O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

Ana Pardo: “O acceso á vivenda vai máis aló do simple edificio. É un punto de seguridade, onde un pode ser quen é, descansar e sentirse plenamente tranquilo”

Ana Pardo é traballadora social e responsable de Provivienda en Galicia. A entidade leva 7 anos asentada en Galicia, facilitando o acceso á vivenda na nosa comunidade. Tras o recente aniversario da Constitución, o pasado 6 de decembro, reflexionamos con Ana sobre como a carta magna garante o dereito á vivenda e as repercusións que, na práctica, ten na sociedade.

Que importancia ten o acceso á vivenda? Que papel xoga o Traballo Social neste ámbito?

O acceso á vivenda vai máis aló do simple edificio. É un punto de seguridade, onde un pode ser quen é, descansar e sentirse plenamente tranquilo. É esencial para desenvolver inquedanzas e inseguridades. Sen unha vivenda, as demais áreas da vida perden sentido. Defendemos a implementación de diversas medidas, como a recuperación dun parque social, programas de bolsas e a limitación dos prezos de aluguer. O Traballo Social pode ser clave para garantir o acceso á vivenda, pero precisa que o sistema público conte cos recursos necesarios. Sen recursos, o Traballo Social non ten por onde comezar a resolver.

Cal é a función de Provivenda a nivel estatal e cando chegou a Galicia?

Provivenda leva máis de 30 anos traballando polo dereito á vivenda, especialmente para aquelas persoas en situacións vulnerables. Cando naceu, centrábase en certos grupos con dificultades, como rapaces en emancipación ou migrantes. Pero, co tempo, fíxose patente que o problema é estrutural e afecta a máis colectivos. En xeral, consideramos que existe un problema de vivenda cando unha persoa dedica máis do 30% dos seus ingresos á vivenda. En Galicia, levamos 7 anos desenvolvendo programas centrados no acceso á vivenda.

Cales son os programas específicos que desenvolve Provivenda en Galicia e como se adaptan ás necesidades das persoas que buscan unha vivenda?

En Galicia, traballamos con diferentes programas, pero todos están vinculados ao acceso á vivenda. O programa “Fogares” é o noso selo de identidade, onde actuamos como avalistas para facilitar o aluguer a persoas en situación de vulnerabilidade. É unha bolsa de vivenda, na que poñemos en contacto a propietarios particulares ou inmobiliarias e posibles inquilinos, exercendo de avalistas destes últimos. Ademais, realizamos un traballo de acompañamento, abordando cuestións como a xestión económica, a procura de emprego e aintervención familiar.

Como se relacionan as funcións de Provivenda con outras entidades ou administracións en Galicia?

Traballamos de forma colaborativa coas administracións locais e entidades especializadas. A vivenda é a porta de entrada para acceder a outros dereitos, polo que a colaboración é esencial. Como comentaba, alén da nosa acción específica en vivenda, tamén desenvolvemos programas transversais e traballamos en coordinación con áreas como emprego e dinamización comunitaria.

A Constitución Española recoñece o dereito á vivenda, pero á vez, existen problemas de acceso, que repercusións ten esta situación na sociedade?

Empadroarse é un requisito para acceder a moitos dereitos e iso pode dificultar a situación para algúns. A vivenda é o punto de inicio, e traballamos na transversalidade para abordar outras áreas como emprego e dinamización comunitaria. Mitigar o estigma asociado ás persoas en situación de vulnerabilidade tamén é crucial.

En canto aos retos actuais da vivenda, como afecta o contexto actual e hai un cambio no perfil das persoas con dificultades para acceder a unha vivenda?

Observamos un cambio nos últimos anos. En 2017, a maioría das persoas que atendiamos tiñan rendas mínimas ou estaban en situación de desafiuzamento. Pero, nos últimos anos, atopámonos con persoas que teñen emprego, pero non digno, e que, a pesar de traballar, non poden asumir o custo dun contrato de aluguer. Ademais, temos que afrontar desafíos como os menores tutelados e as minorías étnicas que enfrontan moitos problemas de estigmatización.