O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Exercicio LibreUncategorized

O exercicio libre do Traballo Social

Silvia Pereira, traballadora social, coordinadora do grupo do COTSG sobre exercicio libre da profesión, é unha profesional con 23 anos de experiencia, os dous últimos neste ámbito laboral. Falamos con ela  para coñecer máis e mellor o campo de traballo, a metodoloxía e as vías de actividade.

  • Silvia, que te levou a buscar o teu emprego no exercicio libre do Traballo Social?

Era unha idea que xa me rondaba na cabeza nos últimos anos, sobre todo despois de coñecer as experiencias doutras compañeiras de profesión e vivir unha longa etapa de “desencanto” laboral. Pero tiña medo a dar o paso, ter cargas familiares pesaba moito. Despois da pandemia, e de diversos acontecementos profesionais e persoais, tomei a decisión. E non puido ser máis acertada.

  • Dende cando exercer esta actividade e que traballos desempeñas ?

Son profesional autónoma dende o ano 2022. Dedícome a consultaría social, tanto a particulares, como a empresas e outras entidades. Tamén exerzo como perito social para os xulgados, como reforzo dos equipo do IMELGA, e de xeito privado.

  • Que experiencias profesionais tiñas antes?

Fixen un ano de Prácticas de Posgrao nos servicios sociais municipais da miña localidade ao finalizar a carreira, compaxinado cun emprego a media xornada nunha empresa privada a través do “Cheque Asistencial” da Xunta de Galicia. De aí pasei a coordinar o Servicio Municipal de Axuda no fogar (e máis tarde o SAAD) no meu Concello dende as diversas empresas adxudicatarias . No ano 2013, comecei a dirixir un Centro de Atención Diúrna da Xunta de Galicia, tamén de xestión externa, onde estiven ata o inicio do meu emprendemento.

  • O máis importante cando falamos de traballo é a rendibilidade económica da actividade. Tes uns ingresos anuais dignos?

Totalmente, inda que non os tiven dende o momento inicial. Pódese vivir perfectamente dende o Exercicio Libre.

  • Que formación especifica entendes como necesaria para esta ocupación?

Sexa traballar pola túa conta ou allea, a nosa profesión require dunha formación contínua. Ao longo destes 23 años, nunca deixei de formarme, xa sexan cursos con maior ou menor número de horas, e en diversidade de materias. E sigo!

  • Que nichos de actividade pouco explotados hai no exercicio libre?

Moitos! Incluír o Traballo Social en calquera ámbito depende da túa creatividade.

  • Utilizas unha metodoloxía propia neste campo de traballo?

Traballo dende o modelo de Atención Centrada na Persoa.

  • Que é o que mais che gusta deste traballo?

Sobre todo, a independencia e a facilidade de conciliación. Tamén o reto que supón por a traballar a creatividade a diario.

  • Crees que o exercicio libre do Traballo Social é coñecido e comprendido dentro da profesión en xeral?

Non, e en Galicia, menos. Temos que eliminar a crenza de que so traballamos con colectivos desfavorecidos e baixos recursos económicos . Calquera persoa pode ter un problema social, con independencia da súa capacidade económica.

Tamén é importante equiparar a nosa labor coa de calquera empregada pública. Partimos da mesma formación, e ambas cobramos por elo.

  • Como animarías aos novos colexiados e colexiadas a que exploren as posibilidades laborais do exercicio libre?

O primeiro, dicirlles que a nosa labor non se limita a Administración Pública ou o traballo en entidades do Terceiro Sector. Que poñan a proba a súa creatividade e xurdirán milleiros de ideas a desenvolver por conta propia no Traballo Social. Que busquen e consulten a variedade de iniciativas xa existentes en Galicia e no resto de España. E, sobre todo, que teñan moi presente o noso código deontolóxico no seu día a día.

  • Como funciona o grupo de traballo colexial no exercicio libre, cantos sodes e cales son as condicións para formar parte del?

Neste intre somos oito participantes. O funcionamento e as condicións para formar parte son basicamente as mesmas que para o resto dos grupos, ter interese neste tema.( https://traballosocial.gal/wp-content/uploads/2021/08/Regulamento-Grupos-Traballo-Xuno-2020.pdf) Facemos reunións mensuais nas que traballamos a través duns obxectivos comúns, que son, entre outros: facer visible o exercicio libre da nosa profesión, informar do noso cometido en certos ámbitos, facer rede e acompañar aos novos emprendedores… Propoñemos e levamos a cabo para elo distintas tarefas.

  • Por ultimo, sei que estas a traballar nunha proposta de Traballo social na empresa privada, que podes contarnos disto?

“Xen Social” é un proxecto no que estamos a traballar dende fai máis dun ano e que, pouco a pouco, e tras unha ardua e continua labor, comeza a dar froitos. Estamos a recuperar a figura das traballadoras sociais de empresa, precursoras na nosa profesión, engadindo a innovación a través das novas tecnoloxías e o análise de datos.