asociación Avelaíña, centrada na saúde mental. Rosabel é ademais integrante do grupo de traballo de Saúde Mental do COTSG e participou na mesa de debate organizada polo colexio sobre a saúde mental este luns, 9 de outubro. 

Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra este martes 10 de outubro, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) quere reivindicar o papel da profesión neste sector. Nesta entrevista, a traballadora social Rosabel Rodríguez Ku explica a súa rutina profesional na Asociación Avelaíña, centrada na saúde mental. Rosabel é ademais integrante do grupo de traballo de Saúde Mental do COTSG e participou na mesa de debate organizada polo colexio sobre a saúde mental este luns, 9 de outubro. 

P: Rosabel, cal é a túa función como Traballadora Social en Avelaíña? Que tipo de traballo realizas?

Rosabel: Son moitas funcións, non é unha única función, pero se podería resumir como o acompañamento á persoa a nivel social. Isto abrangue moitas cousas, desde a primeira acollida ata avaliar as necesidades no ámbito social e acompañamento ao longo de todo o proceso. Eu traballo na Asociación Avelaíña, no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Ponteareas, con prazas concertadas no SERGAS, cun perfil de persoas con problemas de saúde mental persistentes. Tamén traballo noutro programa chamado ACHEGO de atención á saúde mental no entorno rural.

P: Que retos supón o teu traballo?

Rosabel Rodríguez Ku: As persoas con problemas de saúde mental teñen necesidades de saúde moi específicas, e o que intentamos facer é buscar a súa participación social e visibilizar esas necesidades específicas na comunidade. Non todas son iguais, hai unha diversidade complexa. Á hora de estar en contacto cos servizos comunitarios, asesoramos a outros profesionais para ter unha visión integral da persoa. E por suposto, a nosa atención vai máis alá da persoa individualmente, xa que acompañamos tamén á súa familia. 

P: Realizaches algunha especialización adicional neste ámbito a nivel formativo?

Rosabel Rodríguez Ku: Como en calquera outro ámbito, precisas coñecementos específicos previos para traballar nesta área de intervención. Neste sentido, realicei formacións de distintas entidades, entre elas no COTSG (Colexio de Traballo Social de Galicia). As traballadoras sociais estamos en constante actualización e, ademais, a formación enriquécese coa nosa propia experiencia no campo.

P: Con que outros profesionais traballas no teu día a día?

Rosabel Rodríguez Ku: Traballo nun equipo multidisciplinario que inclúe psicólogos, educadores sociais e traballadores sociais. Por exemplo, no noso programa ACHEGO (centrado no rural), ofrecemos un servizo de apoio integral que inclúe atención psicolóxica, acompañamento social a cargo de traballadores sociais e educación social. Por suposto, traballamos en coordinación e complementándonos mutuamente.

P: E como vos coordinades cos servizos sociais comunitarios e co sistema público de saúde?

Rosabel Rodríguez Ku: Mantemos unha coordinación estreita cos servizos sociais comunitarios e o sistema público de saúde. No noso centro de saúde mental en Ponteareas, temos reunións periódicas con psiquiatras e psicólogos, e tamén colaboramos cos traballadores sociais do centro de saúde. A coordinación é esencial para garantir unha atención completa e efectiva.

P: Notaches un aumento na consideración cara á saúde mental nos últimos anos?

Rosabel Rodríguez Ku: Dende a pandemia, visibilizouse máis o tema da saúde mental, especialmente relacionado coa ansiedade e a depresión na xuventude. Aínda que se lograron avances importantes, todavía queda moito por facer noutros aspectos da saúde mental. O estigma en torno á saúde mental persiste, e é algo que nós, desde un lugar céntrico e accesible como Avelaíña, estamos traballando activamente para cambiar. Hai moitas persoas que precisan axuda pero non se achegan polos prexuízos e estereotipos, polo que realizamos talleres e explicamos o que facemos.

P: Finalmente, cal é a túa reivindicación no Día Mundial da Saúde Mental?

Rosabel Rodríguez Ku: Neste Día Mundial da Saúde Mental, a miña principal reivindicación é que se recoñeza a importancia da saúde mental na súa totalidade. Todos temos saúde mental, e é fundamental coidala. Tamén é importante lembrar que as profesionais da saúde mental tamén debemos coidarnos a nós mesmas. Ás veces, non só depende de nós, polo que debemos buscar medios para coidar a nosa saúde mental, xa que estamos nun risco social constante. A saúde mental é un tema que nos atinxe a todas as persoas e debe ser tratado coa seriedade e a comprensión que merece.