O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

O Traballo Social e os coidados no medio rural

Mar Iglesia é unha compañeira con un amplo recorrido profesional. Traballou na cruz vermella, no SAF a nivel privado e dende hai 15 anos na Mancomunade de Municipios da Terra Chá. Dentro desta esta, no concello da Pastoriza, que ten unha poboación de 3.000 habitantes, e unha densidade de 18.35 hab/km2. Un concello do rural galego. Aproveitando que celebramos o día 5 de novembro o día internacional da coidadora e coidador, queriamos coñecer de primeira man cal é a realidade do Traballo Social e dos coidados no medio rural de Galicia.

Sería preciso pensar en formas asociadas ou/e mancomunadas de prestar os mesmos servizos e coa mesma calidade que en contornos urbanos, xa que as persoas usuarias teñen o mesmo dereito a recibir servizos independentemente de onde vivan. 

  1.  Ola Mar, cales son os factores que están influíndo na peculiaridade da prestación de coidados no medio rural?

O rural na Galicia  caracterízase polo despoboamento, a baixa natalidade e unha gran dispersión  xeográfica, cunha poboación moi envellecida e consecuentemente con dependencia e necesidade de coidados.

A nivel económico hai que ter en conta que no rural a actividade principal é, e foi, a agro-gandeira, polo que a maior parte das persoas cotizou de xeito precario no réxime agrario da seguridade social e cobran  pensións mínimas. Outra parte non acadou o dereito a pensións contributivas e subsiste con PNC. O déficit de recursos económicos  agrava as situacións de dependencia e/ou enfermidade e a cultura do aforro non é suficiente para compensar a escaseza de rendas. Non podemos esquecer o  sobre custe en desprazamentos que soportan os habitantes do rural. Estamos a falar, pois, de persoas que unha vez que chegan á xubilación están no limiar da pobreza e, aínda que non se reflicta nas estatísticas, son persoas que pasan moitas dificultades para afrontar os gastos cotiás, deixándoas nunha situación de  precariedade económica.

A falta de recursos/servizos no rural é evidente. Pero  non só os sanitarios/educativos/ servizos sociais, xa que nos últimos anos estamos vivindo un abandono continuo por parte das políticas públicas  que a afecta a servizos de outros sectores como comercio, ocio e tempo libre e a oferta cultural.

Tamén hai dificultades para acceder a unha vivenda digna, pois aínda que hai unha bolsa de vivendas baleiras, moitas delas non reúnen as mínimas condicións de habitabilidade, ou non están adaptadas para as dificultades de mobilidade propias das persoas maiores, provocándolles mais dependencia da axuda externa.  Todo isto agrava, o importante déficit de persoal para atender as necesidades de coidados.

            2. Estes factores fan que a atención teña unhas características propias? Podemos falar dunha especialidade de servizos no medio rural?

O programa de Información, Orientación e Valoración e os programas básicos de servizos sociais son similares con independencia de onde se presten, pero claramente a maneira de desenvolver o traballo ten unhas características propias e muda dunha contorna rural a un/unha contorna urbana. O acceso aos recursos non é o mesmo, as persoas ás que atendemos  teñen unhas características culturais diferentes e un xeito de vida distinto que é preciso coñecer e respectar para poder intervir no rural.

Traballar para unha poboación máis envellecida e con maior dependencia,  implica  a necesidade de realizar un elevado número  solicitudes e trámites relacionados coa  dependencia e a discapacidade.

Os servizos máis demandados no rural   son SAF e  libranzas vinculadas a coidados no entorno familiar. Actualmente observase un lixeiro aumento na demanda de prazas en centros de día. A residencia sempre é o último recurso, pois existe un rexeitamento case unánime ao ingreso neste tipo de centros, seguramente debido a unha cultura máis tradicional e apegada á terra nativa.

No medio rural culturalmente existe un estigma maior cara as enfermidades mentais, que nunha alta porcentaxe están asociadas a consumos de alcohol e drogas. Son problemáticas complexas que afectan á persoa que as sofre e supoñen unha importante sobrecarga física e psicolóxica para a familia. Cando a persoa enferma carece de rede de apoio familiar o mais habitual é que provoquen a exclusión social, que a súa vez potencia a enfermidade. Todo agravado pola inexistencia de  servizos públicos, do terceiro sector ou  privados que interveñan neste entorno. O alcoholismo encuberto e normalizado é outra problemática para a que non existe ningunha reposta especializada no rural. Hai que contemplar a  especial vulnerabilidade destas persoas para futuras planificacións, valorar servizos de sensibilización, prevención e  tratamento itinerantes para estas patoloxías que aborden tanto a parte social como a sanitaria, tratando a persoa no seu medio.

