O BLOG – COTSG

Gabinete de Comunicación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza

DocentesPersoas invitadasUncategorized

A supervisión profesional no Traballo Social

Entrevista á Dra. Carmina Puig Cruells. Profesora de Traballo Social e supervisora de equipos profesionais do eido psico-social. Docente do Curso de Supervisión profesional do COTSG.

Que é a supervisión?

A supervisión é entender que as persoas e profesionais necesitan espazos para poder falar e reflexionar sobre a propia tarefa, sobre o “quefacer” profesional cotián.

É importante puntualizar que a palabra supervisión non quere dicir mando — relacionada con exercer poder —. Neste ámbito non é así, é un apoio, que debe ser contratado de forma externa.

En canto á supervisión,  é importante lembrar que debe ser contratada  externamente e non exercer ningún control institucional sobre os e as profesionais. O papel da persoa supervisora é de apoio e acompañamento e eu non lle encontro sentido a  que esta supervisión  poida ser interna nin de alguén que teña poder sobre o equipo. A supervisión crea un espazo onde tratar a situación sen expoñerse e sen ter medo ás consecuencias. A este respecto,  outro punto importante é que a persoa supervisora debe pactar coa  institución e os/as profesionais unha rigorosa confidencialidade, é dicir, esta figura non pode falar de ningún suxeito participante.

Cal é a importancia da supervisión no ámbito dos Servizos Sociais?

A supervisión é importante neste ámbito e en todos aqueles que teñan que ver coa atención ás persoas: persoal sanitario, de ensino, en definitiva, onde a atención á persoa ten un sentido e ten que ser de calidade.

No caso concreto de Servizos Sociais, a supervisión achega un “quefacer” profesional de máis calidade e á súa vez tamén pon o foco no coidado dos e das profesionais. Con máis profundidade, por unha banda poder reflexionar sobre a práctica profesional, dado que a intervención social é un traballo complexo a diferentes niveis, tamén para a resolución de conflitos nos equipos e por suposto o coidado dos e as profesionais, sendo a supervisión un espazo que permite pensar como afrontamos os encargos institucionais. Hai que lembrar que a ferramenta ou instrumento que máis utilizan as e os profesionais é elos/as mesmos/ as e non debemos perder de vista que o noso traballo lida coa ansiedade, sufrimento e problemáticas sociais que a outra persoa trae. Neste aspecto toma sentido a supervisión  converténdose nun espazo de grupo e equipo no que escoitarnos, onde poder conversar, dubidar, reflexionar e poder canalizar todas esas emocións e preocupacións. 

Cando está indicada? Que apartados ou  ítems  se traballan coa integración da supervisión nun equipo de traballo en Servizos Sociais?

Está indicada cando os e as profesionais exercen prácticas vinculadas á axuda humana e a persoas e especialmente nestas profesións nas que a relación é moi relevante para poder traballar. Pero tamén está indicada para directores/as de servizos, presidentes/as e coordinadores/as, porque débese remarcar que os mandos máis altos tamén deben participar desta práctica. 

Sempre será un bo momento para introducir a supervisión, se hai malestar, se hai cambios, tamén cando se avalía ou se implementa un sistema de calidade.

Como se inicia unha sesión de supervisión?

Pois adoita ser cunha reunión grupal, na que se establecen os temas que ten cada persoa para traballar nun momento determinado, dado que a supervisión non é un lugar de solución, do que se trata é de pensar, elaborar…desta forma, con todo o que emerxeu na sesión,  as persoas integrantes do equipo poden reflexionar e tomar decisións respecto diso.

Cales son os beneficios percibidos cando avanzan as sesións?

Mellora a tarefa diaria, ademais de que os membros do equipo séntense máis atendidos, por tanto, cando hai atención hai mellora na calidade do traballo. Axuda a poder ter mellor trato interequipos, dado que se somos máis conscientes de como nos gusta ser tratados tamén melloraremos o trato cara os demais. Crea referentes comúns, creando unha linguaxe máis común no equipo e reforza a confianza, o apoio e a motivación. Os e as profesionais valoran como moi satisfactoria a supervisión e  que se lles ofreceu este espazo.