Santiago Legaspi: Resulta fundamental a sensibilización dos equipos de profesionais que fan intervención social para coñecer e recoñecer as necesidades das persoas usuarias LGTBI+; e non menos importante, a visibilidade tamén dentro da profesión das persoas que pertencemos ao colectivo
ENTRADA BLOG Santiago Legaspi Irimia.
Santiago Legaspi Irimia é traballador social con anos de experiencia profesional coa mocidade, como activista en prol dos dereitos das persoas LGTBI+ e con diferentes intervencións técnicas para achegar a práctica do Traballo Social á realidade das diversas orientacións e identidades sexuais. Aproveitando a semana do orgullo, falamos con el.
- Que poderían facer as traballadoras e os traballadores sociais para facer máis accesibles os servizos sociais a persoas LGBTI+?
O primeiro sería, aludindo á analoxía feminista das gafas violetas, poñerse tamén unhas “gafas arco da vella”, que permitan aos profesionais do traballo social ver e recoñecer a gran diversidade que se atopa detrás desas siglas moitas veces incomprendidas: o L, G, B, o T!, e xa non che digo as que seguen… Para iso resulta fundamental: a sensibilización dos equipos de profesionais que fan intervención social, poñendo neste caso o foco no traballo social; a formación continuada e específica, para coñecer e recoñecer as necesidades das persoas usuarias do colectivo; e non menos importante, a visibilidade tamén dentro da profesión das persoas que pertencemos ao colectivo.
- Cales serían os retos dun futuro inmediato na atención ao colectivo dende a perspectiva social?
Resúltame curiosa esa percepción de que xa está todo resolto no que respecta ao recoñecemento de dereitos e resposta efectiva das necesidades do colectivo, cando queda moitísimo por facer. Comezando por poñer profesionais do traballo social nos colexios, para afrontar o acoso LGTBIfóbico e ocuparse dos protocolos educativos que se están a adoptar neste senso. En atención primaria compre mellorar a resposta aos colectivos de especial vulnerabilidade, estou a pensar nas mulleres trans*, que moitas veces se ven relegadas a exercer á prostitución, e á súa vez son vítimas do maltrato institucional. En canto á terceira idade, a sexualidade directamente é negada e invisibilizada, de xeito que metemos aos nosos maiores nun novo armario nesa etapa final da vida.
- Hai iniciativas que reivindican servizos sociais exclusivos para persoas LGBTI+ maiores. Coñeces algunha iniciativa?
Si. Existen iniciativas moi interesantes como a levada a cabo pola Fundación 26 de Decembro, que ten presenza na Coruña, e dende a que se está a traballar en distintos proxectos.
O seu buque insignia, por así dicilo, será “O fogar da Paca Tricio”; un piso supervisado, que contará con 12 prazas, no que residirán persoas maiores LGTBI+, concibido como un espazo de respecto á diversidade sexual, pero non excluínte.
En paralelo existe un grupo de intervención de persoas maiores LGTBI+, que se reúne cada 15 días no Espazo diverso municipal, e no que se dialoga sobre o proceso de envellecemento da poboación LGTBI+, ao tempo que se ofrece un espazo de seguridade para o propio colectivo.
Se tes especial interese podes ampliar estra información na súa páxina: https://fundacion26d.org/galicia.
- Pensas que é mellor dispoñer de servizos específicos para persoas do colectivo ou traballar no bo trato e o respecto á diversidade nos servizos xerais?
Ámbalas dúas cousas son fundamentais. Os servizos específicos están deseñados e orientados cara ao colectivo, coñecemos as súas realidades e atendemos a súas necesidades concretas. Ademais compre ter en conta que moitas persoas do colectivo levan consigo un historial de LGTBIfobia que require dunha atención específica.
Por outra banda, é moi necesaria a formación e sensibilización de todos os profesionais que poidan atender ás persoas do colectivo, e aí ten que estar o traballo social.
- Temos a percepción de que os delitos de odio e as agresións con compoñente LGTBIfóbico van en aumento. Crees que é real este crecemento e, de ser así, a que obedece?
Na actualidade o Estado español está á vangarda no recoñecemento dos dereitos e liberdades das persoas LGTBI+, ocupando neste 2024 a cuarta posición da clasificación que a ILGA publica anualmente. Precisamente, e como xa aconteceu co matrimonio igualitario no 2005, fronte á denominada Lei trans*, aprobada o pasado ano, xurdiron discursos de odio e frontes contestatarias, que adquiren certa visibilidade e relevancia, influíndo na opinión política dos máis mozos. Isto na práctica materializase en agresións e delitos con compoñente LGTBIfóbico, que segundo as estatísticas do Ministerio do Interior, representa unha cuarta parte do total dos delitos de odio, ocupando a segunda posición na táboa, só por detrás dos motivos de “Racismo e xenofobia”.
Respecto deste asunto, non quero deixar pasar a oportunidade de recordar o cruento asasinato no 2021 de Samuel Luiz a berro de maricón, evidenciando así o compoñente de homofobia nos feitos acaecidos, segundo recoñece a propia fiscalía.
Isto lévame a unha reflexión, e é que non somos números, somos persoas que saímos de festa con medo e que nos collemos da man na rúa con medo, de aí a importancia de que sigan existindo espazos seguros para as persoas do colectivo. Detrás de todo isto coido que está a polarización da sociedade, alentada polos discursos de odio da extrema dereita, e por suposto, as carencias aínda existentes en materia de educación sexual e no respecto para a convivencia en paz.
