O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

O informe AROPE e o Estado de Benestar

Autora: Ana Rodríguez

Un ano mais, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social presenta o seu informe anual de seguimento do indicador AROPE.

A  pesar de que dende o ano 2014 as grandes corporacións empresariais experimentaron unha recuperación económica, as cifras sobre a pobreza continúan a ser alarmantes.

No 2017 había no estado español un total de 12.338.187 persoas en risco de pobreza. Un risco feminizado xa que dentro desta cifra as mulleres supoñen 6,4 millón de afectadas, e dicir, medio millón mais que homes.

Asemade o risco de pobreza  tamén ten diferente afectación por idades. En  cuestión de xénero as mulleres están fortemente prexudicadas a nivel de pensións, observando que,  mentres que nos homes a AROPE  sitúase nun 5,5%, nas mulleres alcanza o 19,4%, contía que se incrementa ano a ano en termos absolutos.

Nos menores de  16 anos as cifras tampouco son nada boas, chega ao  31 %, o cal quere dicir que un de cada tres menores está en risco de pobreza. Así mesmo, os fogares con menores mantiveron durante todo o período unhas taxas de AROPE notablemente superiores ao resto, sendo de especial afectación aqueles fogares que contan cun só proxenitor, dos que a maioría serían fogares monomaritais.

O  informe tamén sinala que de todas as persoas en AROPE só un 16,4% son estranxeiras e o 83,6% son de nacionalidade española.

Se ben de xeito transversal hai unha redución da taxa de pobreza,  a brecha continúa a elevarse de tal xeito que hai menos persoas en risco de pobreza, pero as que o están empeoraron as súas condicións de vida. Aínda mais preocupante é que a taxa de pobreza severa é a segunda mais alta  rexistrada dende o ano 2008.

Para practicamente todas as variables de pobreza, exclusión e desigualdade, os datos españois están por enriba das taxas europeas, España sitúase no terceiro lugar da lista, so por debaixo de Romanía e Bulgaria.

Existe unha grande diferenza territorial nas distintas comunidades autónomas do estado, de tal xeito que as comunidades do Sur rexistran diferenzas de ate 30,8 puntos porcentuais no indicador. Estas diferenzas non se traducen nunha maior inversión de gasto nos territorios mais desfavorecidos.

Segundo o estudo de ‘Servizos Públicos, Diferenzas Territoriais e Igualdade de Oportunidades ‘a diversidade de gasto público por habitante é tan ampla que no 2013 as diferenzas aproximábanse ao 60%. (..) as diferenzas de inversión determínanse mais polos recursos rexionais que polas necesidades territoriais. 

Na Galiza a media de AROPE sitúase lixeiramente por debaixo da media nacional, cun 22,6%. Porén na nosa comunidade estimase que existen 507.459 persoas en AROPE , das cales unhas 188.545 estarían dentro da categoría de pobreza severa.

O  estudo tamén fai referencia a un interesante indicador en termos de inclusión, densidade de poboación, precariedade laboral e economía somerxida,  que é a baixa intensidade de emprego. Neste indicador, Galicia está claramente por debaixo da media española. Nos datos transversais obsérvase que, dende o ano 2008 ademais de ter perdido poboación activa e nova (entre 0 e 59 anos) a porcentaxe de persoas con baixa intensidade de emprego incrementouse de 152.910 persoas a 224.361.

Tampouco alcanzamos a media estatal na renda media por persoa situándonos por debaixo nun 2,9% (uns 10.753 euros anuais fronte aos 11.078)

Para dar cobertura a este importante número de persoas en risco, os recursos galegos son moi escasos, un Plan de Inclusión que practicamente é inexistente, oficinas de emprego que non contan con persoal cualificado para desenvolver programas de integración laboral, nas que non existe un seguimento de casos  nin unha verdadeira orientación laboral. Servizos que cumpren unha función que case no 90% dos casos se limita a ser simplemente informativa.

O peso da atención remata por recaer nas profesionais dos servizos sociais comunitarios, que se senten desbordadas polo incremento de demandas de tipo material, que limitan a súa capacidade de atención profesional e as abocan ao continúo trámite de axudas de distintos tipos, todas elas baixo un denominador común: o ser altamente restritivas nos seus requisitos.

Todas elas esixen ás  persoas solicitantes, e por ende ás profesionais que as tramitan, cada vez un número mais elevado de requisitos e documentación, situando á persoa en risco de exclusión nunha situación de observación permanente que non sempre garante o debido respecto pola intimidade e privacidade.

Situacións nas que os poderes públicos e grandes corporacións empresariais que os sustentan colocan as persoas en AROPE nunha situación de permanente ‘dúbida sobre a situación real que descreben’ , cando en realidade o que deberían analizar son as súas propias políticas restritivas e insuficientes

As conclusións do estudo, cuxo obxectivo é avaliar o grado de cumprimento do obxectivo  de inclusión social especificado na estratexia europea 2020 en España, son claras: incumprimento dos compromisos. Ademais de incremento da desigualdade, que mantén cifras elevadísimas, sendo o indicador o cuarto mais elevado da UE, o incremento da desigualdade territorial e a insuficiencia da recuperación en menores.

Volvendo ao caso galego, a centralización da atención na axuda material deriva na concentración de petición de axudas a entidades do terceiro sector, de marcado corte asistencialista, que veñen de cubrir as carencias estatais en materia de protección. A renda básica autonómica, cargada na súa lexislación inicial dunha interesante batería de medidas dedicadas á inclusión e integración laboral non remata de arrancar na súa aplicación real. A falta de desenvolvemento dos servizos precisos para levar a cabo esta integración deriva en importantes problemas de coordinación entre os distintos axentes implicados (servizos de emprego, servizos comunitarios e entidades locais). Derivados da falta de persoal cualificado para dar cobertura ás necesidades específicas das persoas beneficiarias, así como a inestabilidade laboral do persoal que traballa na atención directa, que impide o seguimento transversal dos recursos e proxectos aplicados.

Tal e como conclúe o estudo, deberíamos destacar o importantísimo descoñecemento da pobreza, xa que os poderes públicos traballan moito coa contabilidade da pobreza (incidencia) pero moi pouco en comprender e explicar que se está contando exactamente.

O descoñecemento da pobreza real promove o imaxinario colectivo cunha visión moi parcial que permite poñer en cuestión a realidade dos datos.

Poderíase engadir que estamos faltos de sensibilización dunha realidade que afecta a un número demasiado elevado de persoas. Pero sobre todo estamos cada vez mais faltos de programas e proxectos que verdadeiramente interveñan nas causas e na modificación das realidades, e dun incremento de profesionais do traballo social nos distintos organismos  que permita que se poida intervir de xeito estable e coordinado na atención técnica, programada e que vai moito mais alá da xa consabida lectura dun número determinado de axudas tramitadas.