Bisson: “Unha cooperante ten que estar disposta en realizar todo tipo de tarefa, aprender de moitos temas diferentes e complementarios e saber improvisar e atopar solucións rápidas”
Marie Charlotte Bisson é unha das docentes do Curso de Intervención Social na cooperación ao desenvolvemento. Abordaxe desde o traballo social. Bisson é Graduada en Dereito e especialista en Gooperación Internacional ao Desenvolvemento. Mestrado en Gobernanza Pública, Especialidade Carreira Internacional. Comenzou a traballar no ámbito da Cooperación Internacional ao Desenvolvemento como técnica de mobilización social en Intermón Oxfam na Oficina da Coruña. Despois de 3 anos en Galicia, a curiosidade de coñecer o traballo de terreo levouna a Mauritania onde traballou para varias organizacións como ACPP, Save the Children, Unicef, Terre des Hommes Foundation, AECID e Médicos do Mundo. Permaneceu alí 9 anos durante os que se especializou en proxectos de promoción de dereitos humanos e máis especificamente en axuda á infancia
– Estiveches durante 9 anos traballando en Mauritania, sobre todo en axuda á infancia, cal é o papel das traballadoras sociais nos proxectos das ONG?
O tema do traballo social dentro da Cooperación Internacional desenvolverase de maneira exhaustiva durante o curso. Para adiantar elementos de resposta, podería dicir que, ao longo destes 9 anos en Mauritania, deime conta que o traballo social, non só en Mauritania senón en toda África do Oeste, esta infra representado. Esta carencia ten repercusión na calidade da atención, ou mesmo na existencia mesma da atención, a persoas discapacitadas, vítimas de violencia sexual, persoas privadas de liberdade, menores en conflito coa lei, nenas e nenos de entre 6 meses e 5 anos que sofren de malnutrición, alumnos e alumnas que sofren calquera tipo de violencia.
Son ámbitos cos que as axencias de cooperación e as ONG adoitan traballar (Saúde, educación, xustiza, nutrición, protección) aínda que non todas fagan fincapé no traballo social. Teño a sorte de traballar desde o 2016 con Terre deas hommesLausanne que fomenta o traballo social nos países nos que traballa. Neste contexto, o papel principal que desempeñan as traballadoras sociais desde as ONG é o reforzo de capacidades a nivel local tanto no ámbito institucional como comunitario.
– Cal é a maior virtude da cooperación para o desenvolvemento?
Como resposta xeral, diría que a maior virtude é a polivalencia: unha cooperante ten que estar disposta en realizar todo tipo de tarefa, aprender de moitos temas diferentes e complementarios e saber improvisar e atopar solucións rápidas porque os prazos son curtos e os imprevistos numerosos. Como resposta máis precisa, diría que a empatía é unha virtude esencial: é moi importante para coordinar equipos, non só en Cooperación, e permite entender e traballar de maneira construtiva cos seus compañeiros e contrapartes doutras culturas.
– Por que esta formación pode ser enriquecedora para unha traballadora social?
Ademais de abrir o espectro de oportunidades profesionais para as traballadoras sociais de Galicia, esta formación leva a coñecer outras realidades vinculadas co traballo social. Paréceme enriquecedor traballar coñecendo outras prácticas e culturas.
– Recomendaría a experiencia do traballo en campo no estranxeiro?
Recoméndoo moito porque é a mellor maneira de coñecer outras realidades e reforzar as súas competencias. Con todo, é unha decisión moi persoal e hai que atopar formas de traballar no terreo que conveñan a cada unha segundo as súas expectativas. No curso, tentarei dar todas as pistas para empezar en Cooperación Internacional.
– Que é o que máis te marcou no teu traballo?
É unha pregunta difícil porque son moitos anos, moitas persoas coas que traballei, moitos proxectos, moitos sitios, moitas historias de vida, moitos problemas, pero tamén éxitos. Así que se algo me tería que marcar, sería unha aprendizaxe e esta aprendizaxe é que o humano ten moito máis impacto que o material e que hai que repetilo constantemente para que os actores da cooperación en xeral aprendan a valorizar o menos tanxible.