Nos últimos anos a poboación inmigrante no rural está nun progresivo aumento provocado pola oferta de traballos no sector agro-gandeiro que non son cubertos polos traballadores locais. Isto implica a necesidade de traballar na inserción social e laboral na comunidade de acollida e no apoio de trámites en relación coa regularización da situación administrativa.

O programa de educación familiar non existe en todos os concellos, ou noutros é un servizo compartido entre varios ou cunha temporalidade suxeita á subvención, o que non garante unha atención continuada ás familias.

A crise económica do sector primario esta pechando, ou deixando sen rendibilidade, a moitas explotacións. A consecuencia directa é o empobrecemento e o fracaso do proxecto vital de propietarios e propietarias, situándoos nun escenario de carencia de expectativas económicas, sociais e persoais. Son procesos que conducen a exclusión social, sen que identifiquen ós servizos sociais como o recurso idóneo para atender as súas necesidades.

En canto á xente nova, observamos unha resistencia a acudir ós servizos sociais  debido á cultura tradicional do medio rural que identifica ós servizos sociais coa poboación excluída. Non se entende o papel de información e asesoramento, nin a función de prevención, polo que os problemas acaban cronificando e distorsionando gravemente a vida de moitos mozos e mozas.

Por esta razón sería preciso implantar e reforzar equipos de intervención social nos  servizos sociais comunitarios para traballar coas persoas dende a infancia, nos colexios e en todos os ámbitos para modificar a  súa imaxe. É necesario situalo como un recurso dirixido a toda a poboación coa función de facilitarlles ás persoa ferramentas e recursos para o empoderamento.

As equipas teñen poucas figuras profesionais, e na maior parte están  formadas por unha/un Traballadora Social e unha/un Educadora familiar. A falta de outros profesionais fai que fraquee o traballo con perspectiva interdisciplinaria. Comparto con moitas/os compañeiras/os a denominada “soidade da/o traballadora social” que implica que somos os e as destinatarias de  demandas que debemos atender aínda que non sexan do noso campo de intervención.

Como factor positivo as/os traballadoras sociais  do rural temos unha maior proximidade ás persoas que atendemos e coas que intervimos.

3. Que programas son os máis afectados?

Os concellos de menos de 5.000 habitantes carecen de capacidade de resposta a moitas problemáticas sociais, xa que non dispoñen de medios nin de persoal suficiente para realizar o estudo das necesidades sociais da súa poboación. Neste concello a equipa está formada por unha traballadora social a xornada completa e unha educadora familiar a media xornada. A nosa dinámica caracterizase  pola presión asistencial que moitas veces determina a necesidade de traballar a demanda, atendendo prioritariamente ás problemáticas de certos colectivos, debendo realizar a vez traballo técnico e administrativo, así como pola coordinación con servizos dispoñibles para dar resposta a todas as problemáticas que se presentan, tanto no ámbito da dependencia, xuventude, muller, infancia e poboación inmigrante. Ademais de dispor de escasos recursos e servizos, non podemos facer unha planificación axeitada da  intervención, nin realizar un traballo de prevención, de sensibilización, de educación e de información  dirixido a toda a poboación.

Finalmente, cómpre facer referencia á necesidade de coordinación dos servizos sociais con saúde, xustiza, educación e forzas de seguridade. Por experiencia podemos afirmar que non se están a cumprir os diferentes protocolos, non existe unha coordinación real,  efectiva e necesaria para dar un servizo óptimo ao cidadán, evitar duplicidades, e poder atender as persoas con maior eficacia, eficiencia e rapidez.

Sería preciso pensar en formas asociadas ou/e mancomunadas de prestar a atención social coa mesma calidade que en contornos urbanos, xa que as persoas usuarias teñen o mesmo dereito a recibir servizos independentemente de onde vivan. 

4. Que adaptacións habería que facer para adecuar os coidados ao medio ou, dito doutro xeito, que cambios propoñerías ti para mellorar a prestación de coidados no medio rural?

Sería precisa unha transformación social a todos os niveis, os cambios deberían ser globais no deseño de políticas,  investir no rural e dotalo de servizos para frear o despoboamento e favorecer o retorno e asentamento de novos moradores. En canto á prestación de coidados débese facer atractivo mellorando o conxunto das condicións laborais, non so as económicas. É necesario dignificar os coidados poñendo en valor o traballo de todas as persoas que traballamos neste sector, comezando polo máis xeral e indo cara ao máis especializado. 

