O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Persoas invitadas

“Debemos pensar os servizos sociais como un servizo proactivo”

Os Premios do Día Mundial do Traballo Social recoñeceron ao Servizo de Atención Psicosocial Urxente Covid-19 do Concello de Vilagarcía co galardón na categoría de Boas Prácticas. Esta iniciativa, desenvolvida no marco da resposta á situación de pandemia, supuxo unha oportunidade de colaboración e desenvolvemento de sinerxias entre actores diversos na intervención social. Falamos coas persoas que o fixeron posible: o conformado por Noela Lorenzo Gallego (Traballadora Social do centro de Servizos Sociais), Montserrat Rosales (Traballadora Social de Cáritas), Iria Camba (coordinadora dos Servizos Sociais) e Tania García (concelleira de Servizos Sociais).

En que consistiu o Servizo de Atención Psicosocial?

Iria Camba: Foi unha forma de dar unha resposta clara e segura á cidadanía de Vilagarcía. Uniu as sinerxias de redes de traballo xa desenvolvidas anteriormente coas entidades sociais e cos dispositivos municipais. Asumimos o liderazgo de coordinar os diferentes departamentos e accións de intervención social, ante unha situación inaudita e para a que non tiñamos expectativas nin instrucións previas. Aunáronse distintos esforzos entre todos os profesionais municipais e entidades sociais como Cáritas ou Cruz Vermella, para dar cobertura ás persoas con maior vulnerabilidade e toda a poboación.  

A cantas persoas deu servizo?

Noela Lorenzo: O total ascendeu a 1198 unidades familiares, das cales 846 persoas contaban xa con historia social previa. Fixéronse 1750 atencións.

Superáronse amplamente as demandas habituais?

Tania García: Si. Ademais apareceron novas situacións de necesidade. Por exemplo, a dos rapaces sen medios tecnolóxicos para seguir o desenvolvemento normal do curso. A través do voluntariado e en colaboración cos centros de ensino distribuíuse material nas unidades familiares que carecían deses recursos. Foron situacións inauditas ás que houbo que dar resposta.

“Non nos enfocamos só no inmediato”

Noela Lorenzo: Tamén ofrecemos pautas para afrontar o confinamento, actividades de lecer para os nenos… Cousas que xurdiron dunha situación totalmente imprevista.

Iria Camba: É importante subliñar que as atencións non se enfocaron no inmediato. Entendeuse a intervención social dende un punto de vista global e moitas veces fomos principalmente un punto de escoita. Foi moi importante o labor da unidade de proximidade, onde compañeiras do Concello mesmo de áreas non relacionadas directamente cos servizos sociais facían tarefas telefónicas con persoas maiores que a partir da listaxe da compra acababa sendo un acompañamento social puro e duro. Creáronse vínculos moi importantes entre as persoas que atendían o teléfono e persoas maiores que estaban na casa sen outro vínculo.

Noela Lorenzo: Si, creáronse vínculos comunitarios moi importantes.

E cal foi o servizo máis demandado?

Iria Camba: Nun primeiro momento, os paquetes de alimentación e hixiene. A partir de aí toda a xestión. Houbo un esforzo importante para persoas sen fogar e que se atopaban nunha situación extrema de vulnerabilidade. Tiñamos unha coordinación constante con Cáritas.

“Uníronse as sinerxias de redes de traballo xa desenvolvidas anteriormente coas entidades sociais e cos dispositivos municipais”

Montserrat Rosales: Foi algo moi complicado. Ademais das persoas que xa estaban na rúa en Vilagarcía, nesa primeira semana achegouse moita xente. Cruz Vermella xa tiña un aloxamento pero viuse a necesidade de facilitar máis aloxamentos alternativos. Foi un desafío.

Tania García: Neste sentido, a posta en marcha do albergue, que tivemos que improvisar nun pavillón, supuxo un esforzo. Na primeira semana houbo que equipar, coa colaboración da Cruz Vermella, o departamento de Obras e a propia Cáritas, un albergue de emerxencia. Houbo que improvisar nunha semana para dar resposta a persoas na rúa. É de agradecer a coordinación cos entidades e o traballo do persoal do Concello que fixo un traballo fundamental para a posta en marcha do servizo. Tivemos 26 persoas acollidas nun albergue con capacidade para 35 feito nunha semana, con atención psicolóxica, actividades de lecer e tempo libre…

Montserrat Rosales: E houbo un grande traballo a posteriori. O albergue deu cobertura ata o mes de xuño e respondeu ás necesidades das persoas que o necesitaron. Agora mesmo aínda hai algunhas persoas en centros de Cáritas finalizando proxectos individuais.

O servizo nutriuse de achegas dende perfís moi distintos. Como valorar esa resposta?

Iria Camba: A min paréceme, como técnica, que se non houbese un liderazgo coordinado a nivel político sería moi complicado levalo ao plano técnico, con tantas áreas diferentes. Esta situación límite e o feito de que todos estivésemos a unha xerou boa relación. A relación xurdida nas reunións semanais coa Policía local, co servizo de Protección Civil, coa área de comunicación… foi moi importante. Sen ese esforzo da área de comunicación non tería sido posible achegarnos á cidadanía e afastarnos desa tecnificación da intervención social. Foron accións dirixidas a toda a poboación que xeraron sinerxias e deron a coñecer a intervención social dende diferentes perspectivas. Isto permite abrir novos campos de actuación moi interesantes e aos que debemos agarrarnos. Dende cada disciplina podemos achegar moito á intervención social.

Tania García: E reforzamos a idea de que somos un servizo esencial. No confinamento quedou de manifesto a importancia dos servizos sociais. Ás veces é un traballo moi silenciado, moi estigmatizado. O recoñecemento dá a coñecer á cidadanía o seu traballo fundamental.

Pode ser un precedente?

Tania García: Por suposto. Hai experiencias previas en materia de emerxencia (accidentes, atentados…). Pero non había experiencias previas nunha situación así e  é fundamental reforzar o papel dos servizos sociais, máis en situacións sobrevidas coma esta. O traballo dende o ámbito comunitario, máis alá de dar cobertura a necesidades básicas, é importante. Houbo un equipo e un Concello liderado polos Servizos Sociais  e dando resposta ás necesidades.

O Premio supón un recoñecemento ao traballo feito

Iria Camba: É importante pensar os servizos sociais como un servizo proactivo. Non só pensar solucións para as demandas que vaian presentándose, senón en que podemos achegar dende os servizos sociais municipais, as entidades sociais ou o tecido asociativo para mellorar a vida das persoas. Isto foi un exemplo de como afastarnos da burocratización da intervención social e ir máis aló. Unha das cuestións fundamentais do servizo psicosocial de urxencia foi tomar contacto de oficio coas persoas que pola súa historia social puidésemos supor nunha situación de maior vulnerabilidade, como aquelas que tiñan expedientes de familias con menores ou cuxa conflitividade puidese aumentar nunha situación de confinamento. Coas compañeiras do centro de información á muller e o seguimento das mulleres que o confinamento podía pór en maior perigo. Esa proactividade ten que comezar a calar nos servizos sociais municipais, que ás veces pola alta demanda de prestacións finalistas e burocracia esquecemos que a intervención social é algo continuado e ten que abarcar máis alá.

E que significa este premio para vós?

Noela Lorenzo: Un recoñecemento a todo o esforzo realizado dende que comezou o Estado de alarma, e ao traballo social e aos servizos sociais. E quero recalcar o noso recoñecemento ás compañeiras e compañeiros que participaron na posta en marcha deste servizo.

Montserrat Rosales: Un recoñecemento do traballo en feito, da coordinación e o facer as cousas doutro xeito.

Iria Camba: Para min foi un esforzo tan titánico… Comezamos a deseñar isto o 14 de marzo, e o 16 estaba operativo. Sen durmir, sen descanso, tentando dar resposta e organizar todo dende a casa. É un recoñecemento ao Traballo Social, á intervención social, a psicólogos, educadores, traballadores sociais… E a parte da administración pública, tan deostada por estereotipos. E tamén a un traballo en rede, a todos estes anos de esforzo e comunicación entre todos nós. Sen iso sería moi difícil chegar a este punto. É un apoio ao labor dos Servizos Sociais de Vilagarcía, e a proba de que se poden facer as cousas de xeito diferente. Todo é posible se lle pomos ganas. Ás veces o doado é o establecido. Era moi complicado, era impensable, pero chegamos á cidadanía e diso fala este recoñecemento.

Tania García: Para min é un recoñecemento ao Traballo Social e á importancia dos Servizos Sociais. Pola parte que me toca, como concelleira de Servizos Sociais, un recoñecemento da aposta deste goberno polas políticas sociais: incremento orzamentario, da plantilla de persoal… Como Traballadora Social creo nos servizos sociais  e defendo investimentos importantes. É un recoñcemento persoal e político.