O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

S. Sanjurjo: “Nas persoas migrantes hai unha fenda de xénero moi importante nas ocupacións que ostentan e nas situacións nas que viven”

A compañeira de Xunta de Goberno, Silvia Sanjurjo está a participar na rede Elaine. Dito proxecto europeo está enfocado ao intercambio de experiencias e boas prácticas, aumentando a sensibilización e incrementando o coñecemento dos participantes nos temas relacionados coa integración de  persoas inmigrantes e refuxiadas, tanto a nivel local como europeo. Ademais, o proxecto ten como obxectivo complementario o de fomentar a cooperación sustentable e permanente entre os socios do proxecto, tanto nesta área como noutras que se considere como de mutuo interese.

A anterior conferencia desenvolveuse en Graz, a onde acudiron Sanjurjo e Mapi Lema, tamén da Xunta de Goberno. Tras iso, vai celebrarse a conferencia de Catoira onde Sanjurjo participará o día 19 de xuño como relatora dentro da conferencia “Dimensións de xénero na integración de inmigrantes e refuxiados” como poñente do relatorio  “A acollida ás personas migrantes nos servizos sociais comunitarios”.

Podedes consultar a inscrición na xornada nesta ligazón.

Como foi a primeira parte deste proxecto Elaine na cidade de Graz?

O concello de Catoira, como representante desta rede europea  en España púxose en contacto co COTSG e decidimos participar. A dinámica é facer unha conferencia en cada unha das entidades locais participantes, poden ser concellos ou comarcas. Para intercambiar experiencias convidáronnos a ir á de Graz, que foi a anterior a Catoira.

A experiencia en Graz foi moi interesante porque coñeces xente e experiencias doutros países sobre distintas temáticas aínda que todas están enfocadas á integración de persoas migrantes e refuxiadas, no caso de Catoira, desde unha perspectiva de xénero e a de Graz desde a sustentabilidade.

Na rexión de Styria, á que pertence Graz, teñen unha experiencia máis ampla con persoas refuxiadas porque a Galicia chegaron moitas menos. En Austria hai casos de persoas que chegaron de Siria e Afganistán, entre outros países, por proximidade xeográfica. Aínda que ata hai pouco a extrema dereita formaba parte do goberno do país, alí  hai entidades locais con proxectos diversos de integración desde un punto de vista multidimensional: con proxectos educativos de tipo mentor para mozos refuxiados que chegaron como menores non acompañados, con grupos de adolescentes nativos que traballan a concienciación nos centros educativos, ofrecendo oportunidades laborais, etc. No caso galego, estamos moi lonxe do conflito máis grave, que é o de Siria. Como profesional, a miña experiencia é que, entre todas as barreiras que atopan no Mediterráneo e a reticencia do goberno, a Galicia non chegaron case persoas refuxiadas de Siria.

En Ribeira hai persoas solicitantes de asilo ou protección internacional pero proveñen principalmente  de Venezuela.

Sobre que vai versar o teu relatorio en Catoira?

Eu vou falar da miña experiencia laboral no Concello de Ribeira, nun programa específico de atención a persoas inmigrantes. En Ribeira hai, agora mesmo, 1000 persoas estranxeiras por 27000 habitantes en total, e son todas de orixes moi diversos. Temos persoas de 55 nacionalidades distintas. A maioría chegaron polo traballo no mar, porque aquí hai un importante porto pesqueiro. Por unha banda veñen de países relacionados coa pesca: Marrocos, Mauritania, Perú, Chile… pero tamén atraídos por sectores vencellados, como o procesamento de peixe ou as conservas. Ademais Ribeira é un concello turístico. Eu vou falar, por unha parte, das competencias dos servizos sociais comunitarios, as tarefas e as funcións que están máis relacionadas coa atención a persoas inmigrantes, e polo outro lado, o que é específico do noso programa de atención a persoas inmigrantes, que é o asesoramento especializado. Fundamentalmente, as persoas estranxeiras acuden a servizos sociais para asesorarse en relación á inserción laboral, a formación e a regularización administrativa. No programa específico atendemos moitos casos que están a tramitar unha autorización de residencia inicial e precisan un informe de arraigo e outros moitos que xa levan tempo traballando e quere reagrupar á súa familia.

