Paula Frieiro, a investigación científica en Traballo Social.
É frecuente que os homes prioricen os méritos no seu currículo, mentres que as mulleres céntranse na mellora da comunidade académica. Isto condúcenos á feminización dos coidados tamén nas institucións académicas.
Paula Frieiro Padín, é traballadora social de formación, e docente e investigadora de ocupación laboral. Entrevistámola no blog do cotsg para coñecer os seus últimos logros en canto ao recoñecemento da actividade científica e, e para falar da investigación no Traballo Social coincidindo coa semana na que se celebrou o día internacional da muller na ciencia.
- Ola Paula, antes de nada parabéns polo primeiro premio de investigación na categoría de Traballo Social no IV Congreso Internacional de Salud Mental: “Prevenir hoy, para proteger el mañana: por una juventud mentalmente sana” coa comunicación “Recursos de apoio social e boas práctica comunitarias ante a conducta suicida”. Paula cóntanos algo desta comunicación que presentaches en Huelva no mes de novembro.
En primeiro lugar, este premio foi unha grata sorpresa, e estou profundamente agradecida ás compañeiras do Colexio Oficial de Traballo Social de Huelva por considerar que a comunicación era merecedora deste recoñecemento.
Máis alá do galardón en si, o premio representa unha oportunidade para dar visibilidade á conduta suicida e á intervención dende o Traballo Social. Na comunicación presentáronse diversas prácticas comunitarias que se están desenvolvendo a nivel internacional, pero gustaríame destacar especialmente unha iniciativa concreta: o programa (des)integrades, que se leva a cabo en Baleares. Neste programa participan ademais traballadoras sociais, e está centrado no acompañamento a superviventes de suicidio.
- Este premio non foi o único que acadaches o ano pasado, o coa túa tese “Influencia da socialización nas redes sociais e da autoestima sobre trastornos de conductas alimentarias na adolescencia. Respostas dende o Traballo Social” tiveches dúas distincións no ano 2024. Cales foron? E cal era o seu contido?
A comezos de 2024, con motivo da celebración de Santo Tomé de Aquino, a Universidade de Vigo concedeume o premio extraordinario de doutoramento. Para min, foi unha gran honra, xa que recoñece o traballo desenvolvido na miña tese, centrada nos trastornos da conduta alimentaria na adolescencia. Desde o Traballo Social, estudo a saúde mental na infancia e na xuventude, pero é realmente importante para min lograr que os trastornos da conduta alimentaria sexan visibilizados, para que así se lles poida proporcionar a atención adecuada.
En abril de 2024, no V Congreso Internacional de Traballo Social, recibín o primeiro accésit de tese doutoral en Traballo Social. O noso ámbito conta cun enorme nivel investigador, e cada vez se defenden máis teses, polo que este recoñecemento tivo un valor especial. Ademais, no mesmo congreso, parte do meu grupo de investigación (GETS-IT) tamén foi galardoado co primeiro accésit á transferencia de coñecemento en Traballo Social. O premio recoñeceu o deseño dunha aplicación móbil para a mellora da atención e coordinación en casos de violencia de xénero, un proxecto liderado por Iria Vázquez Silva, no que tamén participaron Sabela Pérez Martín, Carmen Verde Diego e eu mesma.
- A tese significa o comezo da vida autónoma na ciencia, pero hai un camiño longo para chegar a ela, Cales foron os teus comezos no campo da investigación científica?
Eu non comecei directamente no ámbito da investigación, de feito desde que rematei o grao ata que me incorporei á Universidade de Vigo pasaron case catro anos. É certo que o meu director de tese, o profesor Rubén González Rodríguez, animoume a publicar o meu traballo de fin de grao, e pode que iso fose o detonante do meu camiño investigador.
Inicialmente, tiven dúbidas sobre deixar a intervención para dedicarme á investigación, pero unha vez obtiven o meu contrato predoutoral, todo foi fluíndo de maneira natural. Logo a investigación, xunto coa oportunidade de aprendizaxe continua, converteuse nun auténtico vicio. Se alguén ten dúbidas sobre iniciarse neste camiño, penso que probar e investigar en Traballo Social acaba sendo unha experiencia moi enriquecedora e gratificante.