Faise necesaria a creación de centros polivalentes no rural que deran servizo a toda a poboación, que as persoas os identifiquen como parte da comunidade.

5. Tradicionalmente a soidade era un sentimento das persoas das cidades, mentres que no rural dábase por suposto a existencia de redes familiares e veciñais que protexían contra ela. Segue a ser así?

A soidade no rural ten unha dobre vertente, por un lado consérvanse aínda as redes de apoio da familia e veciñanza e por outra banda debido á dispersión xeográfica é moi complicado manter o contacto. Os bares ou tabernas, que funcionaron como punto de reunión, están pechando, e ao perderse a tradición de realizar os traballos comunais nos que a veciñanza se axudaba mutuamente tamén se perdeu esa forma de relacionarse. Cada vez a xente é máis individualista e vive de portas para dentro.

Actualmente as redes familiares e veciñais non son tan sólidas como o foron hai uns  anos, no noso traballo diario case todas as persoas usuarias nos manifestan que xa non existen veciños/as como antes, e o tipo de relacións non é o mesmo. Hai moitas  casas baleiras ou cunha soa persoa cando antes vivían ata tres xeracións na mesma vivenda. Non podemos contar cos apoios informais da veciñanza, xa que agora son máis febles. 

É moi importante o labor que fan os subminístros a domicilio: alimentación, panadeiros/as, taxis e carteiros/as que aínda seguen traballando porta a porta. Dende os servizos sociais tamén intentamos que o Servizo de Axuda no Fogar, Xantar na Casa, contribúan a manter as redes veciñais e familiares.  

A soidade é un problema ao que debemos dar resposta dende o Traballo Social fomentando as redes de apoio informal que aínda persisten,  promovendo o asociacionismo e as actividades veciñais e interxeracionais que axudan a reforzar a comunidade e combater a soidade e crean vínculos.

6. A dependencia do transporte individual na sociedade actual é total para cubrir as necesidades básicas vitais. Nos contornos rurais é fundamental. A imposibilidade de conducir, por múltiples causas, impide a residencia no rural?

A dispersión xeográfica é un agravante tanto para a prestación de servizos no domicilio como para trasladarse para a realización de trámites, traballo, saúde, compras e ocio. A rede de transporte público non cubre as necesidades reais da poboación, xa que adoita ser escaso e pouco operativo, algo que afecta tanto a maiores como a menores, inmigrantes e maioritariamente ao sector feminino. Os problemas de transporte no rural provoca illamento social e dificultan a integración social a todos os niveis.

As persoas maiores que non conducen ou deixan de usar o coche por perda de aptitudes precisan de apoio de familiares e/ou dun taxi para todos os desprazamentos, limitando o seu uso ao necesario e urxente. A dispoñibilidade dos taxis é escasa e non poden atender toda a demanda, supoñendo un gasto moi importante para as persoas maiores que na súa maioría depende de ingresos  dunha pensión reducida.

As persoas inmigrantes que están traballando no sector primario ou no de coidados que non dispoñen de carné ou vehículo teñen moitas dificultades para acudir ao seu traballo e para facer calquera outra actividade que implique desprazamentos: compra, médico, colexio, ocio…. E no caso de que teñan coche é común que so conduza o home, polo que as mulleres carecen de autonomía de movementos, feito que implica illamento e soidade e menor posibilidade de integración. Velaí que prefiran vivir en núcleos urbanos.

As rapazas e os rapaces unha vez que rematan a ensinanza obrigatoria para continuar os seus estudos deben desprazarse a outros concellos ou a Lugo, para o que é necesario contar con medios de transporte privados que implican un gasto elevado para as familias.

Neste senso sería necesario contemplar e planificar medidas que axuden a solucionar este problema que provoca a exclusión tanto de xoves como de persoas maiores, planificando unha rede de transporte non baseada exclusivamente en criterios económicos e axudas para a obtención do carné de conducir para xoves e mulleres do medio rural.

7. En zonas de Galicia o traballo nas granxas do rural está sendo realizado por persoas inmigrantes, nalgún caso familias con menores que se asentan nun territorio e nunha sociedade que lles é estraña. Sucede isto no teu concello, e se é así, hai algunha medida para promover a integración social destas persoas?

No noso concelloa pesar de ser  pequeno, termos un importante sector agro-gandeiro co maior número de censo de  vacas de Galicia e con explotacións grandes que precisan de traballadores/as polo que nos últimos anos incrementouse a poboación inmigrante procedente doutros países, principalmente Marrocos, pero tamén Colombia, Romanía, Senegal e outros.