Cal é o papel da traballadora social con comunidades que chegan a un país?

A traballadora social, en función do lugar no que se atope, en que entidade ou administración, pode ter un papel distinto e tamén depende das necesidades da comunidade concreta. As áreas de traballo son diversas, fundamentalmente en Servizos Sociais Comunitarios es como un punto de referencia e de acollida para unha información xenérica que abarque todo o social ou consultas que non saben a onde remitir. Como porta de entrada realizamos moitas entrevistas de acollida, xa que hai persoas que xa veñen ao principio da súa estancia, asesorados por compatriotas, para unha información xeral. O papel é de punto de referencia,  de coordinación e de derivación a outros sistemas:, emprego, ONG, Seguridade Social, Sergas …

Se como traballadora social estás nunha entidade que estea especializada nunha área concreta como a formación ou a saúde, por exemplo,  traballarás máis focalizada niso, depende da entidade e da zona.

Cando atendes a estas persoas, notas unha fenda de xénero nas necesidades que expresan?

Hai unha fenda moi importante nas ocupacións que ostentan e nas situacións nas que viven. É todo completamente distinto. Agora mesmo, na poboación dos concellos galegos hai case a mesma proporción de homes e mulleres, algo maior é a poboación feminina. Pola contra, no caso da comunidade migrante, na miña zona hai máis homes que mulleres. As mulleres en xeral, no sector do mar  son unha minoría, eu non coñezo a ningunha, agás as redeiras, que son autóctonas todas.  E nas migrantes, ningunha muller se inserta no mar, esa posibilidade non existe para elas, ainda sendo o sector principal no que se está traballando. Unha parte, quizais as máis afortunadas, traballan en conserveiras e procesamento de peixe, que tamén son traballos moi duros e nos que non se gaña tanto como no mar, pero que lles garantizan un soldo e unhas condicións mínimas alomenos.  Logo hai outra parte das mulleres que entra no sector dos coidados e o traballo doméstico, moitas veces en situación irregular, con soldos e horarios precarios. Parece que se dá por feito que van aceptar ese tipo de condicións as migrantes. Non llelas ofrecen aos homes, pero sí ás mulleres. Tamén hai unha importante proporción de mulleres estranxeiras que son amas de casa. Chegan reagrupadas polos seus maridos e quedan na casa cando os homes van ao mar, facéndose cargo da familia, moitas veces sin saber o idioma á súa chegada. D e esta maneira, recibo máis demandas de asesoramento de homes que de mulleres porque, sobre todo desde o norte de África, chegan sós.

Outra mostra de desigualdade é que mentres están en situación irregular, algúns homes subsisten con traballos esporádicos na descarga de peixe, pero as mulleres soas son moi vulnerables á prostitución. Unha parte delas non chegamos nin a coñecelas, ou acuden a nós cando xa pasaron os primeiros anos, os máis duros, e teñen posibilidade de regularizarse, acceder a outra forma de vida e reagrupar ás súas familias. Aquí hai un traballo fundamental de entidades do terceiro sector.

Teñen vergoña de acudir aos servizos sociais?

Tanto os  homes como as  mulleres en ocasións amosan certa vergoña de acudir a servizos sociais, sobre todo se van demandar axudas para a cobertura das necesidades básicas, pero eu penso que cada vez menos, e que tamén nos ven como un servizo máis completo, e acuden a informarse de moitas outras cousas.  Cando é por necesidade económica, ás veces teñen aínda máis vergoña os homes por ter que solicitar un recurso de alimentación ou económico, véndose que serían os  responsables de “manter” á súa familia.  A vergoña ou a desconfianza vémola tamén por motivo de non contar coa ansiada autorización de residencia, ou por motivo de subsistir na economía somerxida.  Para iso as traballadoras sociais poñemos en práctica as nosas habilidades persoais e profesionais para intentar conseguir a confianza da xente e que se apoien en nós.