Ineficacias dos sistemas de loita contra a pobreza e alternativas

Autor: Jonathan Añón, col. 3155

Recentemente presentouse o informe AROPE 2017 onde se analiza o estado da pobreza en España. Nel evidénciase un incumprimento do compromiso respecto á Estratexia Europa 2020 posto que, segundo os datos aportados, o 26,6% da poboación en España encóntrase en risco de pobreza e/ou exclusión social. Esta taxa vén sendo a sétima máis alta da Unión Europea. No caso de Galicia, o 22,6% da poboación residente áchase nesta situación.

Este informe tamén conclúe que se incrementa a desigualdade territorial. En consonancia con este informe e, en concreto esta conclusión, a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais publica anualmente o índice DEC, onde se analizan os Servizos Sociais en relación aos dereitos e decisión política, relevancia económica e á cobertura de servizos. Galicia suspende.

Simplemente cunha ollada superficial e sen afondar nos datos obsérvanse grandes desigualdades territoriais entre autonomías. Unha persoa polo mero feito de onde nace ou reside non vai ter a mesma calidade, eficacia na resposta e capacidade económica por parte do sistema. Non é o mesmo residir en Galicia que en Navarra, nin é o mesmo residir nun concello que noutro de Galicia en canto á igualdade de oportunidades no acceso aos Servizos Sociais. Polo tanto, non é o mesmo ser pobre nunha Comunidade que noutra.

Pois ben, o xeito no que se veñen implementando as políticas sociais desde as diferentes administracións públicas, de distinto signo político, que afectan directamente a este piar do Estado de benestar contribúe a xerar desequilibrios territoriais e tamén poboacionais, tendo relación co declive demográfico e co despoboamento do rural. Polo tanto, o xeito de facer fronte á pobreza e ás situación de risco e/ou exclusión social non só adoece da adecuada financiación, senón que a organización do propio sistema de recursos está ancorada en estruturas desordenadas, lentas e pouco eficientes. Máis grave resulta que ademais semellan non ter coherencia en moitos casos. Converténdonos así, os Servizos Sociais nos irmáns pobres do Estado de Benestar.

Cada Comunidade Autónoma desenvolve, segundo as súas propias normas, un sistema de rendas de garantía de ingresos, con contías, requisitos, tempos de tramitación e sistemas de valoración dispares. Xa non só Comunidades Autónomas senón que, a partir da saída do Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, tamén os Concellos poden ter as súas propias rendas sociais; o que, pode xerar maiores desequilibrios territoriais e fai que as prestacións económicas no ámbito da inclusión sexan un galimatias. Caos que se incrementa se temos en conta toda a gran variade de subsidios existentes, sendo o propio sistema xerador de estrés para individuos e familias, ademais de multiplicador de gastos de tramitación por estares as persoas saltando dunha prestación noutra –con tempos intermedios de desprotección-.

Aínda que Galicia está a mellorar lixeiramente en datos macro, o tipo de políticas que se están a desenvolver para reducir as desigualdades non son suficientes nin contan co enfoque axeitado. A Lei de inclusión social de Galicia, do 2013, á data actual segue sen estar implementada e o principal recurso que se deriva dela, a RISGA é unha  restación non adecuada aos tempos nin ás novas formas de pobreza que se fan patentes (traballadores  pobres, por exemplo). A aplicación da prestación é restritiva, ineficaz e cuns tempos de tramitación desmesurados. ¡Unha familia valorada tecnicamente como en situación de risco e/ ou exclusión social e con privación material severa non pode estar esperando seis meses para ter uns ingresos de subsistencia! Acceder a esta prestación é en moitas ocasións unha carreira de obstáculos.

Actualmente a RISGA ten unha demora de tramitación que non debe ser asumible para un Estado social,  democrático e de dereito. Emprega criterios restritivos e cheos de subxectividade e que, inclusive, varían por provincias. Esta armazón burocrática, en moitos casos, desoe aos técnicos ou non os ten en conta nos órganos superiores de tramitación (hai xefaturas territoriais que non contan coa figura do profesional do Traballo social).

Non obstante, o Traballo Social debe ser clave para o cambio no sistema, a evolución constante e a proposta de alternativas. Por iso, precísase de vontade política para facer fronte á desigualdade, exclusión e pobreza con políticas transversais que afecten a todos os sistemas de protección así como as políticas que se desenvolvan.

Proponse:

  • Homoxeneización dos subsidios de desemprego e un sistema básico de rendas
    mínimas a nivel estatal. En todo caso, complementos autonómicos e locais.
  • Creación de baremos técnicos para ditaminar a situación de risco e/ ou exclusión social
    obxectivos. Actualmente os e as traballadoras sociais estamos a cubrir informes de 30
    páxinas e proxectos de inclusión antes dunha resolución. Proponse que se apliquen
    baremos e que o proxecto sexa a posteriori de que as familias teñan uns ingresos de
    subsistencia, de cara a axilizar a tramitación.
  • Facer compatibles e non deducibles ata un determinado límite de ingresos económicos
    propios de calquera natureza. Con esta medida os niveis de benestar e ingresos
    familiares aumentarían sen necesidades de maiores gastos sociais. Achegándose en
    moitos casos ao limiar da pobreza .
  •  Impulsar a investigación desde os Servizos Sociais.
  • Desenvolvemento de políticas transversais que teñan en conta as situacións de risco e/
    ou exclusión social: prioridades para programas de emprego, becas para formacións
    no mercado privado, axudas de aluguer –O plan Estatal de vivenda 2018-2021 non
    chega aos máis desfavorecidos-, Traballo social no sistema educativo, etc.

 

En resumo, para conseguir os obxectivos da Estratexia 2020, facer unha sociedade máis cohesionada, igualitaria e que as desigualdades non sexan galopantes; as reformas teñen que ser de gran calado e implicar a todas as Administracións públicas de forma transversal, baseadas en datos extraídos da investigación social e non en ideas improvisadas ou inclusive enfrontadas.

Fagamos dos Servizos Sociais un sistema eficaz, tomando como exemplo o sistema sanitario, para así dar as mellores respostas desde o sector público e que sirvan de xeito eficaz para vencer a trampa da pobreza e que o indicador AROPE non nos saque as cores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *