“É fundamental implementar o acompañamento en procesos de duelo”
Para conmemorar o Día da Saúde Mental e tamén o Día dos Coidados Paliativos falamos coa compañeira de colexiación Chus Lago, traballadora social da unidade de Coidados paliativos do Sergas en Vigo e tamén xefa de servizo de Traballo social da EOXI- Vigo.
- Cres que saúde mental e paliativos teñen o protagonismo preciso na estrutura do SERGAS?
Eu creo que a saúde mental e os paliativos están integrados como unhas áreas máis, clínicas, e de intervención asistencial dentro da estrutura do SERGAS pero tamén penso que, no caso da saúde mental, non foi unha área que recibise o mellor desenvolvemento no tempo, sobre todo nestes últimos anos, non quero dicir que fosen as grandes esquecidas pero nos últimos anos vimos constatando dúas cuestións: por unha banda, unha redución de recursos, persoas, sanitarios… e por outro lado, houbo un cambio importante de enfoque. Creo que as áreas médicas remataron imbuíndo todo o traballo que debería desenvolverse nunha área como a saúde mental, onde a cuestión comunitaria e de mantemento ten que ter un gran peso. Eu vexo un enfoque máis bioloxicista, máis médico e que deixou de lado esa parte psicosocial que creo que é fundamental para poder abordar a saúde mental desde unha visión holística e coa que sexa posible abordar procesos de rehabilitación serios porque as persoas van vivir en comunidade e aí é onde está o soporte para que as persoas con problemas relacionados coa saúde mental poidan desenvolverse como persoas plenas como cidadás e cidadáns.
Agora ben, temos boas novas enriba da mesa que é unha reactivación do plan de saúde mental onde si se contemplan de aquí a catro anos uns investimentos importantes tanto no eido profesional, na contratación de equipos e reforzando e implementando novos programas e novas medidas. Aínda así, eu penso que se debería traballar dun xeito máis intenso na parte comunitaria e vexo que hai unha eiva importante no ámbito sociocomunitario: hai que reforzar equipos, dispositivos de tránsito, programas de acompañamento… porque a intervención sociocomunitaria non nace soa.
Como digo, hai unha parte importantísima que está sen desenvolver que é a integración sociocomunitaria. Nestes intres hai unha dirección sociosanitaria que debería ser o espazo de competencia idóneo para empezar a traballar realmente na integración sociosanitaria no que puideramos abordar as problemáticas e as necesidades que teñen os pacientes no ámbito social e no ámbito sanitario.
- Nesta situación da pandemia da covid 19 as fases do duelo mudaron moito, entón os equipos de traballo social e paliativos se volven cada vez máis indispensables…
A covid colleunos por sorpresa a todas e veu desestruturar todo o que estaba máis ou menos organizado e que tiña unha dinámica propia. Loxicamente en paliativos viviuse e, en xeral, nas áreas clínicas onde ingresaban os pacientes por covid, sobre todo maiores, provintes dos seus domicilios ou de residencias. Loxicamente fai falta entender que as persoas maiores non poden vivir isto soas, que non poden estar nunha situación de falta de acompañamento cando están nos últimos días do final da vida e as e os profesionais non podemos abordar estes traballos de calquera xeito. Nestes meses concorreron os seguintes factores: a pandemia, a escaseza de recursos, os poucos profesionais que estabamos dedicados a isto en traballo social. Obviamente esta pandemia puxo encima da mesa a visualización de moitos deficits porque os colectivos máis vulnerables están a sufrir máis contaxios pola maior masificación. E así vemos casos de persoas maiores que pola súa propia idade e a súa situación basal son os primeiros perxudicados e non pode ser que marchen a un hospital, estean absolutamente sós e non poidan volver ver ás súas familias e nin sequera poidan despedirse. Hai moito que aprender do que aconteceu con esta pandemia pero xa levamos uns meses disto e tiñamos que ter interiorizadas certas dinámicas de funcionamento que nos permitisen avanzar máis. Desde logo, é fundamental implementar o acompañamento nos procesos de duelo, hai que abordar as visitas coas familias doutro xeito porque estamos a falar de persoas en situación moi grave onde peligra a súa vida e onde saen todos os sentimentos e afloran todas as necesidades posibles que poida ter un paciente.
- Desde o Traballo Social Clínico, como valorades a estrutura das carteiras de servizos porque, sería desexable manter ás persoas nos seus domicilios, mesmo se están nunha situación de coidados paliativos?
Iso sempre, a institucionalización das persoas, sobre todo das persoas maiores, ten que ser o último recurso dunha administración porque non é un recurso normalizador, ninguén quere estar nun hospital ou nunha residencia se pode estar na súa casa. Eses son recursos últimos cando xa non hai alternativas previas que servan. Neste momento non temos moito desenvolvemento desas estruturas intermedias.
No caso das persoas maiores, un recurso barato no que eu creo moito desde a óptica duns obxectivos rehabilitadores, educativos e asistenciais é no Servizo de Axuda no Fogar. Con el poderíanse manter persoas nas súas casas moito máis tempo pero hai que adaptalo á realidade actual, non un dos anos 70. Eu creo nun SAF de máis horas, de maior especialización, comprometido cos obxectivos de mellora e normalización dos espazos das persoas, onde che axuden no que precises para vivir na túa contorna, que te integren na vida de barrio ou da aldea, que moitas veces os de menos é limpar. Pero, como digo, o SAF está arcaico, en moitos casos é un servizo de limpeza e hai que mudar a óptica coa que se desenvolve porque as persoas, agora, teñen unhas necesidades diferentes. Non podes empoderar ás persoas do século XXI cuns servizos socias do século XX.
- Iso que dis do SAF, que está arcaico, acontece en máis ámbitos dos servizos sociais?
Estamos nun intre no que temos que repensar o modelo de servizos sociais e cavilar se está a servirlle ás persoas. Como podemos estar mandando a unha persoa de Vigo a unha residencia ao Barco de Valdeorras? Por que desubicamos aos pacientes? Pola escaseza de recursos. Entón, movemos ás persoas como se fosen papeis e, así, perden contacto cos catros veciños que teñen. E iso é ético? Temos uns servizos sociais o suficientemente éticos para garantir a dignidade das persoas? Pois algúns si e outros non! Pola propia dinámica de funcionamento.