O Informe Social
Ana Vilar, Traballadora Social, integrante das Xuntas de Goberno do COTSG e do CGTS
Non se nos escapa que estamos nun momento de reflexión, de nova definición do noso modelo de servizos sociais, en particular, e dos sistemas de protección social, en xeral. Debemos lanzar unha mirada crítica e construtiva co ánimo de analizar a atención e a calidade das distintas disciplinas que interveñen no sistema e da figura profesional de referencia: o traballo social.
Por todos/as é coñecido que o exercicio profesional vinculado ao traballo social, sobre todo, no marco dos servizos sociais comunitarios, ocupouse coa realización duns cada vez máis inxentes labores de xestión, en detrimento da interacción e a intervención social, verdadeira esencia e patrimonio da nosa profesión, e provocando, non en poucas ocasións, a banalización do seu alcance e contido, así como a confrontación deontolóxica e con outros perfís profesionais atraídos ao ámbito da nosa actuación por unha transversalidade, necesaria, pero non sempre ben entendida nin delimitada.
Unha das cuestións que máis pon en evidencia esta confrontación é a, cada vez máis frecuente, perversa instrumentalización, automatismo, abuso e banalización que vén observando sobre un dos elementos esenciais de valoración e de xuízo profesional co que contamos, o informe social.
O informe social revélase como parte fundamental da nosa práctica profesional emitido tras a análise, valoración, validación e xuízo da información e interpretación que obtivemos a través das distintas ferramentas das que dispomos. De tal sorte que nel pomos de manifesto a nosa traxectoria, damos visibilidade ao noso criterio e exercicio profesional, reconstruíndo os feitos que se nos presentan e concluíndo con procesos diagnósticos de intervención social e proposición de accións con base nun procedemento metodolóxico e a experiencia acumulada. Non estamos ante ferramentas abstractas e de carácter puramente administrativo. Estamos ante unha ferramenta regulada, concreta e vinculada a unha profesión, o traballo social e un profesional de referencia, o/a traballadora social.
O código deontolóxico do Consello Xeral de Traballo Social (2012) defíneo como “Un ditame técnico que serve de instrumento documental que elabora e firma con carácter exclusivo o profesional do traballo social e o seu contido deriva dun estudo, observación, valoración profesional e proposta de intervención”.
Non é obxecto destas liñas entrar na análise do que é un informe social, pero si deternos nunha reflexión sobre o seu uso e alcance, así como do abuso e desnaturalización ao que foi sometido nos últimos anos.
O informe social non é unha ferramenta abstracta que poida ser utilizada por calquera disciplina do ámbito do social. O informe social responde e ofrécese como froito dun proceso metodolóxico e dun coñecemento técnico científico da profesión de traballo social. A súa emisión xera sempre moitas e distintas expectativas, tanto para o usuario/a, o profesional e para as distintas administracións e entidades que o solicitan. Con todo, non debemos emitir informe social para todo. Non todo é informe social. Non o é nin un certificado,nin unha dilixencia, nin un manifesto, nin un “cumpre requisitos para…”.
É moi habitual que se solicite un informe social para case todo. Que a súa utilización se produza como cláusula de salvagarda de moitas institucións ,ou outros sistemas de protección social para a concesión dunha determinada subvención, bolsa, axuda, subsidio ou prestación, ou para encasillar, sen perspectiva de actuación e mellora, a determinados usuarios/as nun perfil de dependencia, á que se pretende, e non poucas veces logra, responsabilizar á figura do traballador/a social.
Estamos nun momento no que a súa finalidade se viu nesgada e relegada a un segundo plano por esta mala praxe, configurándose como un requisito previo, formal e automático vinculado a un proceso administrativo que conceda o acceso a servizos e programas no que se antolla prioritario, en primeiro lugar, “etiquetar aos excluídos, aos vulnerables” o máis axiña posible e, en segundo lugar, que, baixo a responsabilidade do traballador/a social, se asine unha declaración de cumprimento de requisitos. Todo iso non sen antes dedicar unha gran cantidade de tempo a analizar unha gran e variada documentación, cada vez máis complexa, cuxo estudo e valoración requiriría o apoio doutros profesionais distintos e máis especializados, afastándonos do verdadeiro obxecto do informe social e o exercicio da nosa acción profesional. Cada vez estamos a dedicar máis tempo a pedir documentación, interpretala e emitir informes que a mirarlle á cara ás persoas, a interactuar con elas, a ser o seu verdadeiro referente profesional e acompañalos no proceso de cambio.
Caemos nunha dinámica profesional que reforza unha praxe que lembra á que levaba a cabo en etapas anteriores benéficos-asistenciais que se caracterizaban por dirixirse ao profesional do traballo social co único interese de que describa as condicións económicas do usuario/a sen entrar nunha análise profunda no que se inclúan outras variables sociais, familiares, comunitarias e no proceso vivo de relación profesional que xurda como consecuencia diso. O traballador/a social debe ter liberdade, e é noso deber defendelo, para emitir un informe social, realizar a valoración que considere adecuada coas condicións e metodoloxía necesarias para facelo, e sempre tendo presente, como principios reitores para o seu deseño e execución, a ética e deontoloxía profesional.
O informe social, en definitiva, é un dos documentos técnicos que máis nos identifican e que por rigorosidade metodolóxica e técnico- científica definen e, así debe seguir sendo, a nosa praxe profesional. A súa dignificación debe ser unha cuestión de primeira orde que todos/as estamos obrigados a defender, afastándonos dunha mala praxe abusiva e irreflexiva que nos levou a distorsionar o seu obxecto e, polo tanto, o noso labor profesional.