O BLOG – Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Entrevistas a profesionais do Traballo Social con impacto na comunidade galega

Uncategorized

Rosario Capelo, ilusión para a xestión do COTSG

Rosario Capelo encabeza a candidatura á Xunta de Goberno do COTSG que gañou o proceso electoral neste comezo do 2026, por un período de catro anos. Rosario, ou Rosi, formou parte da Xunta de Goberno saínte durante estes catro anos, primeiro como vogal e dende decembro do 2024 ocupando o cargo de secretaria, e polo tanto ten experiencia na xestión do Colexio.

Agora comeza unha nova etapa como Presidenta, coa colaboración dunha candidatura onde se mestura a continuidade de parte do equipo con novas incorporacións de profesionais de distintos ámbitos do Traballo Social. Para coñecer máis de preto á profesional que nos vai a representar colectivamente estes anos fronte a sociedade galega, e saber cales son os obxectivos que quere acadar ao fronte do COTSG, imos a falar con ela.


Moitas grazas á colexiación  pola oportunidade de compartir este proxecto. E tamén agradecer de corazón a todas as compañeiras da candidatura: son profesionais de referencia en diferentes ámbitos, cun nivel de implicación na profesión que admiro profundamente, e sen o seu apoio, compromiso e ilusión non sería posible asumir esta responsabilidade.

Para min, a presidencia do COTSG representa, sobre todo, un compromiso coa profesión do traballo social e, especialmente, con todas as profesionais que a exercen día a día. Son elas o eixo central da miña implicación e o motivo polo que quero traballar para reforzar a colexiación, visibilizar a profesión e apoiar ás persoas que acompañamos.

Ademais, tamén existe a vontade de dar continuidade ao proxecto desenvolvido nos últimos anos, no que eu mesma participei como membro da anterior Xunta de Goberno. Considero fundamental consolidar o camiño iniciado, garantindo a súa continuidade e favorecendo que poidan materializarse os resultados desta xestión.


A verdade é que si. O feito de non se presentar ningunha outra candidatura implica que non houbo campaña electoral como tal.

Sinceramente, botamos en falta esa participación. Gustaríame que houbera máis implicación por parte da colexiación nestes procesos, porque o contraste de ideas sempre enriquece e fortalece calquera proxecto colectivo.

Dígoo tamén cun punto de tristeza, pero sobre todo como unha reflexión compartida: temos por diante o reto de seguir activando a participación e de facer do Colexio un espazo cada vez máis vivo, máis aberto e no que máis profesionais se sintan chamadas a formar parte, tamén desde a responsabilidade de dar un paso adiante.

En todo caso, interpretei tamén esta situación como unha mostra de confianza cara ao proxecto que presentamos e ao traballo que vimos desenvolvendo. Afrontámolo con responsabilidade e co compromiso de seguir abrindo espazos de participación dentro do Colexio, para que todas as voces da profesión se sintan escoitadas e representadas.

Significou moito. Sen esa experiencia, dificilmente tería dado o paso de encabezar unha candidatura.

A experiencia na Xunta de Goberno foi unha etapa de moito aprendizaxe, de traballo en equipo e de compromiso, na que tamén puidemos avanzar en cuestións importantes para o colectivo, aínda que sempre quedan retos pendentes.

De cara a esta nova responsabilidade, síntome máis preparada e con unha visión máis ampla do que implica o cargo, pero tamén coa mesma ilusión e co convencemento de que o traballo colectivo é a clave para seguir avanzando.

Ademais, levo comigo un fondísimo sentimento de pertenza ao equipo.  Tamén levo como referencia o exemplo de liderado de Miriam Rodríguez, que soubo acompañarme e transmitirme a confianza necesaria para dar o paso e asumir o reto de encabezar esta nova candidatura á Xunta de Goberno.

Sen lugar a dúbidas, a principal fortaleza do COTSG é a súa colexiación. As persoas colexiadas constitúen o verdadeiro motor da profesión: somos profesionais esixentes e comprometidos, e o Colexio é unha ferramenta clave para facer efectivo ese compromiso e esa esixencia.

Xunto a esta fortaleza esencial, cómpre destacar tamén a nosa traxectoria. Contamos cun percorrido de case sesenta anos como organización profesional, baixo distintas fórmulas xurídicas. A experiencia acumulada por xeracións anteriores constitúe un activo de gran valor, do mesmo xeito que a sólida presenza pública da profesión, recoñecida polo seu compromiso coa sociedade galega.

Para reforzar a presenza e a defensa do traballo social en Galicia é fundamental tecer alianzas amplas e sólidas. Por unha banda, coas administracións públicas, porque son clave no deseño e desenvolvemento das políticas sociais.

Pero tamén con outros colexios profesionais, co terceiro sector e co ámbito académico, xa que compartimos moitos retos e podemos sumar forzas para dar respostas máis integrais ás necesidades da cidadanía.

E, por suposto, é imprescindible fortalecer a alianza coa propia colexiación, escoitando activamente ás profesionais e facendo que se sintan parte das decisións. Só desde ese traballo en rede e esa participación colectiva poderemos avanzar na defensa da profesión e na mellora dos servizos sociais.

