Fanny Lago: O Traballo Social nun Centro Especial de Ensino
A presenza de profesionais do Traballo Social no sistema educativo é moi reducida, por moito que a súa necesidade non fai mais que aumentar. Un dos sectores nos que a existencia das traballadoras sociais é cotiá, é a dos Centros de Educación Especial. Para falarnos do seu rol laboral, falamos coa compañeira Fanny Lago, profesional experimentada neste campo.
• Fanny, cóntanos dende cando levas traballando no CEE San Rafael?
A miña experiencia no sector comeza no ano 2016; si ben, no FOGAR e CLÍNICA SAN RAFAEL Vigo levo traballando relativamente pouco tempo. É unha entidade que ten unha bagaxe na atención ás persoas con discapacidade intelectual de máis de 80 anos dando resposta ás súas necesidades nas diferentes etapas vitais.
• Que é un centro de educación especial, e de que entidade depende San Rafael?
Os centros de educación especial son centros educativos que ofrecen unha alternativa escolar para aquel alumnado que presentan unhas necesidades específicas que os centros escolares ordinarios non son capaces de cubrir. Estes últimos traballan fundamentalmente nos aspectos curriculares do seu alumnado e nos centros escolares como o noso ademais deste obxectivo máis puramente académico se traballan as súas habilidades sociais así como a adquisición de aprendizaxes máis funcionais que lle posibiliten ó alumno o seu maior grao de autonomía de cara a súa transición á vida adulta e a súa inclusión plena na sociedade.
O CEEPR FC SAN RAFAEL Vigo forma parte da rede de servicios que a Orde de San Xoan de Deus presta ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias no área de Vigo. E como todos os centros escolares dependen da Consellería de Educación.
A este Centro se suman os servicios de atención residencial, centro ocupacional e unha vivenda tutelada (todos eles dependentes da Consellería de Política Social) e o servicio de rehabilitación que, no seu caso, está conveniado co SERGAS, ofrecendo os servicios de fisioterapia, logopedia e atención temperá. Así mesmo estanse a finalizar as obras dun centro de día dirixido ás persoas con necesidades de apoio extensas e/ou xeneralizadas polo que esperamos poder ofrecer proximamente o servicio de atención terapéutico completando así as diferentes etapas vitais dunha persoa sen que esta teña a necesidade de trasladarse a outro centro especializado.
• Con que equipa de profesionais contades?
A equipa concreta do centro escolar do CEEPR FC SAN RAFAEL Vigo está formado por 7 docentes de educación especial, unha psicóloga, unha traballadora social, unha fisioterapeuta, unha logopeda e varios coidadores de aula que completan a atención pedagóxica do alumnado ao que atendemos.
• Que funcións profesionais realizas coas persoas usuarias e as familias no centro?
Como traballadora social participo no proceso de admisión e valoración do novo alumnado e realizo, xunto co resto da equipa, un seguimento dos mesmos e das súas necesidades ó longo de toda a etapa escolar, que no caso da educación especial pode abarcar ata os 21 anos. Así mesmo se lles facilita a información necesaria sobre os diferentes recursos asistenciais e as alternativas laborais das que poidan ser beneficiarios trala finalización da mesma. O apoio préstase non só o alumnado senón tamén á súa familia, dende una perspectiva integral e sistémica. En moitas ocasións estas chegan ós nosos centros sen información dos posibles recursos ós que poden acceder (discapacidade, dependencia, becas, programas de respiro familiar, etc.) O obxectivo non é outro que mellorar a súa calidade de vida.
• E co profesional docente e o resto de profesionais da equipa?
O traballo en equipo constitúe una ferramenta clave na organización. Como parte integrante dun equipo multidisciplinar, dende o servicio de traballo social colabórase co resto de profesionais na mellora da calidade de vida do alumnado. No noso caso dende una perspectiva social e familiar.
• Que aporta o Traballo Social á comunidade escolar do centro San Rafael?
A figura do profesional do traballo social na Orde de San Xoan de Deus Vigo sempre estivo presente dende os inicios toda vez que se profesionaliza a atención. Completa a visión social na atención integral que se presta ás persoas e ás familias as que atendemos
• Entendo que o traballo en rede con dispositivos e sistemas de protección social é necesario. Como e con quen te coordinas?
A coordinación coas diferentes axentes é constante: administracións tanto locais como autonómica; entidades privadas con o sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo a protección e promoción das PDI, organizacións e entidades de protección ó menor, fundacións prestadoras de medidas de apoio (Sálvora, Funga), federacións de asociacións, etc.)
• Coñeces a presenza de traballadoras sociais nos cadros de persoal dos centros especiais de ensino?
Soamente en centros concertados dependentes de organizacións privadas dedicadas á atención das PDI nas diferentes etapas vitais. Descoñezo se traballadores sociais forman parte do cadro de persoal dalgún centro público pero, lamentablemente, a nosa figura profesional foi sendo eliminada das equipas de centros escolares específicos neste eido.
• Nos centros públicos de este tipo era unha figura profesional común hai anos. Sabes como se chegou a situación actual?
Imaxino que dende as administracións minusvalórase o noso labor considerando o noso rol profesional totalmente prescindible e obviando todo o traballo que se realiza fundamentalmente coas familias nos procesos de aceptación da discapacidade dos seus fillos e promovendo o benestar de todos eles.
• O COTSG esta reclamando a presenza do TS no sector educativo, incluíndo loxicamente a educación especial. Que razón fundamental nos podes dar ti, para esta reivindicación?
O aumento da diversidade no alumnado e, por tanto, das súas necesidades. E poder ofrecerlles unha atención o máis integral posible.
Os centros escolares, tendo en conta a normativa actual na atención á esa diversidade, non poden limitarse exclusivamente a unha atención puramente académica porque as necesidades do alumnado, en función da súa casuística, van moito máis aló e dependen non só da situación persoal, senón tamén sociofamiliar e económica.