O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Persoas invitadas

O acollemento familiar especializado: Jacobo Rey Sastre, director xeral de Familia

O director xeral de Familia da Xunta, Jacobo Rey Sastre, explica en que consiste o novo programa de acollemento familiar especializado impulsado pola administración galega.

Dentro dos recursos para a protección dos e das menores nas situacións máis vulnerables, a Xunta de Galicia conta cun programa de acollemento familiar, para permitir que as cativas e cativos máis desprotexidos poidan medrar nun fogar familiar.

Ate o de agora, a Administración asumía unicamente os gastos básicos do neno ou nena neste programa. Porén, agora existe unha nova modalidade de acollemento, o acollemento familiar especializado, na que, entre outras diferencias, existe unha remuneración económica adicional para que a nova incorporación á familia poida ter unha persoa adicada exclusivamente ao seu coidado.

Falamos co director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, o compostelán Jacobo José Rey Sastre, para coñecer máis sobre este novo modelo de acollemento familiar.

A orixe do programa de acollemento especializado

“A necesidade de crear este proxecto piloto en Galicia xorde, por un lado, dos cambios sociais que se veñen experimentando nos últimos anos respecto do que é o acollemento familiar, as novas necesidades que foron xurdindo, e por outro lado do feito de ver que había outras Comunidades Autónomas que xa estaban dando os seus primeiros pasos nisto”, sinala Rey Sastre. “Non quixemos que Galicia quedase atrás”, engade, polo que se comezaron sentar as bases da nova modalidade de acollemento na nosa comunidade.

Para o director xeral, hai dúas principais diferencias con respecto do acollemento habitual. Por unha banda, a cativada e a rapazada á que vai dirixido este novo proxecto, “un colectivo cunhas necesidades especiais que non se conseguen atender plenamente a través da fórmula ordinaria do acollemento”.

Por outra banda, as “características especiais” das familias que poden optar a facer parte do programa. Rey Sastre destaca en todo caso que isto non implica que familias que agora mesmo están no programa ordinario non poidan pasar a formar parte do especializado, simplemente “teñen que cumprir cuns requisitos que non todas as familias cumpren”.

O perfil das nenas e nenos aos que vai dirixido

“Por dicilo con franqueza, para que o entendan todas as persoas que poidan ler esta entrevista, son nenos, nenas e adolescentes que teñen dificultades para poder acceder a un acollemento dunha familia ordinaria”, explica o director xeral de Familia. Isto non quere dicir “que sexa imposible, nós cremos que é posible, e por iso poñemos en marcha este programa”, engade.

Como explica Rey Sastre, este perfil inclúe, entre outros, grupos de irmáns, “que sabemos pola experiencia que temos que é máis complicado atopar unha familia na que se poidan integrar, nenos e nenas cunha discapacidade superior ao 33%; vítimas de abuso sexual ou violencia de xénero, nenos e nenas migrantes non acompañadas, adolescentes xestantes ou con fillos ao cargo, etc. Tamén aos que están actualmente no programa de acollemento residencial e que teñen problemas de adaptación.

Segue sendo un acollemento voluntario e solidario?

Tendo en conta que o acollemento especializado implica o pago dunha remuneración ademais do dos gastos básicos do ou da menor, cabe preguntarse se este segue tendo un carácter voluntario e solidario como é o caso no programa ordinario. “Por suposto que si”, responde Rey Sastre, xa que “as familias dan moito máis do que reciben”

“En todo caso, dende as administracións temos que poñer todo da nosa parte para facilitar ese acollemento”, precisa o director xeral, pero, “por riba de todo, as familias amosan a súa solidariedade cada día”.

“Hai que ter en conta que o acollemento ten dificultades engadidas con respecto a procedementos como o da adopción, como o feito de que segue existindo unha familia biolóxica co que moitas veces o neno mantén relación e ten dereito a seguer vendo”, sinala Rey Sastre.

O director xeral explica tamén que “do que se trata en todo caso é de garantir que o maior número posible de nenos e adolescentes poida medrar nunha familia, xa que o acollemento familiar é a forma prioritaria con respecto á do acollemento residencial”.

Financiamento e xestión do programa

O proxecto está financiado a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, dentro da estrutura dos fondos europeos para a consellería de Política Social e Xuventude, e a súa asignación foi a través da fórmula do concerto social. “Esta fórmula, en comparación á tradicional, o que fai é primar o proxecto que ofrece a entidade e priorizar ás entidades do ámbito social por enriba das que non teñan experiencia no ámbito”, afirma Rey Sastre.

Dito concerto asignouse á entidade Aldeas Infantís SOS, “que ten experiencia de moitos anos no que é o acollemento, tanto residencial como familiar”. Dita entidade encárgase de funcións como son as da selección de familias, formación ou apoio ás familias acolledoras, e se encargan tamén da relación entre a familia acolledora e a familia de orixe, entre outras cousas.

As vantaxes do acollemento familiar

“Debe ficar claro que os nenos, nenas e adolescentes acollidos nos centros residenciais están perfectamente coidados e atendidos por profesionais cunha formación e unha dedicación digna de mención”, destaca Rey Sastre. “Dito isto, a propia lexislación establece a prioridade de que os nenos medren nun entorno familiar, ao ser o máis parecido ao que é a familia biolóxica”, engade.

O director xeral de Familia indica a este respecto que todas as administracións “están apostando por aumentar o peso do acollemento familiar, é unha tarefa complicada e a medio-longo prazo pero na que debemos seguir avanzando”.

Formación previa

Aldeas Infantís, como entidade á que está asignado este programa, encárgase da selección e a formación previa das familias candidatas, que atravesan un intensivo proceso previo de verificación.

Entre os requisitos necesarios para participar, Rey Sastre pon como exemplo que “no caso de parellas teñen que ter un mínimo de dous anos de convivencia acreditada, ademais, claro está, de que polo menos unha persoa do ámbito familiar teña unha titulación do ámbito sanitario, sociocomunitario ou socioeducativo”. Tamén precisan un informe favorable de Cruz Vermella, entre outros requisitos comúns a todas as familias acolledoras.

O fundamental da rutina de coidado é precisamente, segundo sinala Rey Sastre, “unha adicación exclusiva, unha adaptación ao que demande o neno ou adolescente, unha adaptación plena e as 24 horas do día”. Isto é “algo que non se lle pode esixir ás familias que participan do acollemento ordinario, para o que é necesario esa formación previa”.

En que punto de desenvolvemento está o proxecto?

“Fíxose primeiro de todo un traballo de ter en conta a todas aquelas familias que xa forman parte do programa ordinario para ver cales delas podían pasar ao programa especializado porque xa cumprían os requisitos”, explica Rey Sastre.

A partir de aí comezouse o proceso de contactar con familias que aínda non participaran nos programas de acollemento para que cativada actualmente en centros residenciais forme parte do programa tamén, que é a fase na que se atopa o proxecto piloto na actualidade.

O papel das Traballadoras e Traballadores Sociais

Rey Sastre define a función que os traballadores do sistema público, particularmente os Traballadores Sociais, desempeñan no programa de acollemento familiar especializado como “fundamental”. Estes encárganse, explica, de “detectar aqueles nenos e adolescentes que poden formar parte deste proxecto e de traballar con eles de cara á transición dun centro residencial a un acollemento familiar especializado”.

Conclúe destacando tamén que, “por suposto, as Traballadoras e Traballadores Sociais poden formar parte das propias familias acolledoras neste programa, porque contan con esa formación, non se me ocorre perfil máis acaído”.