- Ademais da túa faceta como investigadora, tamén es docente, falamos da experiencia neste campo.
As aulas son un espazo no que desfruto enormemente, e poder combinalas coa investigación crea unha simbiose moi enriquecedora. Ao longo destes últimos anos, impartín materias moi diversas, o que supón un reto, pero tamén unha gran oportunidade de aprendizaxe. O que máis destacaría do meu enfoque docente é o emprego de metodoloxías participativas na aula, así como a realización de accións formativas en colaboración con entidades sociais.
Ademais, considero fundamental fomentar a creatividade no proceso de ensino-aprendizaxe. Por exemplo, na materia de Historia do Traballo Social, utilicei o desenvolvemento de fanzines como ferramenta para explorar a nosa orixe profesional. Esta experiencia resultou tan enriquecedora que mesmo deu lugar a algunhas publicacións. Quero destacar que sistematizar o noso traballo docente e reflexionar sobre o que funciona permítenos mellorar continuamente na nosa práctica educativa.
- Cando naceu o teu interese pola investigación científica, durante o grao ou xa cando remataches?
Podería dicir que foi cara ao final do grao. Durante o meu período de prácticas, observei que as miñas titoras recorrían a fontes científicas e mesmo unha delas tiña realizado algunha publicación. Ver como a investigación podía integrarse na práctica cotiá do Traballo Social foi algo que espertou o meu interese. Ademais, a realización do traballo de fin de grao permitiume afondar no que realmente significaba investigar neste ámbito. Aínda así, como comentei antes, inicialmente non considerei a investigación como unha vía profesional, isto aconteceu uns catro anos despois.
- Normalmente a docencia e a investigación son dúas actividades que van xuntas, pero non sempre. Hai investigación fora da universidade no Traballo Social en Galicia?
En Galicia hai entidades que desempeñan unha gran labor de investigación, elaborando informes e publicando traballos de diversas características. A miúdo, outros perfís profesionais, como as sociólogas, son quen asumen este traballo de investigación para as entidades, pero por suposto, as traballadoras sociais podemos asumir este traballo. Ademais, é habitual que no noso ámbito desenvolvamos proxectos sociais, o que tamén require unha investigación ou diagnose previa. Polo tanto, podo afirmar que si, existe investigación fóra da Universidade. Porén, é certo que moitas compañeiras que desexan investigar non dispoñen do tempo necesario para facelo dentro dos seus postos de traballo.
- A ONU declarou o día 11 de febreiro, como día internacional da muller na ciencia. Aínda que na investigación en Traballo Social a presenza feminina é ampla, dada a composición do colectivo profesional. Que problemas tendes as investigadoras que os vosos compañeiros non teñen?
As investigadoras enfróntanse a múltiples dificultades, pero vou a por algúns exemplos para facilitar a comprensión. Moitas veces, as investigadoras e docentes asumen tarefas que poderiamos considerar “domésticas” dentro da universidade, como iniciativas que melloran a dinámica dunha facultade pero que academicamente non son recoñecidas. É frecuente que os homes prioricen os méritos no seu currículo, mentres que as mulleres céntranse na mellora da comunidade académica. Isto condúcenos á feminización dos coidados tamén nas institucións académicas. Ademais, os homes investigadores adoitan ter maior representación nos órganos de toma de decisións da universidade. Todas sabemos que o patriarcado nos atravesa, e a socialización patriarcal contribúe á maior visibilidade dos homes nos espazos de poder.
Tamén observamos unha infrarrepresentación e invisibilización das mulleres nas citas nos textos académicos. No noso ámbito, empregamos as normas APA, as cales tamén invisibilizan os nomes e traballos de mulleres. De feito, os sesgos de xénero mesmo nos fan pensar que estamos citando investigadores homes cando, na realidade, estamos citando mulleres. Esta situación tamén se repite coa infrarepresentación das investigadoras do Sur Global, que son moito menos citadas e visibilizadas. A carreira académica en si mesma impón moitas limitacións ás mulleres que son coidadoras ou nais. Trátase dunha carreira de obstáculos, especialmente para aquelas que teñen que combinar os coidados, a maternidade, mesmo a lactación, cunha estadía noutro país e sen rede de apoio. A Universidade de Vigo ten proposto algunhas melloras con perspectiva de xénero, pero os procesos deberían ser máis sinxelos e sobre todo moito máis flexibles.
