O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

Yago Lage, traballador social en ASPERGA: “Un dos retos é a falta de coñecemento sobre as características das persoas con Síndrome de Asperger”

ASPERGA é unha entidade que ofrece servizos de atención a persoas con diagnóstico de Síndrome de Asperger, englobado dentro dos trastornos do espectro do autismo. Falamos con Yago Lage Caramelo, traballador social en ASPERGA, para saber máis sobre o traballo que realizan e os desafíos que enfrontan.

P: Que traballo realizades en ASPERGA? Podes contarnos un pouco máis sobre a vosa entidade?

R: Nós prestamos servizo de atención a persoas con diagnóstico de Síndrome de Asperger, que se engloba dentro dos trastornos de autismo. Concretamente, nós traballamos con persoas con este diagnóstico e que non teñen unha discapacidade intelectual e tampouco deterioro da linguaxe, é dicir, estamos bastante especializados nun tipo de perfil. 

Temos dous centros, un na Coruña e outro en Santiago, onde ofrecemos servizos de atención psicolóxica, logopedia, terapia ocupacional, e diversos talleres. A nosa finalidade é axudar aos nosos usuarios a desenvolver habilidades sociais, formativas e laborais, este último estámolo reforzando recentemente. 

P: Cal é a función do traballo social coas persoas ASPERGER?

R: O traballo social funciona principalmente ao asesorar ás persoas na utilización dos recursos dispoñibles para facer fronte aos servizos terapéuticos. Ademais, colaboramos no deseño de proxectos e impartindo talleres grupais, centrados en habilidades laborais, autonomía e resolución de conflitos.

P: Como é o teu día a día? Cales son as situacións máis habituais?

R: O noso día a día implica asesoramento ás persoas sobre os recursos dispoñibles e participación en proxectos e talleres grupais. As situacións máis habituais inclúen a busca de emprego e o mantemento do mesmo, así como a resolución de conflitos e a toma de decisións.

P: Que importancia ten o ámbito laboral para unha persoa con síndrome de Asperger?

R: En ASPERGA estamos moi centrados neste punto, de feito contamos cunha orientadora laboral que traballa coas persoas usuarias. Neste sentido, apoiamos ás persoas facilitándolle a adquisición de competencias para o emprego, pero tamén coa consecución dun emprego e, por último, co mantemento do emprego. É esencial porque as persoas con este tipo de síndrome teñen dificultades para insertarse no mercado laboral e, unha vez nel, teñen dificultades para manter ese posto. 

P: Que tipo de situacións requiren un maior apoio?

R: Ultimamente, temos notado un aumento de persoas inmigrantes que requiren un apoio máis complexo debido ás dificultades para acceder aos servizos pola súa situación administrativa e económica. Ademais, o acceso e mantemento do emprego son grandes desafíos para os nosos usuarios, como comentamos antes. 

P: O voso apoio se estende máis alá das persoas con ASPERGER, supoño que facedes tamén un traballo importante coas familias non?

R: Si, traballamos non só coas persoas diagnosticadas, senón tamén coas súas familias. O noso obxectivo é mellorar a calidade de vida tanto da persoa diagnosticada como da súa familia, proporcionando asesoramento e apoio en diferentes ámbitos como a escola ou actividades externas. 

P: Que carencias hai agora mesmo no sistema para este tipo de casos?

R: Un dos retos é a falta de coñecemento sobre as características das persoas con Síndrome de Asperger, o que ás veces dificulta a resposta axeitada por parte dos servizos públicos. Mellorar este coñecemento é fundamental para ofrecer unha mellor atención.

P: Que tipo de especialización precisa un traballador social que quere dedicarse a este eido?

R: Recomendaría formación específica en trastornos do espectro do autismo, como a través de cursos ofrecidos por entidades especializadas. Unha especialización en traballo social sanitario tamén pode ser beneficiosa.

P: Como vos coordinades dende ASPERGA co resto de entidades públicas? En concreto, como é a coordinación co sistema educativo? 

R: Sempre e cando as familias o autoricen, realizamos contactos con outras entidades e profesionais, como os orientadores escolares e o profesorado no caso das escolas para garantir unha coordinación eficaz. Penso que tanto eles como nós vemos esta colaboración produtiva, porque é unha maneira de compartir os obxectivos e logralos conxuntamente, aínda que, evidentemente, non sempre é doado.

P: Segue a existir un forte estigma sobre as persoas Asperger?

R: Si, en ocasións hai estigmas que dificultan a intervención profesional. É importante aceptar tanto as virtudes como as dificultades das persoas con Síndrome de Asperger e traballar nelas para lograr unha inclusión plena na sociedade.