O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

Raquel Rodríguez: O Traballo Social nos programas de protección internacional

O día 10 de decembro conmemorase o día internacional dos Dereitos Humanos, e non hai un dereito maior que o dereito a vida e a seguridade. No mundo que nos toca vivir, as guerras mais ou menos presentes nos medios de comunicación, sucédense en multitude de países. Unha das consecuencias mais inmediatas é que as persoas foxen dos conflitos armados para poder sobrevivir e vivir.  O Traballo Social é unha das profesións con ferramentas e saberes necesarios para atender ás persoas que chegan a España a solicitar a protección internacional que merecen.

Raquel Rodríguez Abal é  traballadora social nos  programas de protección internacional en Galicia, e ten coñecemento directo da situación que viven as persoas que chegan en busca de refuxio.

Destacaria a capacidade de resiliencia das persoas, a súa motivación para o cambio e para poder integrarse na sociedade.

  • Ola Raquel, cóntanos en que entidade estas traballando agora, e que experiencia tes neste campo?

Actualmente traballo en Cruz Vermella, en concreto na Asemblea Comarcal de Vigo. Aí traballo no campo da protección internacional, en concreto como traballadora social no Programa de Acollida e integración de persoas solicitantes e/ou beneficiares de protección internacional e temporal, dende o ano 2017.

  • En que consisten os programas de protección internacional? Que características teñen?

Os programas de protección internacional teñen como obxectivo ofrecer a cobertura das necesidades básicas ás persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional temporal que carecen de recursos económicos, acompañándoas no seu proceso de adquisición da autonomía e integración na nosa sociedade.

O Sistema conta cunha rede de recursos de acollida (centros), servicios e actuacións no marco dun itinerario individualizado de integración, acordado polos profesionais do Sistema e as personas destinatarias do programa.

Estes itinerarios comezan coa Fase de Valoración inicial e derivación, na que se valora e se avalían as circunstancias da persoa destinataria de maneira individualizada.

Posteriormente, na Fase de Acollida  asignáselle un recurso adecuado ó seu perfil ofrecendo prestacións básicas de aloxamento e manutención, valorando posibles factores de vulnerabilidade e axudándoos na adquisición das habilidades necesarias para iniciar unha vida independente á saída do Centro, facilitando o seu proceso cara a conseguir autonomía nesta sociedade.

Se a persoa ten recoñecida a protección internacional, este programa pode finalizar coa Fase de Autonomía, no que se continúa traballando pola integración e autonomía da persoa destinataria.

A xestión e dirección do Sistema corresponde a autoridade de acollida (Dirección Xeral da Xestión do Sistema de Acollida de Protección Internacional e Temporal, do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións) e desenvólveo  en colaboración con entidades sen ánimo de lucro, como é o caso da Cruz Vermella na cal traballo na actualidade.

  • Que entidades teñen programas de protección internacional en Galicia e onde se localizan?

As entidades que levan a cabo este programa son moi diversas e encóntranse en distintas localidades de Galicia. Ademais da Cruz Vermella, entidades como Red Acolle, Provivienda, ou Accem, entre outras, tamén xestionan estes programas en Galicia.

  • Que obxectivos traballades coas persoas usuarias dos programas de protección internacional?

Dende o programa trabállase co fin de conseguir a integración social e laboral dos participantes a través dunha intervención social apoiada dende distintas actuacións transversais como son o aprendizaxe do idioma, a atención psicolóxica, a asistencia xurídica, a tradución e interpretación ou o servicio de emprego.

Así establécense obxectivos nas distintas esferas da persoa como son a económica, a familiar, a social, a persoal, a laboral, a da saúde ou a xurídica, traballando pola consecución final da súa autonomía persoal.

  • Cal é o papel do Traballo Social nestes programas?

O papel da traballadora ou traballador social é o de apoiar e acompañar a persoa na consecución da súa autonomía. Así a atención social aos residentes dos recursos de acollida céntrase na valoración e diagnóstico individual e familiar, na información sobre servizos e recursos sociais públicos e privados, na información sobre o acceso e actividades do sistema de Acollida, na información básica xurídica-administrativa, así como sesións grupais de preparación para a autonomía, na valoración e proposta de prestacións económicas, en intervencións de mediación social, familiar, sanitaria… así como no apoio na realización de xestións administrativas, xestións educativas, acompañamento na busca de vivenda ou na derivación a entidades ou recursos externos, entre outras.

  • Con que outros profesionais traballades?

O traballo coas persoas solicitantes de Asilo ou beneficiarias de protección internacional/temporal lévase a cabo mediante o traballo dun equipo multidisciplinar que traballa en todas as perspectivas sociais necesarias para fomentar a independencia da persoa. Nestes equipos atopamos profesionais como traballadoras sociais, educadoras sociais ou técnicos de integración social e técnicos de emprego así como monitores. Tamén se poden atopar figuras profesionais como avogados e/ou psicólogos.

  • Estes programas préstanlle atención traballo comunitario?

Dende o programa realízanse actividades de sensibilización á comunidade para poder dar a coñecer a figura da protección internacional, a súa aplicación e os programas que traballan en dito ámbito. Parécenme actividades indispensables a traballar coa sociedade poñendo tamén sempre un énfases ao traballo en rede.

  • Cales son as maiores dificultades sociais e culturais coas que se atopan as persoas inmigrantes para integrarse no noso pais?

As dificultades e barreiras coas que se atopan as persoas inmigrantes son moi diversas. Sen dúbida unha das barreiras máis importantes é a busca e consecución dunha vivenda ao encontrarse o colectivo inmigrante ademais nunha situación de maior vulnerabilidade pola súa situación administrativa e ou económica. Ao carecer dunha vivenda a persoa inmigrante encóntrase coa dificultade engadida de poder empadroarse na localidade, sendo este trámite indispensable para poder optar a dereitos fundamentais como o acceso a sanidade ou a prestacións sociais básicas, educación, entre outras. Cabe destacar tamén as dificultades coas que se atopan para poder abrir por exemplo unha conta bancaria social básica, indispensable tamén para a súa autonomía económica.

  • Que destacarías da túa experiencia neste traballo?

A capacidade de resiliencia das persoas que veñen de pasar por un proceso migratorio moi complicado e  vivir experiencias traumáticas nos seus países de orixe. A súa motivación para o cambio e para poder integrarse na sociedade.

  • Que visión teñen estas persoas da nosa sociedade?

As persoas soen traer unha visión moi positiva da nosa sociedade e visualizana como unha sociedade aberta, tolerante, empática e de oportunidades.