O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

25N

As casas de acollida para vítimas de violencia de xénero: Chus Olivares

Con motivo da conmemoración do 25N, Día Contra a Violencia Machista, falamos con Chus Olivares, Traballadora Social e directora da Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas de Ferrol

Chus Olivares leva dende 2009 dirixindo a Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas do Concello de Ferrol, un dos primeiros centros deste tipo abertos a nivel estatal. Hoxe, a casa fai parte da Rede Galega de Acollemento xunto a outros centros similares distribuídos polas catro provincias galegas. A súa ampla experiencia como directora convírtelle nunha voz experta na axuda ás vítimas de violencia machista e no papel do Traballo Social neste ámbito tan imprescindible.

Como comezou a túa andaina como directora do Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas de Ferrol?

Eu viña de estar traballando no ámbito de muller como autónoma, compaxinándoo con traballos na administración en atención primaria ou con persoas maiores. Sempre estiven especializada en cuestións de igualdade, fixen un master deste ámbito en Vigo e outro na Coruña. E por militancia feminista apetecíame tamén entrar a traballar nos servizos especializados neste tema. Por iso optei a esta praza.

O centro de Ferrol foi o primeiro deste tipo en Galicia e o segundo a nivel estatal, polo que xa tiña unha traxectoria cando eu entrei. A parte que estaba máis coxa era a da intervención social, polo que ao chegar comecei a deseñar o proxecto de intervención social dende un enfoque feminista.

Que cambios notas entre a actualidade e o momento no que entraches no centro?

Hai diferencias especialmente en como enfoco eu o meu traballo a día de hoxe, sobre todo o noto en min. O equipo de traballo a nivel técnico foi medrando, antes estaba eu soa e agora somos un equipo máis especializado e temos todo máis estruturado a nivel metodolóxico. Isto nos permite dar unha atención moito máis integral que a que dabamos cando estaba eu soa a nivel técnico.

Hai cambios tamén a nivel de formación. Traballamos cun colectivo que vive historias de dano e trauma xa non só pola propia violencia machista, as mulleres que residen no centro sofren tamén moitas veces outro tipo de dificultades. Son mulleres con familias desestruturadas, mulleres con problemas de consumo, mulleres migrantes en situación irregular… Interseccionan nelas moitos factores de desigualdade que requiren dunha formación máis completa.

Tamén me fun dando conta de que moitas veces as présas poñémolas as profesionais. Foi unha grande aprendizaxe para min estar nun recurso de atención 24 horas, que é moi distinto a un servizo onde das citas periodicamente cunha duración determinada

Por outra banda dámoslle moita importancia tamén a darlle visibilidade á cuestión das crianzas e adolescentes. Agora fálase moitisimo máis deles e delas, pero a fin de contas seguen a ser o colectivo máis silenciado e invisibilizado entre as vítimas da violencia machista.

Seguen existindo necesidades que non se chegan cubrir, estamos facendo agora moitísimo máis fincapé en que se poñan en marcha programas novos de atención cando as vítimas saen dos recursos de acollida. É necesario que haxa unha atención moito máis integral en unidades familiares tras a saída da situación de violencia, poñendo especial atención nos nenos e nenas.

Que outras necesidades destacarías?

Ademais do que comentaba antes, de ter un marco teórico e de darlle visibilidade á intervención con menores e á necesidade de incrementar os programas de atención especializados, a terceira cousa que destacaría sería a necesidade da formación especializada xa non só en feminismo, se non en abordaxe do trauma.

En particular, é fundamental a supervisión terapéutica para as profesionais que traballamos aquí e que sufrimos o que se coñece como trauma vicario. Todas as profesionais que facemos acompañamento a procesos de recuperación persoal estamos en contacto continuado con historias de dano, e o trauma vicario é unha realidade que ten unhas consecuencias na nosa propia saúde. Para poder acompañar temos que estar ben, é algo básico que como profesionais sempre lle dicimos por exemplo ás persoas que coidan a familiares da terceira idade, e nós mesmas temos que ter esa mesma ollada cara a nós.

O centro conta con 15 prazas. Consideras que este número é suficiente, ou debería ser maior?

