“O Traballo Social ampara a todas as persoas e debe defender os dereitos das persoas trans”
O colexiado Iago Aperador recibiu o Premio Día Mundial do Traballo Social na categoría TFG-TFM polo seu traballo Persoas trans: Unha realidade oprimida. Investigación cualitativa en Traballo Social. Nesta entrevista, salienta os aspectos máis destacados dunha investigación con poucos precedentes académicos.
En que consistiu a investigación?
Baseeina nas entrevistas a diferentes persoas trans. Concretamente, a catro, de diferentes idades, tanto homes como mulleres, para poder coñecer a realidade destas persoas e como en base ao seu xénero e á súa idade a súa perspectiva e vivencias cambiaban. Desta maneira puiden analizar estas vivencias e comparalas entre elas para atopar coincidencias e cuestións nas que diferían. A investigación facía tamén unha comparativa co marco teórico de referencia e co avance e percorrido histórico dos últimos anos en España.
Que conclusións tiras do estudo?
As principais conclusións son as necesidades existentes para este colectivo concreto, que seguen a ser persistentes no tempo pese a que hai unha mellora ou avance paulatino na normativa. Séguense a reclamar axudas e unha lexislación que ampare ao colectivo trans, que defenda os seus dereitos, e séguese a loitar e a ansiar que non se patoloxice ás persoas trans nin sexan laboralmente discriminadas, cunhas taxas de paso altísimas. E préstase atención aos índices de intentos de quitarse a vida das persoas trans, porque hai un 46,3% de adolescentes trans que intentan quitarse a vida polo menos unha vez. O que se reclama, ao final, é a non discriminación e que as leis amparen e defendan os dereitos do colectivo, tamén a nivel burocrático. Hai moitos impedimentos a día de hoxe, xa sexa para tramitar cambios de nome e documentación. Existe tamén unha patoloxización e hai moitos problemas a nivel sanitario. A principal conclusión é que cómpre presión política para amparar os dereitos das persoas trans.
Existía literatura científica previa no ámbito do Traballo Social?Realmente existe moi pouca información xeral, non só dende o Traballo Social. E a información que hai, e isto tamén o comentaban as persoas entrevistas, é escasa, difícil e difusa. Aclara moi pouco. Nas miñas referencias á hora de facer a investigación, hai moitos autores e autoras que se repiten, colaborando entre eles e en distintos manuais. Moi pouca xente investiga neste ámbito concreto, mantendo a discriminación existentes e a falta de información que segue a alimentar esa discriminación. Canto máis descoñecido, menos visible e máis discriminado.
Moi pouca xente investiga neste ámbito
Que pode achegar o Traballo Social para mellorar a situación das persoas trans?
O Traballo Social é unha disciplina que ampara a todas as persoas. Eu creo que é esencial que se faga presión política, precisamente para defender os dereitos das persoas trans. Realizar labores de acompañamento, información, asesoramento… Servindo ás persoas trans de apoio no proceso que están obrigadas a seguir burocraticamente hoxe en día. É esencial a política, o fomento das redes de apoio, a visibilización desta realidade. Incluso dentro do traballo social existe moita desinformación do colectivo LGTBI e da abordaxe trans. Nos Centros de Información á Muller, pese a que existe un protocolo que se supón que inclúe ás persoas trans, á hora da verdade non hai unhas liñas de intervención específicas para servir de soporte ás persoas trans. Eu creo que iso é esencial. Agora que tamén está en boca de todas e todos a lei trans, hai que dar unha visibilidade positiva. Saltan moitas voces a día de hoxe dando unha visibilidade negativa e irreal, crítica coas persoas trans. Hai que pelexar contra as voces que se alzan dando discursos de odio, en forma de autobuses laranxa ou partidos que fomentan a discriminación.
Hai que dar unha visibilidade positiva ao colectivo trans
Que significa para ti este premio?
É todo un orgullo, porque creo que o máis importante de ter gañado este premio é ter a oportunidade de visibilizar a situación. Haberá persoas que queiran empregar a miña investigación como referencia e fagan alusión á escaseza de estudos, podendo ter o meu como soporte. E para as persoas que queiran lelo para informarse, tamén achega información e dá a coñecer esa realidade invisibilizada pola sociedade e o sistema cisnormativo. Para min é o máis importante.
Gustaríache destacar algún aspecto máis?
Gustaríame resaltar que as persoas trans son persoas. Non son xente que queira aproveitarse de falsos privilexios como dicta o movemento TERF, un movemento que se define como transexcluínte e fai alusión a que as persoas trans non existen realmente. Eu creo que ao final iso é o máis importante: salientar que as persoas trans son persoas como calquera outra, e non merece, nin o colectivo trans nin calquera outra, ser excluído e discriminado, senón ser libre e, en esencia, ser.