Non é cidade para pobres
Autor: Pablo Antelo, nº colexiado 2913
“Alúgase vivenda. Tres dormitorios, salón, cociña e baño. Quinto piso sen ascensor, sen calefacción e sen amoblar. Zona pouco céntrica. 520€ ao mes. Solicítase aval bancario, tres meses de fianza e seguro de impagos”. Faltou engadir unha análise de sangue, outra de ouriños e unhas medidas 90-60-90. O que pode soar a broma, é a realidade na que se move a día de hoxe o mercado inmobiliario galego.
Pisos en mal estado, que carecen de equipamentos básicos e situados en barrios da cidade humildes, móvense hoxe nuns prezos e nunhas condicións de entrada xa totalmente inaccesibles para un importante sector da poboación cuxo único delito é non ter un emprego digno que lle permita dispoñer duns ingresos estables e suficientes para poder subsistir e manter un domicilio. Xente que durante as últimas décadas asumiu que non podía ter acceso a unha vivenda digna debido á súa situación económica, observa abraiada como a día de hoxe directamente xa non poden acceder a ningunha vivenda, sexa digna ou non. E non falamos só de persoas que cobran rendas de inserción, falamos tamén de familias con empregos precarios que as sucesivas reformas laborais foron creando. Falamos dun matrimonio cuxo salario dos dous membros supera lixeiramente os 800 euros ou dun home xubilado que ve como coa súa pensión de 600 euros xa ninguén lle quere alugar un piso. E tanto ten que desde os Servizos Sociais municipais se lles apoie no pago da fianza. Tanto ten, incluso, que poidan percibir o Bono Social de 200€/mes de alugueiro. Todo isto é insuficiente para un mercado inmobiliario cuxos prezos son desorbitados e cuxas condicións son totalmente inalcanzables para moitas familias.
Tanto ten chamar a diario a todos os anuncios que se publican nos portais de internet e tanto ten contactar todos os días coas axencias inmobiliarias: ou aceptas o que o “mercado libre” ofrece, ou a túa alternativa é a rúa ou un albergue. É un problema gravísimo, de absoluta emerxencia social, pero que non ocupa portadas nos medios de comunicación. Mentres nos entreteñen co que acontece en Cataluña ou Venezuela, unha importante parte da cidadanía ve como o artigo 47 da Constitución Española non está redactado para eles. De continuar así, as cidades só quedarán para traballadores con salarios altos e para turistas.
E é por iso que non se comprende que de maneira urxente as persoas que nos gobernan non tomen medidas ao respecto. E non serve continuar con parches: hai que regular dunha maneira máis favorable para a gran maioría social un mercado que non se pode deixar en mans da especulación nin unicamente da iniciativa privada. De nada serven as axudas se os prezos continúan subindo e se non se lle pon freo aos requisitos de acceso que se están solicitando. De nada serve poder suspender un desafiuzamento se non hai alternativas para poder acceder a outra vivenda.
Hai quen di que é un tolemia regular os prezos do alugueiro, pero a verdadeira tolemia está en que centos de familias queden excluídas do dereito a ter un teito digno no que vivir. Parece absurdo ter que explicalo, pero as vivendas son inmobles cuxa finalidade é que vivan familias nelas. Non son produtos financeiros para a especulación nin son tampouco establecementos hoteleiros.
Urxe poñer límites á escalada de prezos e urxe regular de maneira máis exhaustiva os alugueiros vacacionais (porque evidentemente un propietario se pode sacar nunha semana alugando a un turista o mesmo que alugando durante un mes a unha familia, vaise decantar pola primeira opción).
E por suposto, urxe tamén que a Administración protexa aos propietarios ante un posible impago para evitar que se soliciten unhas condicións de acceso tan desorbitadas. Se previamente se regula o mercado dunha maneira máis próxima á situación real da cidadanía, pódense establecer tamén medidas e recursos destinados á protección ante a existencia dunha falta de pago. Pero pretender arranxar o problema do alugueiro “dopándoo” con axudas para pagar prezos e condicións que xa de entrada non son admisibles só se consegue engordar e agudizar máis a situación. Se somos un estado social e democrático, algo tan básico e esencial para a vida humana como é a vivenda non pode estar en mans do capitalismo máis salvaxe. Urxe chegar a acordos e dar solución a un problema que enche de ansiedade, frustración e desesperación a moitas familias no noso país. Familias que chegan aos Servizos Sociais angustiadas en busca de respostas e solucións que non é posible ofrecer nas circunstancias actuais.