O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

ColexiaciónUncategorized

Evelia Murcia, investigación posdoutoral sobre a práctica política dende o traballo social.

Pasara dous anos en centros de Georgia (USA) e Bélxica.

Evelia Murcia  Álvarez, traballadora social, con experiencia docente e investigadora nas Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Lisboa, que este ano a Xunta de Galicia conta cunha axuda de apoio á etapa de formación posdoutoral para o sistema universitario de Galicia e outros centros públicos de investigación. A súa labor investigadora desenvólvea no grupo de investigación PT1- Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo. A finais do curso académico 2024/25, deixou a Escola Universitaria de Traballo Social de Santiago, para preparar dende Ourense esta nova etapa. Dende alí cóntanos un pouco máis do proxecto que realizará nos próximos anos.

“O meu plan de traballo enfócase no proxecto de investigación posdoutoral que leva por título “O compromiso cos dereitos humanos e a implicación na práctica política dos profesionais do traballo social: un enfoque transnacional, ecosocial e ecofeminista” que se desenvolverá conxuntamente pola Universidade de Vigo, a Universidade de Georgia (USA) e a Katholieke Universiteit de Leuven (Bélxica). A proposta é realizar dúas estadías de 12 meses cada unha. A primeira será na Facultade de Ciencias Sociais da Katholieke Universiteit de Leuven, e a segunda na School of Social Work da Universidade de Georgia, no Center for Social Justice, Human and Civil Rights. Ambos centros gozan de elevado prestixio internacional nos ámbitos de estudo propostos.

A liña de investigación proposta neste plan de traballo foi iniciada na miña tese de doutoramento, baixo a dirección dos doutores Yolanda Rodríguez Castro e Francisco Aguiar Fernández, dentro do grupo de investigación PT1- Saúde, Sexualidade e Xénero (Facultade de Educación e Traballo Social, Universidade de Vigo). Este grupo, dirixido pola catedrática María Lameiras Fernández, é un equipo consolidado e interdisciplinario que goza dun amplo recoñecemento pola súa traxectoria. Dende 2023, conta co recoñecemento de grupo con potencial crecemento da Xunta de Galicia.”

Como obxectivos xerais do proxecto sinala os seguintes:

  • Analizar o compromiso e as prácticas de dereitos humanos e a implicación na práctica política das/os profesionais do traballo social, e a súa relación coas actitudes cara unha práctica ecosocial.
  • Abordar empíricamente o papel do traballo social nas prácticas de desenvolvemento  local sostible nunha perspectiva transnacional, ecofeminista e ecosocial para comprender como o traballo social pode contribuír á innovación ecosocial e a conectar sostibilidade nos distintos niveis social, económico e ecolóxico.

Preténdese que os resultados contribúan a artellar propostas sobre como o traballo social pode promover unha transición ecosocial xusta involucrando as vertentes profesional, educativa e investigadora.

Evelia concrétanos que:

“O proxecto de investigación desenvolverase dende un enfoque multimétodo (combinando as metodoloxías cuantitativa e cualitativa). Na dimensión cuantitativa utilizarase a enquisa e incluiranse distintas escalas para avaliar as prácticas de dereitos humanos e a implicación na práctica política nunha mostra de profesionais do traballo social en España, Estados Unidos e Bélxica. Estes datos complementaranse coa dimensión cualitativa a través de entrevistas ou grupos focais con profesionais. 

Por outra banda, a parte cualitativa incluirá tamén estudos de caso co obxectivo de estudar prácticas innovadoras no eido do traballo social ecosocial. Os casos, que serán coidadosamente seleccionados, proporcionarán un coñecemento concreto, contextual e profundo sobre o traballo social como parte do desenvolvemento sostible. As dimensións de análise a ter en conta nos casos seleccionados serán: actores e redes, participación e implicación comunitaria, espazos e estratexias efectivas, competencia profesional e liderado ecotransformacional. O obxectivo final é elaborar relatos empíricos e marcos conceptuais para o desenvolvemento do traballo social ecosocial en España e en Galicia.”

Agradecemos a colaboración de Evelia para esta sección, e despedímonos desexándolle que acade as metas que se propón con este proxecto.

0 Comentar
O maís antigo
O máis recento Máis votado
Comentarios en liña
Ver todos os comentarios
0
Encantaríame saber as túas opinións, por favor comenta.x