O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

Colexiación

Escolas do século XIX, mestres do século XX e alumnos do século XXI

RESUMO DO II SEMINÁRIO INTERNACIONAL DE SERVIÇO SOCIAL. PERSPECTIVAS CRUZADAS SOBRE A INVESTIGAÇAO DO SERVIÇO SOCIAL EN CONTEXTOS ESCOLARES

Autora: Ana Rodríguez, vogal de Laboral do COTSG

O pasado 6 e 7 de febreiro dous integrantes do grupo de traballo social na educación do COTSG, Jonathan Añón e e mais eu, fomos convidados pola Rede Internacional de Serviço Social na Educación, a participar no seu segundo seminario que se celebrou na cidade portuguesa de Vila Real. (Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro )

O convite veu da man de Francisco Aguiar da EUTS de Ourense, co que compartimos relatorio unificando o mundo académico co mundo laboral baixo a perspectiva común de recuperar ou instaurar a figura da traballadora social no sistema educativo.

A nosa intervención baseouse en presentar o novo proxecto na Rede, acudindo coa intención de establecer contactos e coñecer as experiencias prácticas das colegas portuguesas e brasileiras que levan moitos anos de traxectoria profesional nesta área . Mesmo tivemos a oportunidade de coñecer á nosa homónima portuguesa, Jacqueline Marques, na delegación norte da Asociación de traballo social (Colexio Profesional nos próximos meses).

Durante o Seminário acadamos unha visión global da figura profesional en Portugal, así como unha aproximación práctica de como se abordou o traballo de instaurar esta figura no Brasil.

Nel participaron profesionais en activo do traballo social, que trouxeron experiencias en diferentes centros educativos e contextos: rural/urbano, insular/continental e en zonas degradadas con múltiples factores de exclusión. Tamén profesoras universitarias con estudos de investigación no ámbito do traballo social na educación, docentes, e directores de escolas.

En Portugal levan xa unha longa traxectoria de traballo social educativo, existindo a figura profesional en centros e desenvolvendo ademais numerosas investigacións e masters de posgraduado versadas nesta temática. Ate 33 investigacións durante o pasado ano ( con temas tan variados coma familias e escola; escola, conivencia e sistema educativo; alumnado con necesidades especiais problemas de integración; abandono e absentismo escolar; abandono escolar de alumnos de etnia xitana; mozas/os institucionalizados e sistema escolar, bulling, drogodependencias,…) e tres doutoramentos de especialistas nesta materia. Isto levoulles a crear no pasado ano 2017 a Organización Internacional de Serviço Social na Educación, na que tratamos que Galiza estea presente.

A ratio de profesionais do traballo social por alumna/o varía en torno a rexión, pero aproximase a unha traballadora social por 2000 alumnos, número considerado claramente insuficiente para os nosas colegas, polo que están a traballar no incremento das ratios. A maior parte das traballadoras sociais agrúpanse nas coñecidas como TEIP: Territorios Educativos de Intervención Prioritaria.

O recoñecemento coma TEIP establecese por educación anualmente, tras a presentación dun amplo proxecto por parte das directoras/es das áreas educativas. Tras o recoñecemento como TEIP, os centros educativos adquiren unha subvención que lles permite contratar a unha traballadora social e 18 hs de atención psicolóxica. E por isto que as nosas compañeiras portuguesas adoecen dunha escasa estabilidade laboral, ao depender de subvencións anuais, algo que tamén sufre un numeroso grupo de traballadoras sociais na Galiza. Por este motivo ao longo do presente e o pasado ano veñen de realizar mobilizacións perante os organismos públicos

En canto as funcións que desenvolven este tipo de profesionais no país veciño, resulta complexo de resumir nun documento de carácter breve, coma este, xa que son moi amplas e sobre todo adaptadas á realidade de cada TEIP. Se ben poderíase dicir que en xeral realizan traballo social comunitario, tal e como o entendemos no noso país, así como investigación social.

Atópanse con alumnas e alumnos de grande diversidade e niveis (derivados de fenómenos migratorios, minorías étnicas,…) así como con familias de moitas tipoloxías, orixes e niveis de implicación co sistema educativo. Entre todas as áreas e funcións coas que traballan gustaríame destacar as seguintes, a modo de exemplo;

– situación conflito, en toda a súa amplitude, tanto da perspectiva dos grupos de iguais,situación de faltas disciplinarias do alumnado, familias, relacións familias/profesores/alumnos….

  • mobilización de recursos e respostas integradas e concertadas con vista á resolución de situacións-problema
  • diagnóstico e intervención social con alumnos e familias
  • combate do absentismo, abandono escolar,
  • prevención de comportamentos de risco no estudiantado
  • restauración das relacións das comunidades na escola

Son profesionais activistas e dinámicas que perseguen unha maior equidade e a transformación social para unhas relacións mais equitativas e humanas.

As equipas son todas de carácter multidisciplinar, e contan como mínimo cunha traballadora social e psicóloga/o , ás veces sociólogos e con profesionais mais ligadas á reforzo educativo: ‘terapeutas da fala’, ‘técnicas superiores en rehabilitación’ ‘docentes en linguas de signos’ etc.

A perspectiva de todos estes profesionais é holística en toda a extensión do termino,entendendo a escola coma un retrato da sociedade,na que se ven todas as problemáticas sociais* (Paulo Freire)

Non menos importante foron as intervencións das colegas brasileiras, xa que nos contaron como se traballou no Brasil para que, ao longo de 13 anos de loita (2000/2013) se conseguira incluír a figura da traballadora social como profesional no sistema educativo, sendo instaurada de xeito legal na reforma educativa do ano 2013.

Camiño que agora iniciamos dende a Galiza, aínda que agardamos que en breve poidamos unir forzas co todo o territorio nacional a través do Consejo General.

O traballo desenvolto en Brasil pode servir de exemplo e orientación, xa que abordaron distintas áreas pasando pola contextualización da figura profesional, tanto a nivel académico coma de colexios profesionais ( no Brasil CFESS/CRESS), a difusión de documentación para subsidiar a categoría profesional, etc Nun contexto de educación como elemento emancipador (político e humano) e un dereito social universal que debe comprometerse coa inclusión. Os obxectivos destes profesionais no Brasil para visualizar a nosa figura son bastante similares aos dos portugueses e tamén aos que perseguiremos no noso país. Por exemplo podemos citar:

  • fortalecer o traballo colectivo e articulación das redes de servizos sociais
  • loitar pola ampliación profesional e acceso e permanencia na educación e demais servizos
  • afirmar e buscar o recoñecemento da educación como un dereito dos suxeitos sociais
  • crear metodoloxía de traballo colectiva
  • participar nas construcións de políticas de educación e ensino
  • definir as competencias profesionais
  • esixir unha regulamentación estable e carreira profesional
  • acadar formación específica a través dos postgraduados.

O Foro Económico Mundial en xaneiro de 2016 estableceu que: o 65% das crianzas que hoxe atópanse en idade escolar, terán profesións que aínda non existen. A nosa realidade en constante cambio e reconstrución precisa de institucións públicas que den cobertura ás necesidades cambiantes de todos os seus cidadáns. Tanto os adultos como aos que serán no futuro.

Sen unha boa educación non é posible o avance social. E por isto que a figura da traballadora social é moi relevante tamén no ámbito educativo, xa que enlaza a realidade dos centros coa realidade social da contorna na que se instauran.

Anímate a participar con nós neste proxecto que sen dúbida terá unha grande repercusión no futuro profesional.