O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

Emma Seoane, traballadora social: “Existe unha visión adulto-centrista do traballo coa infancia”

Emma Seoane, coordinadora da Comisión de Infancia e Familia do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, fala sobre o papel da profesión coa mocidade. Nesta entrevista no blog do COTSG, Emma critica a visión adulto-centrista do sistema de atención á infancia e reivindica a importancia do autocoidado nas persoas traballadoras neste eido.  

Cal é a túa traxectoria vinculada ao Traballo Social coa infancia e as familias? 

Levo máis de 20 anos vinculada á atención á infancia e ás familias, en distintas entidades sociais como Aldeas Infantiles ou Cruz Vermella, e logo nos distintos concellos nos que traballei sempre estiven moi vinculada á intervención familiar pola miña experiencia. Ademais, formo parte da Comisión de Infancia e Familia do COTSG, da que fun escollida coordinadora, algo que me fixo especial ilusión pola miña vinculación con este ámbito.  

Que papel xoga o Traballo Social na infancia? 

O Traballo Social xoga un papel clave na infancia a nivel de prevención, xa sexa desde os concellos, entidades ou outros recursos, para asegurar o benestar da infancia e erradicar o maltrato. A infancia é unha parte fundamental do desenvolvemento da persoa adulta, polo que canto mellor sexa a infancia, mellor adulto imos ter. Para isto son importantes o apego e o coidado familiar, a educación e, por suposto, o que a sociedade ofrece como recursos de lecer e tempo libre, para que a mocidade creza nun ambiente saudable. As medidas preventivas serían, por exemplo, a oferta de recursos de lecer e tempo libre ou a formación. 

E máis alá da prevención? 

Neste caso falamos da detección de situacións de risco ou de desamparo, que poden incluír abusos, neglixencias ou malos tratos. Son situacións que requiren dunha maior intervención, detección e notificación do traballo que se pode desenvolver. Neste contexto, o traballo social é fundamental como axente de cambio, xunto a outras profesións, para lograr obxectivos que promovan os cambios nas familias, asegurando que os nenos estean ben coidados e atendidos.  

Nas intervencións, ademais de coñecer e analizar a situación de cada familia, tratamos de acadar un benestar, sexa, por exemplo, fomentando a asistencia regular á escola, a participación en actividades que fomenten o seu desenvolvemento, ou a atención médica axeitada, entre outros, en definitiva: todo o que afecta á infancia. 

Cal é a principal dificultade que vos atopades neste eido? 

A principal dificultade é a falta de tratamento da infancia e a adolescencia como persoas que requiren atención. A miúdo pensamos que os menores están tutelados e os que precisan atención son os adultos que os tutelan. Porén, a participación da infancia é fundamental, nos temas que lles afectan, temos que escoitar e confiar no que nos din.  

E no ritmo de traballo, que dificultades atopades? 

Claramente a burocracia e os tempos lentos que implica a administración, así como a saturación dos recursos. Tamén existe unha visión adulto-centrista do traballo da infancia. Sempre se fixan os plans en función do que poden lograr os adultos e esquecemos dos tempos dos nenos. Por exemplo, cando un neno se retira dun domicilio e pasa 2-3 anos e hai un bo traballo coa familia de orixe, todo é máis axeitado, pero se pasa nun acollemento 7 anos sen apenas visitas, non podes pretender que no último ano a situación se recupere cun par de visitas, é moi complexo. En infancia e familia, ademais de ter uns protocolos xerais, hai que ver o caso particular e poñer o foco no que a neno/adolescente precisa. 

Que diferenzas existen entre atender a persoas adultas e atender a menores? 

A min gústame dicir que non existen diferenzas e a nosa relación debe basearse no respecto, na falta de prexuízos e na xeración dunha relación de confianza.  En base a isto,  temos diferenzas de idade, nivel de entendemento e distintas situacións que teñen vivido, que, obviamente, son distintas na mente dun neno. Por iso temos que adaptar a linguaxe, a forma en que explicamos as cousas e entender a forma na que nos a explican.  

 Cal é a situación actual da infancia en España? 

En xeral, en España houbo varios avances nos últimos anos, pero o noso sistema de protección á infancia está obsoleto. As distintas lexislacións intentan adaptarse, pero non temos aínda unha visión global do desenvolvemento da infancia. Por exemplo, hai unha descoordinación entre os servizos de menores, educación e saúde, cando deberían ser organismos que funcionen como un todo. Si existe coordinación a nivel particular entre profesionais, pero a carga de burocracia é unha traba para que isto flúa. 

De cara a 2024, que lle pides dende o teu sector? 

Maior concienciación e visibilidade da situación da infancia e da adolescencia. Aínda que é unha utopía, pediría sobre todo que non houbese situacións de maltrato. Como iso é, por desgraza, imposible, espero que haxa profesionais formados para atendelos, evitando así o segundo maltrato, o da administración que non responde. 

E por último, pídolle un maior autocoidado dos profesionais que atendemos á infancia. Son situacións moi duras, por iso, temos que ser conscientes do seu impacto nas nosas persoas para seguir atendendo correctamente á sociedade.