Dende os servizos sociais comunitarios prestamos información sobre trámites e procedementos de estranxeiría, protección internacional e elaboramos informes de solicitude de residencia por arraigo e informes de vivenda para o reagrupamento familiar e cantos outros sexan solicitados.

Tamén ofrecemos apoio e acompañamento para o acceso á sanidade pública, á educación dos menores e calquera outros que impliquen a integración na nosa comunidade.

8. Cal pensas que vai a ser a evolución a medio prazo da poboación e dos coidados que van requirir?

Queremos un sistema público que sirva para loitar pola xustiza social e os dereitos humanos, libre de cores políticas e que teña programas e servizos con dotación económica suficiente e con continuidade.

O futuro dos servizos sociais preocupa a moitas/os compañeiros/as e a outros profesionais que traballamos nos servizos sociais comunitarios do rural. É preciso un cambio nas políticas sociais, hai que mudar o modelo actual de servizos sociais e camiñar cara a un modelo centrado na persoa e o envellecemento activo. Residencias que xa deberiamos comezar a mudar por vivendas compartidas e centros de día asentados no rural, preto da persoa usuaria, con servizos compartidos.

En referencia ao Servizo de Axuda no Fogar,  servizo moi valorado polas persoas usuarias e as súas familias, é necesario e urxente  facer unha revisión completa e un novo deseño, xa que nos atopamos con moitas dificultades para prestalo. A falta de persoal con formación axeitada, dotación económica insuficiente, lexislación que non responde á realidade actual,  inexistencia de protocolos homoxéneos para dar resposta ás múltiples problemáticas derivadas da  súa prestación, son algúns dos problemas que hai que resolver.

A Xunta de Galicia debería ter en conta as especificidades do medio rural á hora de planificar e financiar  este servizo, como a falta de persoal, mais acusada no rural, a maior porcentaxe de poboación dependente e a dispersión xeográfica que supón un incremento do tempo en desprazamento co conseguinte gasto en quilometraxe. Actualmente a responsabilidade recae nos concellos, e por extensión nas traballadoras/es sociais responsables do servizo.

9. A situación dos servizos sociais comunitarios básicos está sendo denunciada por compañeiras e compañeiros dende distintos concellos. Nos rurais tendes esta situación de sobrecarga de traballo e competencias?

Nos  servizos comunitarios do rural temos os mesmos programas e servizos que na zona urbana, pero debemos ter en conta, que  a dotación das equipas é moi escasa. Isto implica que a traballadora social debe atender a toda a poboación e intervir con todos os colectivos: dependencia, discapacidade, menores, familia, muller, inmigración e estar continuamente actualizada na normativa e novos recursos e procedementos así como no manexo de programas informáticos específicos para a tramitación de recursos. E en moitos casos solicitar e xustificar as correspondentes subvencións de servizos sociais, asumir a  responsabilidade de moitos programas/servizos: garderías, centros de dia, SAF e calquera outro programa que se leve a cabo no departamento de servizos sociais.

No caso de concellos con SAF de xestión directa a/o traballadora responsable do servizo ten que estar dispoñible para resolver incidencias as 24 horas / 365 días ao ano, porque así o establece a normativa como un dereito das persoas usuarias. Isto non é compatible cos dereitos recollidos na lexislación laboral.

Esta dinámica provoca unha desafección e desmotivación nas profesionais dos servizos sociais comunitarios. A pesar de ser un colectivo cunha gran vocación, moita profesionalidade, moito traballo e que levan moitos anos de dedicación, hai unha alta porcentaxe que esta de baixa ou esgotados física e psicoloxicamente.

Na maior parte dos concellos pequenos non existen RPT, nin convenios colectivos e a persoa á que lle tes que reclamar os dereitos e negociar as condicións laborais é o teu superior xerárquico, Concelleiro ou Alcalde. Non é estraño   que xurdan enfrontamentos, e  hai  compañeiras e compañeiros con condicións laborables inestables.

Realizamos  labores con exceso de burocracia e funcións que lles corresponderían a outros profesionais: psicólogas/os, avogadas/os, animadoras/es, educadoras/es, administrativas/os…..

Hai un profundo descoñecemento da nosa labor profesional por parte doutras institucións: escolas, sanidade, xulgado, garda civil e falta de coordinación, pois en moitos casos a coordinación é en intervencións puntuais e a demanda da Traballadora social.

As traballadoras e os traballadores sociais queremos solucionar problemas e non ser un mero instrumento das políticas actuais.