O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Persoas invitadas

Helena Insua: o Traballo Social con drogodependentes nas prisións

Esta traballadora social é a responsable en Asfedro da atención nas prisións. Falamos con ela sobre o seu traballo na cadea e o recente estudo que presentou como parte de UNAD, no que se aborda a situación deste colectivo na prisión.

Helena Insua é traballadora social en Asfedro, a Asociación Ferrolana de drogodependencia, onde é a responsable da atención nas prisións. A historia desta entidade, fundada en 1985, vincúlase á loita contra a drogadicción, que cobrou relevancia en Galicia a finais do século pasado. Na actualidade, a entidade é unha referencia na intervención con estes colectivos, incluído o programa de axuda a persoas drogodepentes nos cárceres do que Helena é a responsable. 

Esta traballadora social é un referente no campo da acción social dirixida á persoas con drogodepencias. Neste sentido, no mes de xullo, Helena participaba na presentación do estudo “Situación de las personas con adicciones en las prisiones españolas. Una visión con perspectiva de género”, da UNAD, a rede de ONG relacionadas coas adiccións. 

COTSG: Cal é o traballo que realizades en Asfedro?

Helena Insua: En Asfedro dedicámonos á atención de calquera persoa, familia ou entidade que teña problemas relacionados directa ou indirectamente con persoas con problemas de dependencias. Por tanto, tamén apoiamos aos pais que sospeitan de que un fillo consuma ou a un docente que tema polo alumnado. Somos un centro de referencia, concertado co Sergas, e ofrecemos servizos ás persoas que o precisan.

COTSG: O papel do Traballo Social é fundamental nesta tarefa. Poderías explicarnos que función desempeña o Traballo Social en Asfedro?

Helena Insua: O Traballo Social desempeña un papel crucial en Asfedro. Actuamos como o primeiro contacto coas familias e usuarios, realizamos unha valoración inicial da problemática que presentan e do consumo de substancias, e en función diso, asignamos os recursos dispoñibles.

Ademais, xestionamos e coordinamos intervencións interdisciplinarias en colaboración con outros profesionais como psicólogos, enfermeiros e psiquiatras, así como con entidades sociais como Cáritas, Cruz Vermella e plans de inclusión social. A coordinación interdisciplinaria é esencial para ofrecer a mellor atención posible.

COTSG: Esta colaboración entre profesionais de diferentes ámbitos parece ser crucial nos casos en prisión. Como responsable do programa de atención a drogodependentes en prisión, como vos coordinades cos profesionais dos servizos sociais penitenciarios e outras entidades?

Helena Insua: Efectivamente, intervimos en colaboración con diversos servizos comunitarios e entidades sociais, como mencionei anteriormente. En Teixeiro, que é o cárcere onde actuamos, mantemos relacións estreitas cos profesionais da prisión, educadores e psicólogos, e formamos parte do Consello Social Penitenciario. Este consello reúnese dúas veces ao ano e ten como obxectivo mellorar a situación dos reclusos.

Nestas reunións compartimos propostas e buscamos solucións ás dificultades que enfrontan os presos. A coordinación e o traballo conxunto son fundamentais para ofrecer un enfoque integral ás persoas con problemas de dependencia na prisión.

COTSG: Que traballo concreto levades a cabo na cadea?

Helena Insua: Dúas veces ao mes trasladámonos ao cárcere de Teixeiro para realizar intervención coas persoas drogodependentes, que neste caso teñen problemas xudiciais e que pertencen área sanitaria de Ferrol. Existe unha relación entre a drogodepencia e os problemas xudiciais, polo que ao ingresar en prisión, a reducción do consumo de substancias pode permitir a reducción da pena tamén.

Na cadea, esforzámonos porque non romapn o vínculo coa unidade de drogodependencia, dándolle continuidade aos tratamentos. Ademais, cando están en condición de saír, propoñemos unha alternativa para cumplir nun centro de tratamento. O programa ten máis de 25 anos de vida, con bos resultados. 

COTSG: En xullo participaches nunha conferencia de UNAD sobre un estudo centrado na atención á drogodependencia nas prisións. Podes explicarnos que é UNAD e cales foron as conclusións deste estudo?

Helena Insua: UNAD é unha entidade que está formada por máis de 100 entidades sociais, e eu son a representante da UNAD en Galicia. A organización ten diversas comisións, e unha delas é a Comisión Xurídico Penal, que se enfoca en cuestións relacionadas coa xustiza penal e as drogodependencias.

O estudo realizado por UNAD centrouse en visibilizar a situación das persoas con problemas de drogodependencia dentro das prisións en diferentes rexións. Unha das conclusións máis destacadas foi que as persoas máis desfavorecidas e en situacións de exclusión social son as que ingresan con maior frecuencia en centros penitenciarios con este tipo de adicións. 

Entre outras conclusións do estudo, destacan a diferenza de consumo, nos homes tabaco, cannabis, alcohol e cocaína; mentres que as mulleres priorizan ademais os hipnóticos e os ansiolíticos. En xeral, segundo o estudo, non reciben tratamento para a adición en prisión, unha problemática que, como deu conta Helena, depende de asociacións como Asfedro e non está estruturada dentro da cadea. 

COTSG: Neste estudo se abordou a perspectiva de xénero. Podes explicarnos como afecta ás mulleres con problemas de dependencia dentro da prisión?

Helena Insua: Dentro das prisións, a perspectiva de xénero xoga un papel fundamental. As mulleres que enfrontan problemas de drogodependencia e problemas xudiciais atópanse nunha situación de tripla discriminación. Acostuman a desempeñar un papel importante no mantemento das súas familias e, con frecuencia, traballan máis que os homes en traballos feminizados, como lavandería e cociña, dentro da prisión.

Ademais, a falta de acceso a programas que lles permitan manter os vínculos cos seus fillos e a falta de recursos para abordar a súa saúde mental son desafíos adicionais. As mulleres consumidoras de drogas adoitan visibilizar menos a súa adicción que os homes, o que complica o tratamento.

COTSG: Cal é a principal demanda que os profesionais de UNAD fan ao sistema penitenciario para mellorar o tratamento das persoas con dependencias?

Helena Insua: Unha das principais demandas que facemos é a implementación de réximes abertos por encima dos réximes ordinarios nas prisións en España, xa que isto permite ofrecer tratamentos alternativos en lugar de internamentos. Tamén pedimos que se doten de recursos sanitarios e psicosociais na atención sanitaria dentro das prisións.

É fundamental que as persoas privadas de liberdade teñan os mesmos dereitos á atención médica que calquera outro cidadán e que se reduzan as dificultades para acceder a servizos médicos. Ademais, a descentralización da xestión destes recursos podería mellorar a atención a nivel local, xa que actualmente, os servizos médicos nas prisións galegas dependen de Madrid e non da Xunta.

O estudo completo publicado por UNAD está dispoñible aquí.

Un comentario en «Helena Insua: o Traballo Social con drogodependentes nas prisións»

  • Que gran referente no traballo social e unha gran docente que acerca a intervención en drogas cunha precisión e empatía maiusculas!

Comentarios pechados.