O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

O Traballo Social con persoas afectadas polo alzheimer: Lucía Fandiño Viqueira

Lucía Fandiño Viqueira é unha Traballadora Social colexiada do COSTG que traballa en AGADEA, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Azlhéimer. Falamos con ela con motivo da celebración do  Día Mundial Contra o Alzheimer hoxe, 21 de setembro, sobre as particularidades da profesión no seu ámbito de traballo.

A Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA) naceu no ano 1994, e dende entón desenvolve un amplo labor en beneficio das persoas afectadas por esta enfermidade. A colexiada Lucía Fandiño Viqueira exerce como Traballadora Social coordinando varios dos servizos que ofrece a asociación na área de Santiago de Compostela.

O labor de AGADEA

Fandiño explica que AGADEA xurdiu hai case 30 anos a partir “dun grupo de familias que buscaba solucións ante a demencia do tipo Alzheimer”. A asociación “ten varias vertentes, agora mesmo orientadas sobre todo á prevención, a levarlle a dianteira, por así dicilo, á demencia”.

Outras das vertentes do traballo da asociación, sinala, son “os servizos de estimulación terapéutica, con persoas xa diagnosticadas; a sensibilización, para que chegue a información a toda a poboación, porque aínda que pareza mentira, hoxe en día chéganos moita xente que non sabía que existían este tipo de entidades; e o apoio ás familias, aos cuidadores principais, xa que sen eles é imposible que as persoas con deterioro poidan ter unha boa calidade de vida”.

O Traballo Social na asociación

No caso concreto de Fandiño, como Traballadora Social ela encárgase “da coordinación dos servizos de estimulación terapéutica na zona de Santiago de Compostela, que comprende tamén concellos próximos como Vedra, Teo, Trazo… Incluído o centro de día que temos ao lado das oficinas, en Salgueiriños de Abaixo”. “Somos 3 Traballadoras Sociais dentro da entidade, e cada unha adícase a unha área distinta”, engade.

“Nós somos as que recibimos a primeira chamada telefónica da persoa que está buscando información sobre que é AGADEA e como lles podemos axudar”, conta Fandiño. Posteriormente, levan a cabo “todo o trámite que tanto con familias como coas persoas usuarias hai que realizar para que acudan aos servizos de estimulación, aos servizos de prevención ou ao centro de día”.

As Traballadoras Sociais de AGADEA traballan a partir “dunha valoración previa tanto dende a psicoloxía como dende o Traballo Social, realizando un expediente antes de que a persoa comece empregar calquera dos servizos”.

Outros proxectos e actividades

Falando doutros proxectos da asociación, Lucía Fandiño cóntanos que agora mesmo están a desenvolver “un proxecto de igualdade, no que temos un grupo de mulleres vulnerables, que poden ser do rural, ou cun nivel económico ou educativo baixo”. Con elas traballan “xunto a varios tipos de psicólogos para que saiban como manexar a enfermidade, informámoslles sobre todos os recursos que teñen dispoñibles, e dámoslles apoio emocional”.

 “Temos tamén nas tres áreas unha escola de familias, onde acude calquera persoa coidadora para conversar con outros coidadores sobre a enfermidade en si, sobre certas conductas… Está coordinada por un equipo de psicólogos que interveñen tamén no grupo, pero se trata tamén de que esta escola funcione por si mesma”, explica Fandiño.

“Nós podemos darlles moitísima información, asesorarlles e acompañarlles, pero non é o mesmo o que lles digamos nós que o que lle poida dicir outro coidador ou coidadora que xa estea nesa situación ou que xa pasara por esa situación, ao estar a persoa ao seu cargo nunha fase máis avanzada”, puntualiza.

A parte de todo isto, cóntanos Lucía Fandiño, “tamén hai moitísimas charlas ás que as familias poden acudir tanto para coñecer coidados de hixiene ou medicación, como xa de temas máis sociais, ou de neuroloxía para coñecer o proceso da enfermidade”.

A relación cos servizos sociais

“Aquí en Santiago, falando do meu caso concretamente, hai moi boa relación cos servizos sociais,  coas traballadoras sociais dos Concellos”, afirma Fandiño. “Cando implantamos o servizo de estimulación, que aquí en Santiago xa leva moitos anos pero cada vez imos avanzando máis noutros concellos, coordinámonos primeiro con visitas presenciais tanto ás concellerías como aos traballadores sociais para ver que lles parece o proxecto, a súa implantación, e se cren que é necesario nese Concello”, explica.

 A partir deste punto, “o trato xa pasa a ser case diario, os traballadores sociais derívannos ás persoas que cren que precisan estes servizos”. “Importantísimas tamén as traballadoras sociais dos centros de saúde, que tamén fan esas derivacións de persoas que atenden alí”, engade Fandiño. Isto é “algo recíproco, porque hai persoas que nos poden chegar aquí por outras vías e que nos temos que, xa nesa primeira cita de información, derivar á traballadora social de referencia para iniciar eses trámites de Lei de Dependencia e de Servizos Sociais que poidan precisar”.

 “Nós sempre dicimos que un servizo de estimulación de calquera Concello non funciona se os traballadores sociais e os servizos sociais do Concello non funcionan ben, porque sen eles sería imposible captar a este tipo de persoas vulnerables ou con deterioro que sabemos que existen entre a poboación”, sinala Lucía Fandiño.

Principais desafíos como Traballadora Social

“O primeiro, o de intentar convencer ás familias de que empreguen os recursos, porque son aínda bastante descoñecidos”, explica a Traballadora Social. “Temos que ofrecerlles tranquilidade, explicarlles que a persoa afectada vai estar ben, que non é deixala soa, senón que é unha simple actividade que lle vai axudar no seu día a día”, comenta.

Tamén resulta unha dificultade “a explicación de trámites burocráticos, toda a buracracia do proceso alóngase durante aproximadamente un ano, pero hai xente que precisa xa ese recurso, esa axuda económica”. Isto é “moi dificil de entender para a xente, xa que hai que ter en conta que en moitos casos a persoa coidadora principal é de igual ou maior idade que a persoa con demencia, aínda que haxa un respaldo loxicamente en moitos casos de fillos ou de netos”.

Reivindicacións con motivo do Día Contra o Alzheimer

“Sobre todo, a de seguir a traballar na prevención, para poder coller a enfermidade dende o principio, porque non é o mesmo traballar cun deterioro xa avanzado que cun deterioro nos seus inicios”, reclaman dende AGADEA. Tamén buscan “facer ver que as persoas con demencia son persoas como calquera outra, que viven na nosa sociedade e coas que compartimos as nosas actividades da vida diaria”.

“Non vai ser raro atoparnos con persoas con demencia ao noso lado, e cada vez isto vai a máis, xa son máis de 800.000 persoas diagnosticadas a nivel estatal”, puntualiza. “Calquera de nós dentro duns anos podemos ser unha destas persoas”, explica, “cada persoa con demencia ten a súa voz, o seu voto, e hai que reivindicalo”.

 Lucía Fandiño conclúe sinalando que “é verdade que dende hai uns anos chegamos máis á poboación, e isto nótase en que cada vez chega xente cada vez máis nova, no comezo da enfermidade, cando hai uns anos iso era impensable, pero aínda queda moito por facer”.