O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Uncategorized

O Modelo de Atención Centrada nas Persoas

Victoria  Abadia Calpena é traballadora social en exercicio libre da profesión dende 2018 e fundadora de Alicerce Social, gabinete de traballo social, peritaxe social e mediación familiar, situado en Pontevedra. Ademais conta con unha extensa traxectoria laboral  no ámbito da dependencia e das persoas maiores. Esta compañeira formada na Universitat d’ Alacant impartira neste outono un curso de formación no COTSG  sobre o Modelo de Atención Centrada nas Persoas, dende a óptica do Traballo Social. Para saber un pouco mais desta docencia e do modelo podedes seguir lendo.

A  ACP máis que un modelo é un cambio de paradigma que promove a calidade de vida das persoas partindo do pleno respecto a súa dignidade e  dereitos.

  • Ola Victoria,  explícanos que contido vai ter a formación que impartiras a partir de outubro sobre o Modelo de Atención Centrada nas Persoas?

A formación programouse como una introdución ó modelo de atención centrado na persoa, onde nunha primeira parte afondaremos nos referentes teóricos nos que enterra as súas raíces, así como os principios reitores que lo estruturan. Analizaremos as normativas internacionais que inclúen a ACP como novo paradigma lexislativo, e estudaremos a súa aplicación na normativa española.

Nunha segunda parte, moito mais práctica, revisaremos as características propias que este modelo ten nos diferentes ámbitos de aplicación e cales son as ferramentas que como traballadoras sociales podemos utilizar en na nosa actividade cotiá.

  • En que consiste este modelo ?

A  ACP máis que un modelo é un cambio de paradigma que promove a calidade de vida das persoas partindo do pleno respecto a súa dignidade e  dereitos. Poñendo o foco nos desexos, preferencias e intereses da persoa e contando coa súa participación activa lograremos preservar os principios nos que se asenta: autonomía, individualidade, independencia, integralidade, participación, inclusión social e continuidade na atención.

  • Como se aplica este modelo aos distintos ámbitos laborais do Traballo Social?

Partimos da base de que o traballo social é unha disciplina centrada en xerar cambios. As profesionais que a integramos temos a obriga de coñecer as necesidades das persoas coas que traballamos, entender a  súa realidade e adaptar  a nosa intervención á mesma. Polo           que a  nosa profesión  posicionase como un elemento esencial nesta transformación do modelo de coidados.

Existen tantos ámbitos de aplicación como podades imaxinar, pero por cuestións de espazo so imos ver  algúns deles. Ao longo do temario afondaremos en como aplicar a ACP con persoas en situación de discapacidade intelectual, exemplos como o Housing First para persoas sen fogar ou a ACP en servizos xerontolóxicos e en coidados de longa duración (incluíndo o servicio de axuda no fogar). Daremos unhas pinceladas sobre como utilizar o método de Validación de Naomi Feil con pácentes de Alzheimer e enfermidades relacionadas.

  • Que técnicas, métodos e estratexias é necesario mobilizar para darlle contido a este enfoque?

O paradigma do curso de vida constitúe un dos pilares para l desenrolo e  a práctica do modelo ACP. Coñecer ben á persoa para identificar as  súas necesidades, as súas preferencias e os seus desexos é indispensable para logo buscar e propoñer os apoios adecuados, e isto realizarémolo a través de instrumentos tales como a biografía ou a historia de vida.

No modelo ACP hai que dar un paso máis. Estas evacuacións deben estar acompañadas de unha mirada posta na capacidade, non temos de quedarnos na identificación de dificultades e limitacións, senón que hai que revisar as fortalezas que cada persoa ten ou pode desenvolver nas distintas situacións cotiás.

Veremos como desenvolver un plan de atención e vida e como organizar un grupo de apoio e consenso. Una ferramenta para que as persoas en situación de fraxilidade e as persoas  que están máis cerca de elas poidan implicarse e apoiar o  seu plan de atención e vida.

  • Que papel ten a familia e a comunidade neste enfoque?

A familia é protagonista esencial no modelo. Analizaranse tamén as claves que debemos poñer en práctica como profesionais do traballo social co  fin de promover relacións recíprocas, que fortalezan e promovan os recursos de persoas en situación de fraxilidade e das  súas familias.

En canto á comunidade, o modelo ACP propón que os centros e servizos se integren no entorno no que se sitúan, xerando un impacto social positivo no mesmo, veremos algúns exemplos.

  • Que experiencias hai en Galicia na aplicación desta metodoloxía?

A pandemia mostrounos que o modelo de coidados imperante non funcionaba, e dende entón  as normativas que se aproban en materia de dependencia e discapacidade inclúen criterios de acreditación de centros totalmente na dirección co  modelo ACP. Podemos dicir que o feito de que a súa aplicación se converta en unha obriga é unha boa nova e un gran avance.

Pero este modelo supón  unha modificación radical non so das instalacións, a organización e os protocolos de actuación dos centros, senón das condicións laborais do sector de coidados, e isto moi poucas veces se pon sobre a mesa.

Non se trata so de boas intencións, senón que require investir en formación, aumentar as ratios de persoal,  evitar a rotación, ofrecer unhas condicións laborais dignas e uns salarios decentes.

En definitiva, coidar ás persoas de xeito transversal, non so ás persoas usuarias, senón tamén ás traballadoras. E é aí, onde queda moito camiño por percorrer. As xerencias dos centros non so deben apostar pola ACP, senón incorporala no ADN das súas organizacións.

  • Ademais deste curso, quería preguntarche pola túa actividade dende o exercicio libre da profesión. Dimos en poucas palabras como valoras a túa experiencia en Alicerce social?

O exercicio  libre é un camiño complicado, pero está cheo de momentos satisfactorios. Alicerce Social apórtame liberdade, crecemento persoal e ganas de innovar constantemente. Fixo posible reencontrarme coa miña profesión e lembrar que foi o que me namorou de ela.