O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ContraAsViolencias

Que máis se pode facer desde o Traballo Social na loita contra a violencia de xénero? O Traballo Social na educación

Autor: Jonathan Añón Guerra

Como cada 25 de novembro, celébrase un día importante que nos recorda todo o que queda por facer na loita para a eliminación de todas as formas de violencia contra a muller, co fin de denunciar a violencia que cada ano continúa a exercerse en todo o mundo contra as mulleres e reclamando políticas para a súa erradicación.

Xa que, aínda que mulleres e homes son iguais ante a lei, a estrutura social limita a igualdade real, adxudicando en función do xénero, roles, condutas e valores diferenciados, desiguais e inxustos, cos que as mulleres fican en situación de inferioridade. Esta construción social do xénero fai que, a día de hoxe, os adultos e inclusive os nosos mozos e mozas teñan relacións sentimentais en desigualdade. Factores estes, que están na orixe da violencia que se exerce contra as mulleres.

Os manuais de boas prácticas para a eliminación da violencia contra as mulleres, coinciden en apuntar que hai que dar prioridade á prevención da violencia contra a muller en todas as políticas e programas, asignando recursos específicos para todos os sectores, especialmente aqueles que son clave para a erradicación da cultura da violencia (como a Educación) como xa vén recollido na lexislación, pero en moitos casos falta a materialización concreta ou adecuada, garantindo que os esforzos de prevención sexan holísticos. Tamén, comprometer aos homes e nenos na elaboración de estratexias contra a violencia masculina cara ás mulleres.

Actualmente, as e os profesionais do Traballo Social son clave na loita contra a violencia de xénero, desenvolvendo un acompañamento social e propoñendo solucións útiles de urxencia, proporcionando información sobre os recursos existentes, os trámites e a documentación necesaria; intervindo, na maioría das veces, cando o problema está latente ou cando xa se manifestou. Non obstante en Galicia, no labor preventivo, enfocado á poboación en xeral, a nosa figura non está sendo clave.

No labor preventivo o Sistema Educativo é fundamental, posto que a educación ten un importante poder transformador e só a través dela conseguiremos ser cidadáns libres. Neste senso, é ben coñecido que é nesta esfera onde se manifestan as situacións que experimentan as e os menores e onde poden ser observadas, permitindo que as accións e intervencións se poidan anticipar, favorecendo unha mellor atención e unha maior protección. Ao estar toda a infancia obrigatoriamente escolarizada, os centros son un lugar privilexiado para a observación e detección de situacións de risco, sendo un elemento fundamental a favor da adaptación, así como do desenvolvemento persoal e social das e dos menores. Ademais, a curta idade do alumnado facilita a aprendizaxe social e inclusión.[1]

A prevención da violencia de xénero comprende actuacións de estudo e diagnose, sensibilización, concienciación e formación dirixidas a detectar e coñecer os factores de risco e as causas culturais e sociais desta problemática. A nivel curricular, as leis de educación xa contemplan accións concretas de sensibilización na igualdade de oportunidades, así como unha óptica transversal. En Galicia estanse realizando moitas iniciativas a este nivel, que parten , moitas veces, do Terceiro Sector e do voluntariado en centros determinados, así como dos propios Centros Educativos grazas ás  moitas horas de  traballo extra do profesorado: charlas, dinámicas de grupos, abordaxes transversais, xeración de grupos de traballo, traballo por proxectos, etc. Porén, mais que dunha dotación de recursos humanos específicos, parten do voluntarismo. En contraposición, en Finlandia, os centros educativos contan con psicólogos, servizos de pediatría e traballadores e traballadoras sociais. Sen lugar a dúbidas, isto ben seguro contribúe á sona e aos resultados educativos dos que sempre se gaban.

Deste xeito, o Traballo Social podería previr e minorar o impacto dos efectos menos desexables provocados por situacións de crise polas que poden atravesar os individuos e familias obxecto de intervención, potenciando os seus propios recursos e os do seu entorno.

Seguindo a publicación El Trabajo Social en el Sistema Educativo(2011) do Consejo General del Trabajo Social), en España o Traballo Social chega ao Sistema Educativo nos anos oitenta da man da Educación Especial, dentro de equipos formados por persoas provenientes de diferentes disciplinas. A partir desas datas, son as Comunidades Autónomas as responsables de materializar a estrutura dos servizos de orientación –onde se encadra maioritariamente a nosa figura- .

Nos últimos vinte anos, foise perdendo a presenza do perfil do/da  traballadora social, a pesares de incrementarse a súa necesidade debido aos cambios sociais producidos que teñen incidencia directa na poboación escolar.

As funcións dos e das profesionais do traballo social centraríanse na inclusión, nas relacións entre familia e escola, na análise do clima escolar e da convivencia, detección de situacións de risco, absentismo escolar, formación de pais/nais, coordinación e articulación de recursos. Resumidamente, desenvolver programas xeneralizados de prevención da violencia de xénero e fomento da igualdade de oportunidades.

Por tanto, e co obxectivo de crear unha sociedade máis igualitaria, inclusiva e cohesionada é necesario incorporar profesionais do social de cara a unha abordaxe global da problemática de xénero e doutras problemáticas que se dan nos centros educativos cunha verdadeira prevención/anticipación; desenvolvéndose, de maneira xeneralizada –e non só iniciativas illadas- actividades e dinámicas de sensibilización onde se coñezan e detecten as causas estruturais da violencia de xénero.

[1]                      Extraídas as ideas deste parágrafo da publicación do Consejo General del Trabajo Social, El Trabajo Social en el Sistema Educativo