O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Persoas invitadas

O Traballo Social en Alemania: Nadja Wilken e Ingo Felgenhauer

Nadja Wilken e Ingo Felgenhauer son dous Traballadores Sociais alemáns cos que intercambiamos impresións sobre a profesión, así como sobre as diferenzas e as semellanzas na súa práctica en Alemania e en Galicia

O Traballo Social é un ámbito moi diverso, e as Traballadoras e Traballadores Sociais desenvolven funcións moi distintas dependendo das necesidades de cada organización. Porén, tamén son moitas as similitudes que todos os profesionais da disciplina experimentan no seu día a día.

Precisamente disto falamos con Nadja Wilken e Ingo Felgenhaur, dous Traballadores Sociais de Alemania, que nos contaron cal é a situación da profesión no seu país e cales son as principais diferencias e puntos en común con Galicia.

Nadja traballa na delegación alemana de International Social Service, unha entidade na que desenvolve o seu traballo “especialmente con menores, con problemas internacionais entre familias”. 

Por exemplo, explica, “se unha parella ten fillos xuntos pero logo se divorcian ou se separan e teñen problemas coa custodia ou as visitas, como por exemplo no caso de que un deles queira volver con eles ao seu país de orixe e o outro non queira, poden chamarnos para falar sobre este problema e xestionalo coa xustiza e cos servizos sociais”. 

Tamén xestiona casos, nos que, por exemplo, “se unha familia tivo problemas e casos de violencia en Alemania e deciden ir vivir a España, a través das nosas oficinas se pode informar dende Alemania sobre estas cuestións, para que se tomen as medidas pertinentes para axudar”.

O traballo social en Alemania

Ingo explícounos que, no seu país, a meirande parte dos Traballadores Sociais desenvolven a súa actividade no sector da educación. “Hai un montón de Traballadores Sociais en colexios, case todos os centros teñen, por exemplo para detectar se hai problemas que requiran unha axuda especial, etc”. 

Outros ámbitos dos que adoitan formar parte os Traballadores Sociais alemáns son “dando asistencia á xente nova, nos Centros de Menores… Tamén nos servizos sociais de cada cidade”, explica Ingo.

No referente aos estudos necesarios para exercer a profesión alí, sinala que que o principal é “ir á universidad e estudar polo menos 3 anos, 6 semestres”. Tamén poden ser 4 anos ou máis, pero “pode ser máis curto se tes xa algunha formación relacionada previa”, engade.

Ante a pregunta de se notan unha gran diferenza con respecto ao Traballo Social noutros países, Nadja explica o seguinte: “ás veces, cuando traballamos con xente doutros países no Servizo Internacional, atopamos outras estruturas de Traballo Social, e máis ou menos é igual en todos os países”. 

“Algúns teñen máis servizos públicos, outros teñen máis servizos privados, ás veces si teñen diferentes estándares de protección, na lexislación… Pero máis ou menos é igual, si”, conclúe. Ademais, “hai os mesmos problemas de financiamento en todo o mundo”, sinala entre risas.

Desafíos e reivindicacións dos Traballadores Sociais alemáns

“Hai moitos organismos privados con profesionais do Traballo Social, polo que  é moi complicado que estes traballadores se coordinen os uns cos outros”, explica Ingo. Esta situación dificulta a negociación colectiva dos profesionais en favor das súas reivindicacións. 

“Os que traballan para o Goberno ou para a Igrexa si que teñen un convenio común, cunha mellora anual dos salarios establecida, pero para os que traballan no sector privado é moito máis difícil”, sinala, considerando que isto é “un produto negativo da privatización de servizos”.

Outro problema común a moitos e moitas Traballadoras Sociais en Alemania que se pode citar é a falta de persoal nos centros, que provoca que as cargas de traballo dos xa contratados sexan excesivas.

O traballo no sector público e no privado

“Se traballas para o sector privado tes que buscar diñeiro para cada proxecto, algo que non pasa tanto se traballas para o Estado”, explica Ingo. Porén, Nadja puntualiza que, por suposto, tamén no sector público pode ocorrer isto. “Por exemplo, se unha familia ten axudas para tres anos e ti consideras que precisan máis, tes que xustificalo moi detalladamente, é complicado”, sinala.

O mellor da profesión?

Ademais de falar das dificultades que atravesan os e as profesionais aquí e alá, tamén puidemos falar sobre o que máis lles gusta de exercer como Traballadores Sociais.

“Para min”, comeza Ingo, o mellor é “ensinar a xente nova para que poidan aprender cousas que lles gustan e ás que se poidan dedicar, como música, informática, etc”. Tamén fala, porén, dos puntos negativos a nivel persoal: “a veces absorbe moita enerxía, vas para a túa casa cos problemas do traballo, segues pensando neles, iso é algo moi duro”.

Por outra banda, Nadja sinala que o que lle gusta é “axudar ás persoas e mellorar as súas vidas no que podo”. Tamén lle gusta, engade, “estar en contacto con países diferentes e coñecer outras culturas, traballar coa xente e axudarse entre todos”.