É un tema que mellorou a medida en que foi medrando a Rede Galega. Medraron as prazas en Burela para atención específica para mulleres con problemáticas de saúde mental, tamén coas vivendasde Chantada… Pero, por outra banda, tivemos o peche da Casa de Acollida de Culleredo.

Temos momentos nos que a rede está saturada. Nós a principios deste ano estabamos co 100% de prazas ocupadas e seguíamos recibindo solicitudes de ingreso. E temos constancia de que o resto da rede estaba nunha situación similar. Agora mesmo estamos ao 50%, pero as prazas nunca sobran. Estamos a falar dun total de 60 prazas en toda a Rede Galega de Acollemento.

Hai que ter en conta que para as mulleres con problemáticas de adiccións é preciso un centro especializado. Porque, actualmente, nos centros, onde viven familias con menores, hai unha infinidade de casuísticas e problemáticas diferentes, e isto crea unha convivencia complexa. No centro dámoslle especial importancia a salvagardar ás mulleres e crianzas que xa están convivindo nel. Sería necesario ampliar a rede de recursos para solucionar isto.

Ademais, o número de mulleres en situación de exclusión social está medrando, pero os recursos seguen estando pensados para un perfil masculino. Hai moitas voltas que darlle, porque parece que cando hai violencia nun contexto xa de exclusión a solución é unha casa de acollida, e ao mellor xa se tiña que ter feito un traballo previo e unha facilitación de alternativas para estas persoas.

Ao final, todos os casos que atendemos aquí teñen as súas particularidades. Non podemos falar dun perfil de muller que vén á casa de acollida. En todas conflúen diferentes casuísticas, e é importante ter isto en conta.

Percibes algún aumento ou cambio no número de casos de mulleres que atendedes?

No noso caso, a atención que facemos é moi similar cada ano. Temos unha media de casos anuais moi clara. Si que é certo que, dende que foi medrando a rede, facemos máis delegacións cando o centro está ao 100%. E se, por exemplo, en Lugo están a tope, pois mulleres de Lugo poden pedir o acceso en Ferrol. Pero non sei realmente se hai un aumento ou se é que temos máis facilidades de comunicación dentro da rede. É un dato que poderían valorar mellor no Centro de Recuperación Integral.

No centro traballan diferentes perfís profesionais ademais das Traballadoras Sociais. Tedes educadora social, psicóloga, asesora xurídica… Como é a coordinación entre todos estes perfís?

No que é o equipo, coincidimos sempre no despacho e temos reunións de coordinación para revisar os casos. E dentro do que é o protocolo do centro temos moi instaurado de que se encarga cada quen. Eu adícome tamén moito á parte de coordinación, xestión interna, subvencións, comunicación co resto de administracións…

Logo, a asesora xurídica e a asesora psicolóxica teñen xornada completa no CIM do Concello de Ferrol, pero veñen unha vez á semana para desenvolver a súa labor no noso centro. E se hai ingresos, unha situación de crise, xurde algún tema xurídico ou o que sexa, pois hai unha coordinación ben telefónica ou presencial no CIM. Traballamos todas moi preto unhas das outras.

E despois temos o persoal auxiliar. Son 6, que teñen quendas de mañá e de noite, xa que o centro ten que ter unha atención as 24 horas do día. Con eles facemos reunións tamén en función da necesidade, tanto en relación aos casos como á xestión interna do centro. Toda esta parte da xestión é menos visible pero tamén é moi importante.

Nestes últimos dous anos estamos dándolle moita importancia a que o espazo sexa terapéutico de por si: coidar a acollida, coidar o espazo, garantizar que sexa un espazo seguro non só polas profesionais que estamos nel senón en todos os aspectos. Queremos que o centro vaia máis aló de ser un refuxio.

Que outras dificultades atopades como profesionais?

É super importante a capacitación real das profesionais que acompañamos estes procesos. Ás veces parece que co feito de ser muller é suficiente, e non. Xa non só na parte da intervención social. Nós estamos moito en contacto coa policía, cos xulgados, e hai unha gran falta de capacitación. Non é suficiente coa sensibilización. Hai moita desinformación respecto da intervención con violencias, e é necesario que esta estea ben preparada para evitar revitimizar a estas mulleres, que xa veñen de sufrir a situación que sufriron.

