O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

Guerras de pobres

Autor: Pablo Antelo

Colexiado 2913

[Situación real vivida hoxe nunha entrevista]

Muller, de 56 anos, acaba de ser despedida tras varios anos limpando unha casa dunha “importante” empresaria da cidade. “Sempre foi boísima comigo, axudoume moito”. Traballaba sen asegurar e non puido continuar no traballo por mor de varios problemas de saúde importantes. Fixo o correspondente recoñecemento de discapacidade pero non chegou nin ao 33%. Solicita información sobre posibles axudas e quere saber cal é o importe que lle correspondería da RISGA. “403,38€/mes, máis 53,78€ polo alugamento do aluguer”, respóndolle eu. Alterada, contéstame: “Só lle dades as axudas aos negros e aos xitanos”. Logo volverei a tratar esta historia.

Por desgraza, vivimos tempos difíciles no que son moitas as persoas que se ven arrastradas a abandonar os seus países de orixe e a tratar de buscar un futuro mellor para poder sacar adiante ás súas familias. Nalgúns casos, incluso non se trata só de buscar un futuro mellor, senón que se trata basicamente dunha cuestión de pura supervivencia, polo simple feito de que son perseguidos por razóns políticas no seu país ou que sen querelo están metidas no medio dunha guerra na que elas son simples vítimas.

A pesar disto, desde Occidente, non son poucos os líderes políticos ou representantes de altas instancias que non dubidan en sinalar a chegada destas persoas como unha serie ameaza ao noso “Estado do Benestar”, ése mesmo que en moitas ocasións algúns destes cargos non tiveron problemas para intentar tratar de dinamitalo:“Os españois primeiro”, refiren mentres levan os seus millóns de euros a paraísos fiscais.
“Os españois primeiro”, reiteran mentres privatizan a sanidade pública para obter concesións millonarias a empresas afíns aos seus intereses.
“Os españois primeiro”, insisten mentres venden vivendas públicas a fondos ‘buitre’ e desafiuzan a persoas maiores.

Eles son a verdadeira ameaza ao noso estreito e ferido Estado do Benestar. Pero a desgraza, e que o seu discurso xenófobo vai calando pouco a pouco entre un nada desprezable número de cidadáns e cidadás, e cada vez é máis común escoitar en moitas das persoas que atendemos nos Servizos Sociais esa clase de argumentos contra as persoas que chegan procedentes doutros países ou que pertencen a algunha minoría étnica. E nese sentido, as redes sociais funcionan como un altavoz estupendo para botar máis leña no lume.

Non son poucas as publicacións que circulan en Facebook, Twitter ou Whatsapp nas que se alerta dos supostos beneficios que teñen as persoas inmigrantes: desde vivendas públicas ata prestacións que superan os mil euros. Nese sentido, á compañeira Irene Blázquez Merino foille publicado un artigo no xornal elperiodico.com baixo o título “Las falsas ayudas a inmigrantes de las que todo el mundo habla” que acertadamente desmonta todo este tipo de falacias.

Pese a todo isto, non son poucas as persoas usuarias as que atendemos diariamente que cando por algunha razón se lles explica o incumprimento dalgún requisito para ter dereito a unha axuda, sentencian con algunha frase do estilo “é que lle dades todo aos de fóra”. Este tipo de afirmacións, contemplan dous graves problemas. O primeiro, e máis obvio, é que son afirmacións falsas, pero o segundo e non menos preocupante, é a identificación por parte destas persoas dun “inimigo” erróneo. Porque aínda supoñendo que fose certo que as axudas fosen sempre “para os de fóra”, o feito de retirarllas non suporía en ningún caso a solución ao seu problema. E isto é debido a unha política comunicativa que con moito éxito está conseguindo desviar o foco da atención, un foco que debería estar apuntando cara aos poderosos, pero que interesadamente se está a poñer en persoas inmigrantes que se atopan nunha situación moi desfavorecida.

Non son poucas as noticias que saen a diario nos medios de comunicación nas que se informa de que ano a ano aumenta o número de ricos e o número de persoas en situación de exclusión social. Vivimos nunha sociedade cada vez máis desigual, na que nin sequera o acceso a un emprego logra garantir unha cobertura digna das necesidades vitais, pero resulta que o problema desa situación e as responsables de que isto pase son as persoas que foxen das guerras e da miseria. Sen dúbida, un claro éxito por parte das elites que dirixen os fíos do actual sistema capitalista.

O individualismo da nosa sociedade e a falta de conciencia de clase que existe na actualidade, provoca a incapacidade de visualizar a necesidade de pelexar por unha mellora nos dereitos da cidadanía en lugar de buscar falsas cabezas de turco. Supón que moitas persoas, pese a atoparse nunha situación de exclusión social provocada pola precariedade, os recortes en materia de protección social e a falta dunhas garantías mínimas para poder subsistir dignamente, de maneira sorprendente sinalen como responsables a outras persoas cuxa situación tamén é de vulnerabilidade e non aos auténticos culpables. E mentres existan estas “guerras entre pobres”, estes verdadeiros responsables seguen aumentando os seus privilexios e sorrindo ante o bo funcionamento dos seus discursos de corte racista.

A señora do caso co que abrín este artigo foi quen de buscar un culpable da súa situación: “os negros e os xitanos”. Cero críticas á empresaria que a tivo na súa casa limpando sen asegurar, e cero críticas aos responsables dun sistema no que unha persoa limitada fisicamente para traballar non acada o mínimo esixido do 33% de discapacidade e ningunha mención tampouco aos responsables de fixar que con 403,38€/mes unha persoa pode subsistir dignamente.

O ‘precariado’, a nova clase social coa que nos agasallou a crise económica, está conformada polos traballadores que teñen un contrato de tres horas e traballan oito, polos xubilados que non poden chegar a final de mes, polos estudantes universitarios que tiveron que emigrar, polas empregadas domésticas que traballan sen asegurar, polos miles de obreiros do sector da construción que tras máis de vinte anos cotizados agora non teñen cobertura a través de ningunha prestación na Seguridade Social, e un longo etcétera no que tamén, como non, están as persoas inmigrantes que son vítimas da miseria que os intereses económicos e as guerras foron sementando nos seus países. E é por iso, que como traballadoras e traballadores sociais, debemos impedir que eses discursos cargados de odio e mentiras sigan adiante entre a poboación máis vulnerable. Non esquezamos que os principios da nosa profesión, segundo a definición acordada en Melbourne no 2014, están baseados “na xustiza social, os dereitos humanos, a responsabilidade colectiva e o respeto á diversidade”.

3 comentarios en «Guerras de pobres»

  • Qué gran verdad e, espero que moita xente lea esto e reflexione sobre a manipulación dos poderosos para desviar a atención dos verdadeiros problemas e responsables deles facendo que os mais desfavorecidos peleen entre eles.
    Unha gran labor estades facendo. Noraboa

  • Estupendo artículo.. No podría estar más de acuerdo. Gracias

Comentarios pechados.