O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ColexiaciónPersoas invitadas

O Traballo Social no ámbito penitenciario

Entrevista  ás Traballadoras Sociais do Centro penitenciario A Lama.

 ¿Que funcións leva a cabo un/unha Traballador/a Social no ámbito penitenciario?

Nós desde que entra unha persoa cunha condena privativa de liberdade comezamos o noso traballo cunha entrevista de ingresos, onde facemos unha análise de necesidades, circunstancias que rodean á persoa e detectamos cal é a situación sociofamiliar e que deixa fóra (pode ser coidador/a dunha persoa maior ou dunha ou varias crianzas, por exemplo). Todo isto debe poñerse en relación co tipo de delito polo que ingresa en prisión. Ademais, tamén detectamos presencia de discapacidade, enfermidade mental ou drogodependencia activa. En base a esta entrevista infórmase sobre a separación interior, é dicir, cal sería o módulo mais adecuado as súas características.

En ocasións tendo en conta os datos que se recollen nesta entrevista débense realizar intervencións urxentes, con servizos especializados, ou incluso, decidir o grao de tratamento no que vai a cumprir a condena, decisión emprazada na Xunta de Tratamento.

Ao longo de todo o internamento realízanse intervencións dirixidas a modificar as carencias detectadas, (familiares, educativas, laborais, formativas, adiccións), e realizar as derivacións pertinentes aos recursos comunitarios, en permisos ou tras a excarceración.

¿Que é a Xunta de Tratamento?

Como Traballadoras Sociais formamos parte da Xunta de Tratamento, órgano colexiado que toma decisións moi complexas respecto ao xeito de cumprir condena dunha persoa. O noso traballo consiste en aportar unha valoración social ao equipo sobre a situación da persoa, e en base a esta información e a do resto dos membros do equipo tómase unha decisión en común, respecto da proposta favorable ou desfavorable dos permisos ou do grao no que se cumpre a condena.

O traballo en equipo é fundamental dentro de este órgano, traballamos man a man con outros/as profesionais, como son xuristas, educadoras/es ou psicólogas/os.

Requisitos esenciais para o Traballo Social penitenciario:

Á ética ocupa un espazo esencial. Sen embargo, debemos diferenciar ética profesional da nosa moral, xa que non debe interceder nas nosas decisións — as veces moi complexas— supoñendo verdadeiros dilemas éticos.

Debemos ter claros os principios do Traballo Social. Debemos cumprir o  principio de empatía, entendido como esa capacidade de poñernos na situación da outra persoa, ser capaces de comprender as circunstancias que levan a unha persoa a un ingreso en prisión. É difícil cumprir co principio de autonomía, dado que traballamos nun medio que non permite moito marxe de decisión e autonomía para a persoa. Esta pode ser unha parte que coste máis de encaixar, dado que a capacidade de decisión é moito menor que noutros ámbitos do Traballo Social.

Para as persoas que se presenten ás oposicións que están convocadas agora, é importante ter coñecementos previos de intervención social con diferentes colectivos como discapacidade,  maiores, crianzas, mulleres, adiccións, etc. Tamen é importante a formación en programas específicos de tratamento, xa que temos a sorte de poder intervir en diferentes programas de corte psicosocial. Un engadido, sería coñecer os modelos de intervención en Traballo Social, en concreto modelos como o cognitivo-conductual, máis enfocados a esa visión do Traballo Social terapéutico, así como coñecer e aplicar o Traballo Social con Grupos.

¿Que programas existen na actualidade dentro do centro penitenciario A Lama?

Tócanse todos os ámbitos de intervención que se traballarían en servizos sociais. O obxectivo principal é que as persoas que entran a cumprir condena saían mellor do que entraron, e que exista unha mellora que se reflexe na seu retorno á sociedade, para isto contamos con varios programas que describimos a continuación:

• Programa para agresores de violencia de xénero.

• Programa para agresores sexuais.

• Programa para persoas con discapacidade intelectual.

• Programa para persoas con problemas de saúde mental.

• Programa para persoas con problemas de conductas aditivas, programa de deshabituación do consumo de drogas.

• Programa “Ser Muller” para o empoderamento das mulleres, un traballo moi específico sobre vítimas de violencia de xénero.

• Programa de réxime pechado, para persoas que teñen conductas máis disxuntivas dentro da prisión.

• Programa de intervención con conductas violentas.

En todos estes programas traballamos en equipo e, en todos eles, temos un papel como Traballadoras Sociais e terapeutas. Preparamos ás persoas para que volvan á sociedade nas mellores condicións, sendo esta parte do noso traballo fundamental e enriquecedora.

¿Algunha reivindicación?

Temos un traballo moi bonito pero descoñecido. Ademais, dende a perspectiva do Traballo Social pensamos que os centros penitenciarios están moi afastados da comunidade, dificultando o coñecemento do medio (familiar social, laboral…) ao que vai a retornar a persoa que cumpre a pena privativa de liberdade  e tamén o afastamento da persoa penada dos recursos normalizados.

Na actualidade a tendencia e o cumprimento das penas na comunidade, sen desvincular á persoa do medio, con penas alternativas ao ingreso en prisión como son a participación en programas específicos en relación co delito e con traballos en beneficio da comunidade, sendo preciso incrementar a presencia do Traballo Social neste ámbito.