O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

M. Soliño: “Cando a vida te pon en determinadas situacións, as mulleres afrontámolas cargando unha mochila de prexuízos que rematan facéndonos moito dano”

María Soliño é traballadora social. Dedícase ao exercicio libre. Vén de publicar a novela “Cuando deje de llover” que ofrece un punto de vista reflexivo sobre como os prexuízos sociais truncan a liberdade das mulleres. Tamén se dedica á docencia e á mediación e forma parte do Grupo de Exercicio Libre do Colexio.

Que leva a unha traballadora social a centrarse no exercicio libre?

O que me levou a min foi que a definición de traballo social é, precisamente, a de axentes de cambio e, onde se mudan as cousas? Pois cámbianse nas rúas, non facendo sempre o mesmo. Desde dentro as institucións sempre son máis pechadas e a min o que me atrapou do traballo social (eu viña doutra profesión do ámbito da sanidade) foi iso, poder empoderar ás persoas e poder sacar todo ese potencial de cara á sociedade. Por iso é importante para min o traballo na rúa, tamén ten que existir o traballo en despacho e con protocolos, pero para min faltaba ese outro puntal: desenvolver o exercicio libre e achegar un pouco máis o traballo social ás persoas. É dicir: hoxe en día, miña nai aínda non sabe moi ben o que fago. Cando a xente fala da traballadora social non sabe o que fai una traballadora social. Cren que estamos nunha oficina pois axudando ás persoas pero non saben moi ben con que, que se damos subvencións, a custodia… cousas así caóticas. Todo o mundo sabe que é unha persoa que traballa na medicina, no dereito o una mecánica. Pero teñen que pensar que é unha traballadora social, élles descoñecido.

María Soliño Barcia

A cada unha gústalle máis un colectivo ou outro. A min, pola miña forma de ser ou pola formación que teño é o traballo coas mulleres e a min parecíame que se podían facer moitas máis cousas. Tamén me gusta o traballo con empresas.

Ademais de estar comprometida con ese traballo na rúa tamén es docente, entendo que é unha vertente máis para ese obxectivo de divulgar o traballo social…

Exactamente, de visibilízalo e de ensinar que tamén podemos ser docentes, que o traballo social é unha profesión multidisciplinar, podemos facer moitas cousas, non só estar nunha institución que, repito, son moi necesarias, pero pódese facer moitas máis cousas.

Estás especializada en igualdade de xénero, aínda que o traballo social é unha profesión feminizada, detectas machismo dentro da profesión?

Si, é unha profesión moi feminizada e, no meu caso, ao ir por libre, tes moito menos contacto con outros compañeiros e compañeiras. Penso que a miña opinión sería moi pouco representativa.

E como remata unha traballadora social sendo escritora?

A miña primeira novela fala de algo do que non se fala, produto dunha inquietude que eu tiña, polo tratamento que se lle dá ás mulleres na literatura. A personaxe protagonista de “Cuando deje de llover”, Marina, ten 46 anos, porque parece que a partir dos 40 as mulleres non existen na literatura. Eu falo dun tema moi tabú con é as relacións de parella, a infidelidade, pero desde o punto de vista dunha muller e como o vive unha muller. E tamén da factura que lle pasa a unha muller cometer un erro, moito maior que a que lle pasa a un home, a eles descúlpaselles e a nós xúlgannos. A miña persoaxe é unha muller que cre que está liberada pero non o está, cando a vida te pon en determinadas situacións, as mulleres afrontámolas cargando unha mochila de prexuízos que sempre rematan saíndo e facéndonos moito dano porque a culpa é demoledora. Entón eu quixen plasmar todo iso nunha novela, todo desde o punto de vista dunha muller. As lectoras agradécenme falar diso, do prezo da liberdade, que para as mulleres sempre é moito máis alto. Agora xa vai pola segunda edición e eu ideeina para mulleres, pero sorpréndeme gratamente que tamén están a mercala os homes e é un xeito de que se dean de conta das desigualdades e eles tamén sexan axentes activos de cambio.

O prisma do traballo social serviuche para a escritura do libro?

Si, moitísimo. Primeiro, todas escribimos do que sabemos e sabémolo porque o vivimos. Segundo, tamén pode ser que o saibamos porque nolo contan ou porque o buscamos. Neste caso é un compendio de todo. Marina ten que ver comigo pero tamén con todas as mulleres coas que falei, coas que tratei. E saquei anacos de aquí e de acolá e así saiu a novela.

Recomendaríaslle a unha persoa que non é capaz de entrar no mundo da institución que probase co exercicio libre?

Si, con peros. Eu levo desde o ano 2015, cando abrín o despacho e estiven ata o ano pasado combinando traballos porque non é fácil. É moi bonito porque podes facer moitas cousas e cunha liberdade que non tes nun traballo de 8 a 3 pero tamén tes que ter madeira, como digo eu, tes que ter moita tolerancia á frustración e moita paciencia. Iso creo que é común a todas as persoas que emprenden en calquera campo, tolerancia á incertidume. Saber que tes que facturar pero non saber canto fas facturar a final de mes. Cando tes un salario sabes que a final de mes a nómina sempre está aí.

No meu caso o meu carácter, a miña forma de ser lévame por ese camiño, son inconformista por natureza, por iso escollín esta profesión. Agora, ademais do libro tamén estou a escribir unha columna de opinión no Diario do Támega, que se chama Por Ellas, na que falo de temas de actualidade referentes á muller. O emprendemento tamén ten estas cousas que, ás veces, paréceche que vas tirar por un lado e, ao final, tiras polo outro, esa é unha das caras bonitas.

En definitiva, para min o exercicio libre ten máis cousas boas que malas pero, se cadra, para outra persoa, non.