- Creo que tes experiencia en estancias de investigación noutros países, en onde estiveches e que diferencias apreciaches na dinámica investigadora en xeral e con respecto ao Ts en particular?
As miñas estadías predoutorais e posdoutorais leváronas a cabo na Universidade de Lund (Suecia), na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal) e na Universidade do Minho (Portugal).
En Suecia, tiven a oportunidade de estar nunha facultade exclusiva de Traballo Social, e inicialmente pensaba que a rixidez académica sería moi evidente, xa que esta institución está catalogada como unha das mellores de Europa do Norte. Non obstante, sorprendeume gratamente o a valoración e o interese que puxeron no meu traballo. As esixencias de investigación en Suecia son máis flexibles; realizan moitas iniciativas e proxectos interesantes, pero as demandas en termos de publicacións e a burocracia académica son significativamente menores. Tamén me chamou a atención como integran o Traballo Social en espazos pouco habituais en España. Por exemplo, mostráronme como integraban a figura do Traballo Social nas bibliotecas municipais, lugares abertos á comunidade, onde moitas persoas en situación de exclusión social pasan parte do seu día. Tamén cómpre destacar que a ampla dispoñibilidade de recursos para a investigación e a intervención resultaba evidente en todas as visitas ás entidades que realicei.
En Portugal, o nivel académico e investigador é moi elevado, e os recursos e as esixencias académicas son nalgúns casos incluso superiores aos de España.
- En que estas traballando agora?
Agora mesmo estou a desenvolver o meu proxecto posdoutoral sobre os determinantes sociais da conducta suicida na xuventude. Teño recollido datos para analizar a conduta suicida en Galicia e no norte de Portugal, e tamén estou a traballar nunha análise das políticas públicas, plans e programas de prevención do suicidio desenvolvidos a nivel europeo. A partir deste traballo, agardo poder deseñar e implementar accións concretas para abordar a conduta suicida xuvenil. Sobre a conducta suicida, e xunto con Rubén González Rodríguez, tamén acabo de publicar un libro titulado “El Trabajo Social ante la conducta suicida”.
- Nestes últimos anos formaches parte da equipa que participou na elaboración de MAX APP, a primeira app móbil en Galicia pensada para coordinar ás e aos profesionais de diferentes ámbitos que interveñen na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero. En que consisteu este traballo?
No noso grupo de investigación, GETS-IT, desenvolvemos tres aplicacións móbiles. Non é algo frecuente, nin tampouco sinxelo, que dende o Traballo Social participemos no desenvolvemento de ferramentas e aplicacións móbiles, polo que isto supuxo un esforzo considerable.
A primeira aplicación que desenvolvemos foi un xogo de carácter socioeducativo titulado “DIXITOU – Escudeira das redes sociais”. Logo creamos “AppPVGA. Prevención da violencia de xénero na adolescencia”.
En relación con MAX APP, esta levouse a cabo como parte dun proxecto da Cátedra Feminismos da Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. No seu desenvolvemento participaron, ademais de min mesma, Iria Vázquez Silva, Sabela Pérez Martín e José López. Para elaborar o contido da app consideramos imprescindible realizar un grupo de discusión con profesionais da rede de atención ás vítimas de violencia de xénero para así identificar as súas necesidades. Polo que a creación da aplicación é unha resposta ás propias demandas das profesionais, que solicitaban mellorar a coordinación entre os xulgados, os CIM, o SERGAS, etc. Unha das principais finalidades da app evitar a vitimización secundaria das mulleres e mellorar a atención profesional. Unha vez desenvolvida a app, as profesionais tamén valoraron a ferramenta e suxeriron os cambios necesarios. O obxectivo final é que a administración se interese pola ferramenta e que as profesionais poidan integrala no seu traballo diario.