A profesión enfróntase a retos importantes en Galicia. Por unha banda, temos desafíos estruturais como o envellecemento da poboación, a dispersión territorial e o incremento das desigualdades sociais, que fan que a demanda de intervención social sexa cada vez máis complexa.

Por outra, é fundamental reforzar os servizos sociais públicos, tanto en recursos como en recoñecemento profesional. Falamos de garantir ratios axeitadas, condicións laborais dignas e estabilidade, porque iso repercute directamente na calidade da atención ás persoas. .Temos que ter máis presente que nunca a situación que viven moitas das nosas compañeiras nos servizos sociais comunitarios: soportan, en moitos casos, en soidade a carga dun sistema caduco, asistencial e prestacional, e fano a veces ao custo da súa propia saúde.

Ademais, vivimos un momento no que existen diferentes formas de entender as políticas sociais e a propia idea de xustiza social. Iso supón un reto, pero tamén unha oportunidade para que o traballo social teña unha voz activa, defendendo un modelo baseado en dereitos, na equidade e na dignidade das persoas.

Os obxectivos que nos marcamos para este mandato pasan, en primeiro lugar, por fortalecer a colexiación, porque canto máis unidas e cohesionadas esteamos, máis forza teremos como profesión.

Tamén é prioritario seguir avanzando na defensa do traballo social en todos os ámbitos, reivindicando o noso papel e mantendo esa visión crítica que é inherente á profesión. Queremos estar presentes, con voz propia, nos espazos sociais e políticos nos que se toman decisións, contribuíndo activamente ao debate público e ao deseño das políticas sociais.

Outro eixo fundamental será impulsar unha formación de calidade, accesible e adaptada ás necesidades reais das profesionais, así como seguir construíndo un Colexio aberto, participativo e próximo á colexiación.

En definitiva, traballaremos para que o traballo social galego gañe visibilidade, peso e recoñecemento, e para situalo como un referente, tanto dentro como fóra da nosa comunidade.

O Colexio pode achegar á sociedade galega moito máis que normas ou protocolos: somos o lazo que une ás profesionais coas persoas que precisan apoio. Cada acción que impulsamos, cada formación que promovemos ou cada espazo de participación que abrimos, ten un único obxectivo: que ningunha persoa quede atrás, sen acompañamento e que todas teñan acceso a unha vida digna.

Tamén queremos que se visibilice o traballo social, que se recoñeza o esforzo diario das profesionais e que a sociedade saiba que detrás de cada servizo hai persoas formadas, comprometidas e que traballan con corazón e profesionalidade.

En definitiva, o Colexio existe para transformar a sociedade dende o respecto, a xustiza e a equidade, e para que o traballo social galego sexa un referente de compromiso e solidariedade que mellore a vida de todas e todos.


En España somos o terceiro Colexio de Traballo Social en volume de colexiación, só por detrás de Madrid e Barcelona, o que nos outorga un peso específico moi relevante dentro da estrutura colexial estatal. Ademais, cómpre destacar a presenza de Ana Vilar, amiga, colexiada e compañeira na anterior Xunta de Goberno, como vicepresidenta do Consello Xeral, o que reforza a colaboración entre ambos niveis.

Temos unha boa relación co Consello Xeral do Traballo Social, e ademais é recíproca: sentimos que nos apoiamos mutuamente e que contamos con ese reforzo nas decisións que tomamos, compartimos problemáticas e desafíos comúns co resto de colexios, que se abordan de maneira colectiva baixo a coordinación do Consello Xeral. Exemplos actuais son a reivindicación do recoñecemento do  Traballo Social como profesión sanitaria ou a defensa de que os postos de axentes de igualdade sexan accesibles desde a nosa titulación.

En definitiva, resumiríao nun equilibrio entre a colaboración constante a nivel estatal e a autonomía na acción do colexio no ámbito autonómico.

Que pregunta tan difícil…pero se me permites soñar diría que me gustaría deixar un legado que empodere á colexiación: un Colexio que inspire orgullo nas profesionais, que fomente a participación activa e que poña en valor a importancia de cada unha dentro do traballo social galego.

Que cada profesional sinta que a súa voz conta, que pode influír e construír, e que o Colexio é o seu espazo para crecer, colaborar e transformar a sociedade.


Quixera transmitirlles á comunidade colexial unha mensaxe de confianza, orgullo e impulso. Este é un momento para estar máis unidas que nunca, para participar activamente e facer que a nosa voz se escoite en todos os espazos nos que se toman decisións que afectan á profesión e á cidadanía.

O Colexio é de todas  e cada traballadora social  ten un papel fundamental. Animámosvos a implicarvos, aportar ideas e colaborar, porque xuntas podemos fortalecer a profesión, visibilizar o traballo social galego e construír un futuro máis xusto e equitativo para todas as persoas ás que acompañamos.

Grazas a Rosi por atender o requirimento para este blog, nestes días que adiviñamos atarefados, e desexamos que a súa xestión estea repleta de éxitos e logros, que serán para toda a profesión. Moita forza e sabedoría para esta etapa.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
Comentarios en liña
Ver todos os comentarios
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x