M.Carro: “As e os profesionais do sector descoñecen que obrigas fiscais contraen ao desenvolver unha actividade”

Marta Carro é colexiada e impartirá, xunto con Rafa Vázquez, o 3 de marzo unha das pilulas formativas do COTSG sobre fiscalidade básica en traballo social e facturación. Desde a súa asesoría (carrofernandezasesores@gmail.com) desenvolve innumerables traballos importantes para a profesión.

  1. Que contidos vas abordar na pilula de fiscalidade?

    Na pilula de  fiscalidade abordarei os aspectos fundamentais para realizar correctamente a facturación dunha actividade profesional: definición do concepto de facturación, definición dos conceptos Base Impoñible, taxa de IVE e importe neto,( que en todos os cursos que imparto vexo que son conceptos que non están en absoluto claros) , quen ten a obriga de facturar, aclararemos conceptos como o emisor e o receptor da factura, analizaranse todos os datos que se deben incluír na mesma así como os impostos a aplicar, o IVE e a retención. Finalmente, haberá dous casos prácticos que se corrixirán na clase para comentar e aclarar as dúbidas que teñan ao realizar os exercicios.

2.      Por que vai ser útil para a colexiación?

   Ao longo da miña traxectoria profesional no campo da xestión empresarial e no campo dos/as autónomos/as profesionais, observei o descoñecemento xeral sobre como emitir unha factura e todo o que isto implica. En xeral, os/as profesionais do sector descoñecen que tipo de obrigacións contraen á hora de desenvolver unha actividade, tanto fiscalmente como de facturación. Con esta formación explicaranse os conceptos básicos dun xeito totalmente práctico para que poidan emitir as súas propias facturas no desenvolvemento da súa profesión.

3. Como é ser traballadora social de exercicio libre?

Ben, non é doado adicarse ao exercicio libre. Converterse en emprendedoras/es nunha área tan pouco acostumada como é o traballo social engade dificultades ao xa temido proceso de ser autónomo/a. Digo medo porque a xente ten moito medo de ser autónomo, de ter que xerar os seus propios ingresos dependendo das demandas do mercado sen saber se vai facturar o suficiente para poder pagar todos os gastos que isto supón. É máis cómodo traballar no rexime xeral e cobrar un salario fixo a fin de mes sin ter as preocupacións que temos os/as autónomos/as.

4. Que eixos abordas na túa xornada laboral?

Vou dar unha breve descrición de todas as áreas que trato. Son empresaria desde hai máis de 20 anos, teño unha asesoría (CARRO FERNANDEZ ASESORES SL)na cidade da Coruña dedicada á xestión integral de empresas, profesionais e autónomos, especializada no ámbito social desde que me graduaei en Traballo Social, desde entón unha parte importante da miña xornada laboral a dedico a consultoría social , a elaborar e executar proxectos sociais, por outra banda, realizo tramitación e xustificacións de axudas a entidades sen fins de lucro: fundacións e asociacións. Fóra do ámbito do asesoramento técnico tamén realizo atención individualizada ás familias, tramitación de informes sociais, solicitude de prestacións económicas, mediación familiar, etc.

5. Recomendarías a outra traballadora social dedicarse a iso?

Sí, recomendaríao sen dúbida, independentemente de que os inicios nunca sexan doados, a longo prazo o balance é positivo. Persoalmente permíteme traballar desde os meus ideais profesionais levando a cabo proxectos que me motivan. Non é un camiño fácil pero paga a pena.

6. Precísase estudar permanentemente para desenvolverse no exercicio libre?

Por suposto, desde o meu punto de vista nesta profesión é absolutamente necesario reciclarse constantemente. Os cambios na normativa son constantes e iso significa que temos que estar actualizando os nosos coñecementos practicamente todos os días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *