O papel do Traballo Social durante o Nadal nos centros penitenciarios
Coa proximidade do Nadal, no blog do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) falamos con Dolores Ortiz, traballadora social nun centro penitenciario galego, sobre o papel da profesión neste contexto, especialmente, nunhas datas como as actuais.
Pregunta: Cal é a función do Traballo Social nun centro penitenciario?
Dolores: A principal función das traballadoras e traballadores sociais no medio penitenciario, e a partir da cal se desenvolve toda a nosa intervención profesional, é favorecer a incorporación social das persoas que se atopan privadas de liberdade ou que cumpren medidas alternativas ao ingreso penitenciario, sendo o obxectivo final o da reeducación e reinserción social destas persoas. Traballamos para axudar á persoa a desenvolver as súas capacidades e adoptar aptitudes que faciliten a reintegración social, pero tamén para aliviar os problemas persoais e familiares orixinados polo ingreso na prisión e fomentar os vínculos e as redes sociais e de apoio que faciliten a reincorporación social.
P: Que tipo de casos ves no teu posto de traballo?
Dolores: Traballamos con persoas que presentan múltiples problemáticas, na maioría dos casos con historias vitais marcadas por unha adición ou adicións, discapacidade, problemas de saúde mental, sen fogar, vítimas de violencia de xénero, marginalidade, precariedade económica ou pobreza, tanto nestas persoas como nas súas familias ou entornos de referencia, intervención dos servizos de protección de menores, con graves carencias formativas e laborais, desarraigo social, persoas estranxeiras sen regularizar e sen arraigo social en España, etc.
P: E que necesidades teñen as persoas neste tipo de situacións?
Dolores: As súas necesidades son propias de persoas que presentan calquera destas circunstancias, co engadido da situación de privación de liberdade, e como profesionais do traballo social intervimos para diminuír, mellorar ou eliminar esas variables de carácter social, que en moitos casos están relacionadas coas traxectorias delitivas, ou que poden dificultar ou condicionar o proceso de reinserción social.
P: Como se estende o voso apoio máis alá do centro penitenciario?
Dolores: O traballo coa contorna familiar e redes de apoio dos internos e internas dun centro penitenciario é unha das funcións máis importantes do traballo social penitenciario. Permítenos coñecer e avaliar as consecuencias, moitas veces graves, que o ingreso na prisión ten para o entorno da persoa, e poder realizar accións que faciliten resolver ou aliviar esas consecuencias. Tamén nos permite levar a cabo intervencións que fomenten os vínculos familiares, a mellora da comunicación e as relacións entre os membros, entendendo que ese entorno é un dos apoios máis determinantes para a reincorporación social da persoa.
En moitas ocasións, atopámonos que debido a circunstancias persoais e sociais, eses apoios, ou non existen ou non son os máis adecuados, polo que fomentar redes de apoio alternativas e contar cos recursos da comunidade, son instrumentos fundamentais para a reinserción.
P: Como é o Nadal nun centro penitenciario?
Dolores: A nivel emocional son días moi duros para a maioría das persoas que se atopan privadas de liberdade, e tamén para as súas familias. Creo que nunca chegarei a ser capaz de imaxinar ata que punto é duro, sobre todo en aqueles casos nos que as circunstancias nas súas vidas e as decisións que tomaron leváronlles a perder a quen máis queren, ou aqueles que sufriron a perda de alguén moi próximo mentres están privados de liberdade. Son datas que moitas destas persoas desexan que pasen sen ningún tipo de celebración, porque sienten que non teñen nada que celebrar.
P: Que tipo de accións se realizan?
Dolores: As traballadoras sociais, como o resto de profesionais, procuramos que as nosas entrevistas e intervencións axuden a estas persoas a pasar por esta situación, o mellor posible. Ademais, intentamos que no centro se vivan estas datas con normalidade, o máis semellante posible a como se vive fóra do centro penitenciario. De feito, a petición dos propios internos e internas, a maioría dos módulos están decorados con adornos que eles e elas fabrican, letreiros de “feliz nadal”, luces e árbores de nadal, e beléns, con casas e figuras que fixeron nos talleres de barro e que despois, tamén pintan.
P: Colaborades con entidades externas?
Dolores: Si, foméntase por parte dos profesionais penitenciarios, cunha participación moi activa das traballadoras sociais, actividades de sensibilización e empatía con persoas que, fóra do centro penitenciario, atópanse en situacións semellantes nestas datas, e a súa resposta é moi boa, involúcranse niso. Fabrican e envían pequenos xoguetes para a campaña que promove Cruz Vermella, ou escriben centos de postais ás residencias de ancianos, como ocorreu o ano pasado, ou fan pequenas figuras nadalicias, de tea, a modo de pequenos peluches, cunha felicitación personalizada, para cada un dos residentes dun centro de acollida para persoas sen fogar, ou dunha residencia de ancianos, iniciativa que levan a cabo as persoas con problemas de saúde mental e discapacidade.
E, descobres, como de maneira espontánea, dan mostras de solidariedade entre eles mesmos, pois sempre hai quen vive estas datas en peores circunstancias. Onte contábame un interno, que é axudante no módulo onde se desenvolve o programa de saúde mental e discapacidade, que un dos internos con maior grao de discapacidade intelectual, e con recursos económicos bastante limitados, levaba dúas semanas aforrando e comprando algunhas tabletes de turrón que garda na súa cela, e cando lle preguntaron respondeu: isto é para os que non teñen nada, para darllo o día de Nadal.
P: En particular, que accións se fan dende o Traballo Social?
Dolores: Dende o departamento de traballo social tramítanse axudas económicas para que aqueles que carecen de medios para chamar aos seus familiares e allegados, poidan facelo durante estes días. Como membros dos equipos técnicos e da Xunta de Tratamento, órgano colexiado ao que pertencemos as traballadoras sociais xunto con outros profesionais (psicólogos e psicólogas, xuristas, educadores e educadoras…), axilizaron os trámites e a realización dos informes preceptivos, para facilitar, na medida do posible, o desfrute nestes días dos permisos ordinarios e as saídas de fin de semana (no caso das persoas clasificadas en terceiro grao) para aqueles internos e internas aos que, previamente, e tras o estudo individualizado e seguindo os procedementos establecidos, se lles autorizou o seu desfrute.