O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Revista Fervenzas

Recensión: “Silencio administrativo. La pobreza en el laberinto burocrático”

Begoña Sánchez Roura, traballadora social

Publicado orixinalmente no nº23 de FERVENZAS Revista Galega de Traballo Social.

AUTORA: Sara Mesa

EDITORIAL: Anagrama

ANO: 2019

NÚMERO DE PÁXINAS: 112 páxinas

Neste libro, Sara Mesa, preséntanos con toda claridade a realidade do maltrato institucional ao que se enfrontan dúas mulleres cando tratan de acceder a unha renda mínima.

Carmen é unha muller sen fogar, enferma, con diversidade funcional, afeita a sobrevivir en situacións extremas.

Beatriz é outra muller que no seu camiño ao traballo pasa todos os días diante de Carmen, e un día, fíxase nela.

Dalgunha maneira, ambas, xuntas, son representativas da cidadanía que nace, vive e se relaciona… ou non, nunha sociedade desigualitaria e solidaria á vez, como é a nosa.

E son rostros concretos como o de Carmen e Beatriz os que interpelan a través desta parcela da realidade que nos presenta este libro: pobreza e labirinto burocrático (subtítulo do libro) que, certamente, son dous vocábulos que non casan ben, e que, por desgraza, xa levan demasiado tempo forxados nun matrimonio cunhas esposas que cada vez pesan máis.

Que fixemos do noso sistema público de servizos sociais? Aquel do que nos dotaramos para loitar pola xustiza social e o cumprimento dos dereitos humanos? Como traballadora social esta é a primeira pregunta que me xorde tras a lectura de Silencio Administrativo.

Carmen, a súa vida, o seu rostro, os seus pés cansos está a preguntarnos que fixemos para chegar a esta situación na que nos importa máis un can rueiro que a súa dona.

Beatriz, muller de boa vontade, cuestionada pola realidade que se atreve a observar o sufrimento na súa vida cotiá, está a preguntarnos que facemos para simplemente ser capaces de pasar de largo, vivir e traballar coma se a dor e as vidas alleas non nos importasen; esas, que son as que nos permiten chegar a fin de mes a algúns e algunhas… que nos dedicamos a isto da acción social.

Para que están os servizos sociais? Esta é a pregunta que se fai Carmen,que se fai Beatriz, que se fan os nosos veciños e veciñas todos os días, e especialmente neste tempo de pandemia onde vimos como as “colas da fame” se repetían en barrios e cidades…

Certamente existe moito traballo, moito empeño, moita dedicación e desexo de axudar profesionalmente a moitas persoas, como tamén recoñece o libro afirmando que a Beatriz non lle cabe dúbida de que debe de haber traballadores e educadores sociais esforzándose con profesionalidade e rigor, deixando a pel na tarefa, realmente saturados de expedientes.

Pero, talvez, precisamente por iso, porque hai moitos e moitas deixando a pel, caiba preguntarnos que se espera do sistema de servizos sociais, que se espera de nosoutros e nosoutras “profesionais do traballo social”, por que, despois de anos de existencia, se seguen perpetuando as situacións de pobreza e exclusión?

Con todo, Silencio Administrativo, é unha chamada a liberarnos, si, a liberarnos do peso da burocracia, do formalismo, do pretender e non querer realmente. A opción non está entre que expediente resolvo antes ou como cumprimento mellor o SIUSS ou o IANUS, non, iso espérase de nós, si, que sexamos bos e boas burócratas e ademais nos deixemos a pel, mentres, fóra, Carmen se afai a ser despachada en todos os sitios e a seguir mendigando para sobrevivir malvivindo, aínda que sen protestar xa demasiado…

E os interrogantes continúan acirrando sen piedade…. de que sistema de convivencia nos dotamos os seres humanos que perpetúa ano tras ano as situacións de pobreza e de exclusión? Cabe preguntarnos se merece a pena incluír, incorporar a unha sociedade que exclúe ou pola contra habemos de traballar para eliminar un modelo neoliberal construído para xerar pobreza, oprimir, e perpetuar a exclusión.

Que facer pois? A autora do libro, como balance final conclúe… que entre varios non puidésemos vencer a máquina burocrática da administración pon de relevo que pouco pode facer quen está só e indefenso ante ela…. pois, se a cidadanía se sente así, soa e indefensa ante a máquina burocrática da administración en relación co sistema de garantía de rendas mínimas, o balance é que algo grave está a fallar e non podemos mirar cara a outro lado por máis tempo.

Sara Mesa realmente vai máis aló de definir o que é o maltrato institucional, en realidade está a describirnos o fracaso dun estado de benestar minguado e desigual no que medra a aporofobia, ao que nos seguimos aferrando porque é o único que temos, de momento.

Con este libro non só se pode presentar á cidadanía en xeral esta realidade, sufrida xa por moitos e moitas, senón que, lido desde o traballo social, exponnos como colectivo profesional, un gran dilema: manternos en terreo coñecido, aínda que isto nos incomode un pouco e saibamos que non estamos a ser parte da solución dos problemas ou empezar a construír un novo sistema de protección social diferente, onde todas as persoas sexan protagonistas, as súas necesidades básicas estean cubertas sen necesidade de cuestionamentos previos nin labirintos burocráticos e coas que poidamos poñer as bases dun novo modelo social de convivencia máis humano.

Sara Mesa (Madrid, 1976) é unha escritora española que reside en Sevilla desde nena, e publicou diversos libros. Os seus títulos máis recentes Cicatriz (2015) e Cara de Pan (2018), ambos editados por Anagrama, foron éxitos de crítica e vendas.

Convido, pois, a lelo con valentía, desde unha clave de transformación social profunda máis necesaria que nunca nestes momentos.