Logo, o tema que mencionaba dos espazos é fundamental. Dignificar os espazos onde traballamos. Por parte das mulleres nunca hai queixa, sempre todo é precioso e marabilloso, son moi agradecidas. Pero é unha eiva que temos en xeral nos recursos do social. Por exemplo, o edificio actual no que estamos ubicadas, cuxa ubicación é confidencial, pois é froito dunha doazón. Seguimos un pouco con ese lastre da beneficencia, parece que todo teñen que ser agasallos e doazóns.

As mulleres e a cativada que residen na casa poden permanecer nela ata un máximo de 6 meses. A partir de aí, cales son os seguintes pasos para continuar co proceso?

Un dos fallos que ten o sistema de atención en Galicia é que contamos cunha orde reguladora de 1997 que, bueno… Precisa de actualizarse. Precisaríamos que se regulase de novo o funcionamento dos centros, o persoal necesario, a formación necesaria do persoal, etc. O caso é que nesta orde é onde se recolle que a estadía é de 3 meses, prorrogable outros 3 baixo circunstancias excepcionais.

Si que é certo que eses 6 meses collémolos de xeito flexible. Por exemplo, en pandemia canceláronse os tempos para todo. Nós valoramos cada caso. A unha muller en situación de irregularidade que chega co pasaporte caducado, por exemplo, pois entre que resolve todos os trámites administrativos necesarios, ao mellor non lle chegan eses 6 meses.

En todo caso, cando saen do centro, nós establecemos un proxecto con elas a partir das súas demandas, e facemos ese acompañamento. Prestacións, información sobre recursos, inserción sociocomunitaria, inserción laboral, axudas para o alugueiro… Xestionamos todo iso para que poidan seguir o seu proxecto de futuro de xeito independente. Para iso, traballamos moito con outras entidades, con Cáritas, Cruz Vermella ou co INEM.

Hai algunhas situacións nas que pode haber unha problemática engadida de saúde mental, ou cos menores, ou de inserción laboral, que pode requerir unha derivación a outro tipo de centros para alongar a intervención. Pero principalmente colaboramos coas entidades anteriormente mencionadas e similares.

Logo, pois facemos un seguimento, damos a opción de seguir estando en contacto se elas precisan ese apoio de xeito puntual. Ás veces, cando saen, manifestan ese medo ao cambio e a sentirse solas, e está claro que comezar proxectos de vida novos sempre dá certa vertixe, pero están moi acompañadas. Temos un teléfono 24 horas no que poden contactar directamente connosco, non teñen que pedir cita… Facemos todo o posible para facilitarlles esa incorporación á normalidade.

Vas dar, con motivo do 25N, unha charla na AVV de Valón sobre os recursos do Concello de Ferrol contra a violencia machista. Ademais dos xa mencionaos, que outros retos pendentes hai dende este ámbito?

En relación con tema de dignificar os espazos do que falabamos, tamén hai que dignificar as saídas das mulleres dos seus domicilios. Hai unha dificultade real para que estas mulleres e crianzas poidan saír das súas casas coa súa vida. Non pode ser que unha muller vaia recoller as súas cousas en bolsas de lixo, son cousas que non se poden producir. Dignificar os procesos de saída das mulleres do que foi a súa casa, do que foi a súa vida, é super importante.

E despois, hai que ter en conta que a cuestión non é só dar saída á violencia cun aloxamento e xa está. Pasamos dunha intervención 24 horas a que as mulleres marchen soas. Teñen que existir máis recursos intermedios, ou incluso ampliar a rede de profesionais para poder establecer un seguemento máis próximo dos casos.

A maioría destas mulleres non teñen rede de apoio, van ter moito máis dificil acceder a un posto de traballo por temas de conciliación, e non existen recursos suficientes de atención aos menores. Son moitas as trabas que se atopan para soster a súa propia familia.

Hai que darlle a todo unha volta e ver cales son as necesidades reais das mulleres. Parece que se entran nunha casa de acollida xa teñen todo resolto, e é só o primeiro paso. Non é un proceso de 6 meses, é moitísimo máis longo. Nós intentamos prantar unha semente para que estas mulleres poidan comezar reparar ese dano vivido.