O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ColexiaciónGrupos de Traballo

Golpeamos á loba ata que roe para poder dicir que é mala

Por Ana Belén Iglesias Rodríguez, integrante de “As  Sementeiras”, grupo de traballo social e feminismos do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia COTSG que botou a andar fai dous anos porque “facer equipo empodera e facilita a saúde mental”.

Que a igualdade se constrúe dende a educación é seguramente unha premisa que todos/as defendemos. Recén  comezado o curso, a miña sobriña maior precisaba unha axenda escolar. Arhane queríaa en galego e a súa orgullosa tía dispúxose a conseguirlle unha que incluira tamén contidos de igualdade. Logo de preguntar nunhas dez librarías da cidade polo artigo comprobei abraiada que algo que debía ser relativamente doado de atopar, necesario ademais, cando afirmamos que a construción da igualdade pasa polo ensino, non existía.

Estudos recentes mostran estereotipos de xénero e roles sexistas que a mocidade vivencia ao longo de todo o seu proceso educativo, así como a falta de percepción que a mocidade ten sobre a existencia de violencia de xénero entre os seus iguais. O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial indica un aumento do 48% dos menores enxuizados por Violencia de Xénero. Unha ampla porcentaxe de adolescentes teñen unha orde de proteción en vigor ou medidas cautelares tras denunciar ás súas parellas ou exparellas.

Datos coma estes poñen de manifesto a necesidade do tratamento e traballo da perpectiva de igualdade na educación dende as idades temperás posto que, a consolidación dos estereotipos de xénero e actitudes sexistas atopan nas escolas un espazo ideal onde reproducirse e tamén onde erradicarse se se dan as condicións idóneas. É básico que dende as distintas Administracións exista implicación para favorecer o seu tratamento e así erradicar os estereotipos de xénero entre o alumnado; promover masculinidades igualitarias; apoderar ás rapazas; educar en igualdade ao alumnado; previr a violencia de xénero e favorecer entre eles estratexias de resolución de conflitos e de cooperación.

O 60% das mulleres que son nais vense obrigadas a renunciar á súa carreira profesional por falta de medidas de conciliación reais. Unha axuda económica mínima non é unha medida que dea resposta á problemática de conciliación das mulleres que continúan véndose na obriga a renunciar a algunha das facetas da súa vida por ser nais, coidadoras e traballadoras.

A sociedade actual necesita profundizar para dar unha solución á crise dos coidados xa que ningunha economía pode sosterse sen as mulleres que coidan, que limpan ou que crían, mulleres que asumen os traballos máis precarios para que as familias e a base da pirámide non se destrúan.

As mulleres somos as principais vítimas dun sistema histórico patriarcal que seguimos mantendo co paso do tempo porque iso “é o normal” pero esa normalidade provoca dores, silencios e ausencias dificilmente recuperables que afectan ás mulleres que renuncian ás maternidades ou ao acceso a traballos acordes ás súas expectativas profesionais  por chegar a un ou outro camiño.

O patriarcado no seu sentido literal significa “o goberno do pai”, é un termo usado historicamente para designar un tipo de organización social na que a autoridade a exerce un varón, xefe da familia, dono do patrimonio do que a esposa fillos e bens formaban parte. Gerda Lerner (1986) defíneo como “a manifestación e institucionalización do dominio masculino sobre as mulleres e nenos/as da familia e a ampliación dese dominio na sociedade en xeral”

O feminismo é un movemento político social que postula o principio de igualdade de dereito da muller e do home.

O patriarcado para moitas persoas de sexo masculino non existe  pero esa non é a realidade, o patriarcado está instaurado na vida cotiá. É cando es a nena da familia e tes que servir a mesa e facer as camas mentres que do teu irmán nin se agarda que o faga. Cando nunha reunión de traballo o teu compañeiro espera a que lle sirvas o café. É cando che din que tes moita sorte porque o teu marido che “axuda” na casa. É ir a unha entrevista de traballo e que unha das preguntas sexa se tes fillos ou se tes previsto telos e cando. Cando es muller e che preguntan que idade tes, cando vas casar e cando o fas, cando vas ter fillos/as porque o teu reloxo biolóxico non para de avanzar. O patriarcado é cando estás nunha festa bailando e de repente notas unhas mans no teu traseiro ou cando marchas dela e ao pasar por unha céntrica rúa escura botas man do spray de pementa que levas no bolso ao tempo que se che pon un nó na gorxa ata chegar ao coche, mentres pensas que ao arquitecto municipal non se lle ocorreu incluír a perspectiva de xénero no proxecto de iluminación das rúas do barrio. Ter que depilarte cada dez días porque senón es unha porca ou ter que vestirte “acorde á túa idade e xénero”. Falar coma unha muller. Comportarte coma unha muller. Ser vítima de acoso, abuso ou violación e logo ter que escoitar como a sociedade te cuestiona por onde estabas a esa hora ou como vestías cando, NON MULLER, a culpa non era túa. Ter que mostrarte delicada e ben falada só polo feito de ser muller cando ti sabes que es igual de bruta có teu compañeiro ao que lle rin as mesmas verbas porque “el é así”…

“Detrás de grandes homes sempre houbo grandes mulleres” pero as mulleres non queremos estar detrás, queremos estar a carón acompañando e sentíndonos acompañadas, chegando tamén, canda vós, aos postos de elite que ansiabamos cando comezamos xuntos ,e con tanto esforzo, a estudiar aquela carreira de 5 anos, pero para iso precisamos cambios reais na sociedade civil e política, precisamos que parte da sociedade deixe de ver o feminismo como un movemento radical e negativo que divide, pois non é esa a súa finalidade.

Precisamos traballar en conxunto, mulleres e homes, pois o patriarcado resta tamén aos homes capacidade de empatía e de crecemento persoal en certas habilidades sociais ou emocionais nas áreas de creación da vida de parella ou parental. Os homes continúan tendo que manter socialmente roles de poder, fortaleza e agresividade defensiva, sen poder permitirse mostrar a sensibilidade, a tenrura, ou o desfrute dos sentimentos, e incluso a mostra en privado da debilidade. Continuamos criando homes cómodos con escasas habilidades na área do desenvolvemento cotiá: homes dependentes de terceiras persoas para alimentarse (cociñar) e levar unha organización e limpeza do seu espazo vital (o fogar). Homes que non son educados para ter habilidades no área de dar coidados a membros do seu clan e/ou familia, xa que os coidados continúan adscritos ao sexo feminino. Homes polo tanto “mutilados” no seu proceso de crecemento, formación  e proceso vital.

Precisamos medidas de conciliación reais e efectivas e políticos/as implicados/as, necesitamos pórlle valor aos traballos dos coidados, públicos e privados. 

É tempo de deixar de facer concentracións ás 8 da tarde porque mataron a outra muller polo feito de selo, concentracións que quedan xa baleiras de contido porque é o “normal “que se agarda dese día.

Demandamos que a xustiza sexa máis áxil e eficaz, máis persoal profesional formado especificamente en violencia de xénero que poida realizar seguementos e acompañamentos  ás vítimas. Rompamos con esas normalidades e potenciemos redes e medidas eficaces para saír do bucle patriarcal imposto pola sociedade historicamente construíndo entre todos/as a igualdade que manifestamos ter, pero que distamos ben de acadar.