- Ti tes experiencia de traballo coa mocidade, como ves a evolución nestes últimos anos da aceptación das realidades LGBTI+ entre a xuventude?
Nos meus 16 anos de andaina profesional fun testemuña dunha auténtica transformación neste senso. Recordo que nos meus comezos facendo educación sexual tiven que enfrontarme a discursos de odio e negacionistas dos dereitos das persoas LGTBI+, que algúns rapaces -homes- tiñan interiorizados, obviamente, polo discurso que escoitaban na súa contorna. Isto foi desaparecendo ao tempo que xurdían cada vez máis adolescentes LGTBI+ visibles nos centros de ensino, o cal se vive con total naturalidade -oxalá fose así nos meus tempos!-.
Segundo un recente estudo promovido pola ONG Agareso, un 28% do alumnado declárase formar parte do colectivo, un dato que demostra moita maior aceptación, visibilidade e respecto polas diversas maneiras de vivir e entender a sexualidade.
- Todos os anos por estas datas hai voces que cuestionan a oportunidade de celebrar un día do orgullo das orientacións sexuais non heterosexuais e as identidades de xénero non CIS, que lle dirías a estas persoas?
Primeiro que veñan a informarse! O problema reside na percepción sesgada que ten moita xente en canto ao Orgullo, pola deriva capitalista e a consecuente apropiación cultural; o coñecido “pink washing” que levan a cabo moitas multinacionais no mes de xuño, e que logo a 1 de xullo xa se esqueceron de todo.
A razón de ser do Orgullo remóntase á noite do 28 de xuño do 1969 -que xa choveu-, na que aconteceron os disturbios na contorna do bar de ambiente Stonewall Inn (New York), a raíz do incesante acoso policial e a revelación das persoas que frecuentaban o lugar, coas mulleres trans -sempre as grandes esquecidas- á cabeza. Dende esa data cada 28 de xuño saímos ás rúas para protestar, para reivindicar, e por suposto para celebrar, xa que ese é o selo de identidade do colectivo, representado polas cores do arco da vella como todos, todas e todes ben sabemos.
- Que asociacións LGBTI+ hai activas na Galiza actualmente?
O tecido asociativo LGTBI+ na Galiza está en constante cambio, evolución, e en certo senso segregación ou especialización, isto é, se no comezo dos tempos podía haber un colectivo destacable en todo o territorio, agora temos unha morea -por sorte-, xa que existen colectivos que abranguen a todo o colectivo como ALAS A Coruña (Coruña), colectivos máis centrados nas mulleres diversas como Nós Mesmas (Vigo), colectivos de persoas trans* e as súas familias como ARELAS ou CHRYSALLIS, temos a Rede educativa de apoio LGTBIQ+ de Galicia que atinxe ao profesorado, así como seccións LGTBI+ en sindicatos, partidos políticos, etc. Tamén existen organizacións culturais e grupos de lectura. Se queres montamos un grupo de cociña LGTBI+, coido que é o único que falta -risas.
- Paréceme interesante o do grupo de cociña, pero máis aínda a normalización da diversidade no rural galego. Segue habendo un amplo armario fóra das cidades?
Si e non, explícome. De toda a vida foi máis complicado descubrirse e vivirse no marco dunha sexualidade disidente, isto é non, cisheteronormativa, no rural respecto do urbano, de aí o fenómeno denominado “sexilio”, que basicamente consiste en migrar á cidade para vivir a túa sexualidade, e por ende, a túa vida con “plena” liberdade. Isto sempre aconteceu e segue a ser así, pero podemos dicir que as cousas están a mudar, xa que están xurdindo iniciativas moi interesantes no rural. Na Galiza a máis sonada é o Festival Agrocuir da Ulloa, que xunta a cantidade de persoas do colectivo e á súa vez implica á propia comunidade. Compre sinalar que soamente a través da visibilidade e a convivencia no día a día acadaremos esa normalización que comentas, tanto no rural como no urbano.
- Que opinas da situación que están a soportar as persoas transexuais?
A coñecida Lei trans* resulta fundamental como base para o recoñecemento das persoas trans*, en tanto en canto estipula a autodeterminación da identidade sexual das persoas. Agora toca desenvolver a lei na súa totalidade e dar unha resposta efectiva ás necesidades tan perentorias que teñen moitas persoas trans* neste país. Dende o meu punto de vista, e logo de colaborar nos últimos anos nun proxecto de acompañamento a mulleres en situación de prostitución, o gran reto é dar unha saída profesional, e o correspondente acollemento social, a todas esas mulleres que se ven relegadas a facer algo que non queren.
- Xa para rematar, seica es moi lector, tes de man algunha lectura recomendada de cara ao verán?
Pois mira, estou lendo El niño que no fui, de Daniel Valero. É unha lectura moi aconsellable, lixeira para o verán, e coa que calquera persoa do colectivo vai a sentirse identificada en distintos capítulos, xa que fala das vivencias en primeira persoa do que ten que ver coa aceptación, a homofobia internalizada, a influencia da contorna, dos amigos e da familia, no descubrimento e construción da propia sexualidade. Eu véxoa como unha lectura de praia ideal.