A traballadora social na atención integral da violencia de xénero
Autoría: Xunta de Goberno do COTSG
Co gallo da celebración do día Internacional contra a Violencia de Xénero, dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) gustaríanos presentar á cidadanía a figura da traballadora social como figura clave en dúas áreas: na detección e prevención dos casos de violencia, así como na atención ás vítimas de violencia de xénero.
As traballadoras sociais actuamos na detección precoz posibles casos de violencia, como na atención directa ás necesidades das vítimas, propoñendo solucións útiles de urxencia e proporcionando unha información clara e concisa sobre os recursos dispoñibles e os trámites que poden realizar. A calidade da nosa atención deriva do sistema de traballo da propia disciplina, establecendo unha escoita activa e individualizada así como un acompañamento continuado ao longo de todo o proceso. Aportamos a calidez e o respecto precisos, tratando de empoderar e asesorar durante a tramitación ás mulleres que acoden aos servizos especializados de atención.
A profesional do traballo social é unha figura experta na intervención de situacións en crise. Enmarcando esta figura nos Xulgados sobre a Violencia de Xénero e CIM acadaríamos un profesional de enlace coa rede dos servizos sociais de Galicia, que se articulan, segundo o artigo 24.2 da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia, en torno á figura das traballadoras sociais de referencia, constituíndo a canle na que se circunscriben a totalidade de recursos dispoñíbeis na nosa Comunidade para a atención das vítimas.
Se incorporamos a figura da traballadora social nos Xulgados, as vítimas pasarían a ter unha figura clara de referencia que faga as funcións de acompañamento en todos os ámbitos precisos, que realice unha recepción precoz e que poña a disposición da vítima todos os medios dispoñibles, evitando así situacións de desamparo.
Non hai que esquecer a abordaxe holística propia da disciplina, que fai que se considere a totalidade das situacións problema que poden estar asociadas ao contorno da vítima, especialmente nos casos de menores e/ou persoas dependentes ao cargo. Intervención imprescindible para a correcta atención á problemática derivada da situación de Violencia.
As profesionais do traballo social son persoas altamente cualificadas e valiosas, xa que posúen formación específica en cuestións de xénero, podendo formar e orientar ao resto dos integrantes dos equipos de atención en materia de xénero e recursos comunitarios.
As mulleres vítimas das violencias machistas e os seus fillos e fillas, ou outras persoas delas dependentes, precisan dunha atención interdisciplinar desde os ámbitos xurídico, psicolóxico e, por suposto, social. Na profesión de Traballo Social está recollido un dos dereitos incluídos na propia Lei 1/2004 (Art. 19) ao recoñecer ás vítimas o dereito a asistencia social integral. Tamén no Real Decreto 1109/2015, do Estatuto da Vítima do Delito, contémplase a regulación das Oficinas de Asistencia a Vítimas dentro do ámbito xudicial. Trátase de unidades especializadas e de servizo público creadas coa finalidade de prestar asistencia e/ou atención coordinada desde os ámbitos xurídico, psicolóxico e tamén social.
Por isto dende o COTSG consideramos que a presenza da traballadora social de xeito permanente nos equipos multidisplinares dos CIM e tamén nos Xulgados de Violencia de Xénero, para garantir unha actuación verdadeiramente integral e coordinada que acade cambios de efecto prolongado.